Os primeiros compradores de leite, ¿os malos da película?

O propietario de Leche Río, Jesús Lence, tilda de “tratantes” e “especuladores” ós intermediarios que lle compran ás granxas para venderlle ás industrias. Lácteos de Riotorto lembra que aínda estes días lle pediron que se fixese cargo dunha granxa á que Río lle practicaba “descontos abusivos”

Os primeiros compradores de leite, ¿os malos da película?

Boa parte das industrias operan con primeiro compradores. / Arquivo.

O papel dos primeiros compradores no sector lácteo está a entrar a debate. En Galicia, máis dunha cuarta parte do leite é recollido nas granxas polos chamados primeiros compradores, operadores intermediarios que lle mercan ós gandeiros e lle venden ás industrias. As críticas contra os primeiros compradores chegaron estes días por partida dobre, tanto polas organizacións agrarias como polo propietario de Leche Río, Jesús Lence, que os calificou de “tratantes” e “especuladores”.

As organizacións agrarias veñen advertindo nos últimos meses de impagos ós gandeiros por parte de algúns primeiros compradores, co caso de Lácteos Terra de Montes na punta do iceberg. Arredor de 200 granxas estarían afectadas por esta situación en toda Galicia, segundo Unións Agrarias. Desde Lácteos de Riotorto, o seu responsable, Víctor Crecente, pide que non se metan a todos os operadores no mesmo saco e cuestiona os ataques contra os primeiros compradores.

“As industrias teñen a sartén polo mango. Se eu non dou vendido o leite, non o vou beber” (Víctor Crecente, Lácteos de Riotorto)

“Non todos somos iguais. Non vou ser eu o que defenda a compradores con impagos, pois iso non pode ocurrir, pero non hai que esquecer que as industrias son as que teñen a sartén polo mango”-destaca.- “Se eu non dou vendido o leite, non o vou beber”, conclúe Víctor, que a primavera pasada tamén saíu en público para explicar por que lle tiña que baixar o leite ás granxas ata os 19-20 céntimos.

Aquela situación, que puxo en dificultades ás arredor de 100 granxas que lle vendían o leite, tamén afectou á propia empresa: “Podo dicir que acabei a primavera con perdas. Paguei máis do que ingresei”, asegura. Coa mellora do mercado, Lácteos de Riotorto recuperou a normalidade de prezos de compra, que están agora “na media do mercado”, segundo Víctor.

As declaracións efectuadas estes días polo propietario de Leche Río, que calificou ós primeiros compradores de “tratantes” e “especuladores” molestan en especial a Víctor Crecente, que advirte de que Río véndelle parte da súa recollida a outras industrias transformadoras. “Que me digan se iso non ten relación cos ‘tratantes’ do leite”, cuestiona. Crecente tamén lembra que estes días unha persoa dun sindicato pediulle que se fixese cargo dunha granxa á que Río lle aplica importantes descontos. “Tan malos non seremos”, defende.

Catro claves para entender a situación dos intermediarios


1) Relación entre industrias transformadoras e primeiros compradores

Os operadores que actúan como primeiro compradores teñen escasa seguridade na súa relación coas industrias. En tempos de exceso de oferta, poden atoparse con dificultades para colocar o leite, o que repercute en que paguen menores prezos no campo.

A mesma situación afecta ás cooperativas primeiro compradoras, que en intres de crise vense en dificultades para pagarlle os seus socios prezos que se acheguen á media do mercado. As cooperativas, de feito, pediron a implantación dun contrato tipo entre industrias e primeiro compradores.

2) Decreto para regular ós primeiros compradores

O Ministerio de Agricultura presentou a comezos deste ano un borrador de decreto co que buscaba aumentar a transparencia no proceso de intermediación do leite. O borrador estipulaba que cada comprador comercializador debía de informar ó Ministerio das cantidades que lle vendía a cada industria e do seu prezo de venda. Tamén avogaba por esixir unha dimensión minima para operar na compra venda de leite. Polo de agora, nada máis se soubo do proxecto de normativa.

3) Xestión de excedentes

A desestruturación do mercado lácteo español plásmase sobre todo nos operadores intermediarios. Cando hai excedentes, non existen protocolos nin mecanismos para organizar conxuntamente a súa xestión. Consecuencia, aqueles actores con máis dificultades para colocar a produción son os que teñen que destinala a leite en po e pagala no campo ó valor que ofrece o leite en po, no entorno dos 20 céntimos.

4) A cuestión dos impagos
Ante os impagos que acumulan nos últimos meses arredor de media ducia de primeiros compradores, as organizacións agrarias piden que o Ministerio obrigue ós intermediarios a depositar un aval para facer fronte a posibles casos como o actual. Desde Lácteos de Riotorto consideran ilóxica esa petición. “Entón terían que obrigar tamén ás industrias coas que traballamos a poñer un aval. Actualmente temos impagos de firmas como Lácteos Perfecto Pérez, de Ourense, ou Lácteos de Celorico”, sinalan.

Lácteos de Riotorto lembra tamén que ten depositado un aval no Fega, correspondente á epoca das cotas lácteas e das supertaxas, que aínda non lle foi devolto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información