Os prezos medios do leite no campo subiron un céntimo en outubro

O informe do Fondo Español de Garantía Agraria (Fega) revela un escaso éxito das axudas europeas para reducir a produción, pois as entregas baixaron só un 1% en relación ó mesmo mes do ano pasado

Os prezos medios do leite no campo subiron un céntimo en outubro

O prezo medio do leite está a remontar no campo desde agosto.

A recuperación dos prezos do leite no campo estase a consolidar mes a mes, segundo os datos do informe mensual que elabora o Fondo Español de Garantía Agraria (Fega), dependente do Ministerio de Agricultura. O Fega vén de publicar o seu último informe, correspondente ó mes de outubro, no que subiu un céntimo o prezo medio do leite a nivel de España, pasando de 29,6 céntimos a 30,6 céntimos. En Galicia produciuse unha suba similar, pasándose de 28,2 a 29,3 céntimos de media.

Desde as organizacións agrarias, atribúese esa mellora ás subas que están a aplicar os primeiros compradores intermediarios, que durante os meses duros da crise mantiveron de xeito xeralizado prezos por baixo dos 25 céntimos e, nalgúns casos, por baixo dos 20 céntimos. As melloras de prezo, en cambio, non están a chegar de xeito sustantivo ás explotacións que traballan coas principais industrias de recollida en Galicia, caso de Lactalis, Celta ou Larsa (Clas), que teñen contratos asinados a prezo fixo para a maior parte do leite ata comezo do 2017.

En canto á evolución de prezos nas comunidades veciñas, Castilla y León sitúase en 30,8 céntimos e Asturias en 32,3. O resto da Cornisa Cantábrica tamén rexistra mellores cotizacións que Galicia, que continúa á cola de España. O País Vasco está en 34,6 céntimos e Cantabria en 29,8 céntimos.

Baixada da produción
O volume de produción en outubro rexistrou unha lixeira baixada dun 1% (6.000 toneladas), similar ás reduccións que houbo nos meses de primavera. A maior parte da caída de entregas correspóndelle a Galicia, que produciu 5.000 toneladas menos que no mesmo mes do ano anterior.

A escasa baixada da produción revela un limitado impacto do programa europeo de axudas para reducir a produción. En España, un 10% das explotacións comprometeu unha baixada conxunta de 31.000 toneladas no último trimestre do ano, o que representaría unha reducción de máis de 10.000 toneladas ó mes.

O informe do Fega apunta a que unha boa parte do que deixaron de entregar unhas granxas, estano producindo outras a maiores. No conxunto do ano, España leva producido un 1,9% máis de leite que no 2015.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información