Os prezos dos produtos lacteos industriais repuntan na UE

O sector teme unha sobreoferta de leite a partir de abril, coa conseguinte caída de prezos en orixe no agro

Os prezos dos produtos lacteos industriais repuntan na UE

As estatísticas de leite en po, manteiga e queixo cheddar amosan un repunte de prezo en xaneiro.

Os prezos dos produtos lácteos industriais están medrando na UE no que vai de 2015. O leite en po e a manteiga subiron uns 30 euros cada 100 quilos desde comezos de ano e tamén houbo subas de lactosueros e, en menor medida, dalgúns dos queixos de exportación. A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Seivane, que participou esta semana nunha reunión do Observatorio Europeo do Mercado do Leite, reclama que esas subas se trasladen a unha recuperación do prezo en orixe do leite.

Similar demanda expresou recentemente Unións Agrarias, que hai uns días botaba man das subas dos produtos lácteos industriais nas subastas da neozelandesa Fonterra, a principal referencia no mercado internacional.

A actual coxuntura de mellora do mercado lácteo internacional enfróntase sen embargo a un posible cambio de tendencia tras o fin das cotas, o 1 de abril do 2015. Na actualidade, na UE estase a producir unha contención da produción en todos os países para evitar o sobrepasamento da cota, con casos como o de Polonia, onde o sacrificio de vacas aumentou un 47% ou o de España, onde o envío de vacas ó matadoiro aumentou un 10%, segundo os datos que manexa o SLG.

Tras o 1 de abril, a previsión é dun aumento da produción na UE e tamén hai previsións de incrementos de produción noutras zonas do mundo, o que pode provocar situacións complicadas no mercado lácteo. “Para este ano prevese un aumento da oferta mundial do 3,7%, en tanto a demanda subirá só un 2%”, valora o Sindicato Labrego.

Control privado da produción
Ante esta situación, o Sindicato Labrego pide da UE novos mecanismos de control da produción, unha cuestión á que a UE xa indicou que non estaba disposta. “A parálise dos poderes públicos nesta cuestión está levando a que haxa industrias francesas que xa optan por controis privados da produción, con penalizacións de 5 céntimos no prezo do leite a aquelas explotacións que superan as cantidades de leite asignadas”, apunta o Sindicato Labrego. “Segundo representantes destas industrias, prefiren adaptarse ó mercado real que teñen en lugar de meterse en grandes investimentos para producir máis”, valora a organización agraria.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información