Os prezos do leite, con síntomas de recuperación

Leche Celta subirá 1 céntimo para novembro e 2,2 céntimos en decembro. A subasta internacional de lácteos de Fonterra experimenta o cuarto aumento consecutivo de cotizacións

O mercado dos produtos lácteos industriais é un dos termómetros que segue o sector para valorar as perspectivas do prezo do leite no campo, xa que a tendencia dun condiciona o camiño do outro. Así, os índices de prezos do Global Dairy Trade (GDT), unha plataforma internacional de subastas xestionada pola neozelandesa Fonterra, desplomáronse entre a primavera e o pasado mes de agosto, en paralelo ós baixos prezos no campo, con caídas dos índices durante cinco meses consecutivos. Desde entón, o GDT realizou catro subastas nas que se rexistraron subas dos prezos, a última onte, cun aumento medio das cotizacións do 9,9%. Tamén onte trascendía que Leche Celta anuncia subas do leite no campo.

En anteriores crises, como a do 2009 ou a do 2012, os repuntes de prezos no Global Dairy Trade comezaron tamén a finais do verán e comezos do outono, prolongándose ata a primavera seguinte. No actual contexto, para os expertos resulta máis complicado facer prediccións, xa que factores como o embargo ruso ou os aumentos da produción na UE alteran o escenario tradicional do mercado.

Evolución do índice do Global Dairy Trade desde o 2006.

Evolución do índice do Global Dairy Trade desde o 2006.

Perspectivas en Galicia
Tras o acordo lácteo asinado pola industria e a distribución en Madrid, así como por parte do sector gandeiro, os produtores agardan unha recuperación dos prezos ó longo dos próximos meses. As primeiras industrias que moveron ficha foron Leche Celta e Central Lechera Asturiana no mes de setembro, cando anunciaron que eliminaban os contratos á baixa que lle presentaran as súas explotacións proveedoras.

Agora trascendeu tamén que Celta lle está propoñendo ós gandeiros un contrato de catro meses cunha suba dun céntimo para novembro e de 2,5 céntimos para decembro, segundo anunciou onte o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García.

As organizacións agrarias agardan que os anuncios da distribución de aumentar os pagos ás industrias no entorno a 2 céntimos se plasmen tamén en subas similares no campo a partir do outono. Se a maiores mellora o mercado internacional, o sector entende que as subas do prezo deberían tamén aumentar. “A situación polo de agora mantense igual que en agosto. Retiráronse os contratos á baixa, aínda que nalgún caso hai problemas polas modificacións das calidades, e agora esperamos que as industrias dean pasos”, resume Elías Somoza, da Fruga.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información