“Os leites vexetais non son un alimento completo e equilibrado como o leite de vaca”

Entrevista a Jaime Dalmau, especialista en Pediatra na Unidade de Nutrición e Metabolopatías no Hospital Infantil La Fe de Valencia. Defende a necesidade de suplementar o leite con vitamina D e advirte das carencias nutricionais que presentan os mal chamados “leites vexetais” fronte ao leite de vaca.

“Os leites vexetais non son un alimento completo e equilibrado como o leite de vaca”

Jaime Dalmau Serra. Foto: pediatriaintegral.es

Jaime Dalmau Serra é uns dos máis destacados especialistas en nutrición infantil en España. É especialista en Pediatra e doutor en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela. Ademais, foi membro e coordinador do Comité de Nutrición da Asociación Española de Pediatría e é director de Acta Pediátrica Española, entre outras responsabilidades.

Nesta entrevista aborda a importancia do leite na alimentación humana, especialmente na infancia e os riscos que pode representar a substitución nos últimos anos deste alimento polos mal chamados “leites vexetais”.

Por que é imprescindible o leite para a alimentación humana en determinadas etapas?
O leite é o principal alimento para que o ser humano poida tomar calcio. Por tanto, se non se toman lácteos hai risco, polo menos, de non inxerir suficiente calcio.

Centrándonos na infancia e na adolescencia, ¿Que beneficios achega o leite de vaca e cales serían as doses recomendables?
Son pediatra e na alimentación infantil debemos saber que nutrientes estamos a recomendar. Neste sentido, a un neno cando lle recomendo leite quero darlle fundamentalmente calcio. Ademais, é un alimento que ten unha cantidade de proteínas moi adecuadas por volume, aínda que non é algo que nos preocupe aos pediatras xa que nestes momentos en España os nenos toman proteínas en exceso.

“O leite debería estar suplementado con vitamina D”

Por tanto, recomendaría que desde a infancia e ata o período de idade adulta se tome leite, pola súa importancia como achega de calcio, e aconsellaría que estivese suplementado con vitamina D. Os datos científicos indican que esta vitamina é moi importante para a saúde ósea e para previr diversas enfermidades (doenzas autoinmunes, infecciosas, complicacións da obesidade, etc.) e é moi difícil obtela nunha dieta normal.

En canto ás doses recomendadas, entre o ano e os 3 anos o consumo recomendado é de 2-3 racións diarias; durante a etapa preescolar e escolar, os nenos deben tomar unhas 2 racións diarias e os adolescentes deben inxerir entre 3 e 4 racións do lácteos ao día.

O consumo medio de leite en España baixou notablemente desde algo máis de 120 litros por persoa adulta e ano a pouco máis de 70. Preocúpalle este descenso? Que efectos pode ter sobre a infancia e a adolescencia?
Sobre todo descendeu na adolescencia, que é xunto cos 2-3 primeiros anos de vida o período máis importante para a poboación infanto-xuvenil desde o punto de vista nutricional. Ambos os períodos caracterízanse pola necesidade de calcio, polo que se nestes dous períodos non se consome suficiente leite podería ser un factor de risco de osteoporose que se manifestaría no período de adulto. Isto non está a ocorrer nos nenos de 0 a 3 anos pero si na adolescencia.

 “Preocúpame o descenso no consumo de leite na adolescencia”

¿Os chamados “leites vexetais” son máis saudables e nutricionais que o leite de vaca, tal e como anuncian as campañas de publicidade?
Hai que lembrar que o leite prodúcese nas glándulas mamarias dos animais mamíferos, por tanto o que sae dunha planta non é leite. Isto é perigoso porque as bebidas vexetais non son un alimento completo e equilibrado como o leite. Por exemplo, carecen de lactosa, que é un hidrato de carbono que axuda moito á absorción do calcio.

Ademais, moitos leites vexetais teñen menos calcio ou carecen de suplemento de vitamina D. Segundo estudos recentes que realizamos, conclúese que estas bebidas, mesmo nalgunhas suplementadas con calcio, a súa cantidade é inferior á do leite.

Tamén se viu, de acordo coa composición exposta na etiquetaxe que desde o punto de vista nutricional non son bebidas equilibradas, polo que necesitan ser complementados na dieta con alimentos que conteñan os nutrientes deficitarios de cada bebida vexetal. A título de exemplo e en xeral, vese que a maioría que as bebidas vexetais a base de soia teñen poucas calorías e con proteínas de baixo valor biolóxico; as elaboradas a partir de arroz presentan pouca cantidade de proteínas, as de améndoa teñen pouco sodio e cloro…etc. Outra característica común é o exceso de azucres, a carencia de ácidos graxos de cadea longa e falta de vitamina D e de calcio, excepto cando están suplementadas correctamente.

“Detectamos carencias nutricionais nos leites vexetais”

É dicir, as bebidas vexetais non substitúen ao leite desde o punto de vista nutricional en ningún caso. O cal non quere dicir que non se poidan consumir ou que sexan malas, pero deben ser complementadas con outros alimentos para unha alimentación equilibrada e completa.

Sen embargo, ante un problema de colesterol ou mesmo de problemas intestinais, o primeiro que fan moitos médicos é retirar o leite e os produtos lácteos. ¿Hai unha base científica para estas decisións?, ¿Realmente a graxa do leite é tan mala?
Hai estudos recentes que conclúen que os ácidos graxos do leite non son tan malos como se pensaba ata hai uns anos. Recomendaría na infancia consumir leite desnatada soamente en dous casos: cando hai nenos con obesidade e en nenos con colesterol alto (dislipemia e hipercolesterolemia). Nos demais casos, non hai por que retirar a graxa do leite se o resto da alimentación é equilibrada

Que características deberían reunir os leites nutricionais? Hai marxe de mellora?
Cando non é posible a lactación materna, existen as chamadas fórmulas 1 ou de inicio e a fórmula 2, de continuación, para a partir do sexto mes. O problema son os leites junior, de crecemento ou de fórmulas 3, para nenos de 1 a 3 anos. A composición das dúas primeiras está regulada por lei, non así os leites junior.

A cantidade de proteínas que toman os nenos non nos preocupa aos pediatras, xa que inxiren entre 2 e 3 veces máis das cantidades que necesitan. Con todo, detectamos unha inxesta baixa de alimentos que conteñen ferro, e escaso consumo de verduras e de peixe. Neste sentido, as leites tipo Junior suplementados con ferro, ácidos graxos de cadea longa (DHA), e tamén quizais nalgúns casos con vitamina C e ácido fólico, son unha opción para conseguir inxestas adecuadas destes nutrientes

“A Administración debería regular os leites junior”

O problema dos leites de junior é que non existe lexislación e a Comisión Europea decidiu neste mesmo ano non regular as cantidades de nutrientes que deben levar. Isto dificulta o traballo dos pediatras. De feito, segundo un estudo que realizamos existen no mercado algúns leites junior que teñen baixo contido en dferro e proteínas, noutros casos están suplementadas con DHA pero carecen de ácido fólico….etc. Por iso, os pediatras se recomendamos leites junior, -o cal debe facerse se o resto de alimentos que se toman ao longo do día non son adecuados-, deberiamos recomendar marcas concretas de fórmulas 3 xa que varían moito as cantidades de moitos nutrientes. Algo que non ocorre cos leites 1 e 2, onde os ingredientes son moi parecidos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información