Os gandeiros non queren que lles dean esquinazo

Arredor de 2.000 persoas e 200 tractores maniféstanse en Chantada en demanda dun acordo de prezos para o sector, unha posibilidade cuestionada polo Ministerio de Agricultura

Os gandeiros non queren que lles dean esquinazo

A manifestación de Chantada, a segunda comarcal tras a de Santa Comba, contou de novo cun gran respaldo social.

O acordo acadado en Francia para subir o prezo en orixe do leite orientou as protestas dos gandeiros en Galicia a un obxectivo claro. Queren o mesmo que en Francia. Un acordo entre o sector produtor, industria e distribución para subir o prezo do leite en orixe con carácter inmediato. O Ministerio de Agricultura e a Consellería do Medio Rural negan que un acordo similar ó francés sexa posible, aludindo á normativa de Competencia, pero o sector ten fixada a presa e négase a que lle dean esquinazo. Mäis de 2.000 persoas e uns 200 tractores saíron hoxe á rúa en Chantada para redobrar o pulso coas Administracións.

O acto de Chantada contou de novo cun gran respaldo social, tanto do propio sector como dos políticos da comarca e do comercio local. A protesta iniciouse cunha concentración na Feira de Gando e rematou ante o Concello coa lectura dun manifesto por parte de Águeda Capón, da Gandeiría Capón (Chantada), coñecida no sector pola súa participación habitual nos concursos de novos manexadores.

Tractores na manifestación.

Tractores na manifestación.

“Esiximos das autoridades que deixen de agocharse detrás da Comisión Nacional da Competencia ou detrás da Comisión Europea. Non valen as medidas de refinanciamento das débedas. O que queremos é non ter que endebedarnos para facer o noso traballo”, advertiu Águeda na lectura do manifesto final.

Situación política

Na mesma liña se expresaron os distintos representantes do sector que asistiron á mobilización. “Este problema ten que ter unha solución política, igual que en Francia”- valora o presidente da cooperativa Icos, Javier Taboada-. “Quen ten que orquestalo? Está claro que a quen se elixe para orquestar o sector. A ministra ten que remangarse e buscar un acordo. Alomenos, na reunión que mantivo o sector onte en Santiago xa se visibilizou que o presidente da Xunta apoia un acordo como o francés, que é algo importante”.

A secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba, tamén insistiu na mesma idea. “Séguense poñendo excusas para esquivar unha solución real. Non creo eu que a lexislación europea cambie ó pasar os Pirineos. Se en Francia chegan a un acordo de prezos e Competencia permite ese acordo, aquí non debe haber problemas”.

Non faltou o humor.

Non faltou o humor.

Prezos preocupantes
O sector gandeiro quere unha suba do prezo medio de mercado, situado agora en 27,9 céntimos, segundo os últimos datos do Ministerio para Galicia, pero amósase en especial preocupado pola situación crítica de 2.500 explotacións –dun total de 9.500- que están a cobrar menos de 26 céntimos o litro, cuns 500 casos a 18-20 céntimos.

“Está claro que os produtores non podemos producir todo o que queremos e que ten que haber un control da produción, pero a industria non pode ter arcos de prezos de 10-12 céntimos nunha mesma zona”, critica o presidente de Icos, Javier Taboada, que cuestiona en especial o comportamento de empresas como Leite Río ou Reny Picot. Esta última chega a pagar prezos por baixo dos 18 céntimos litro, que deixan ás explotacións en situacións moi apuradas.

manifestación chantada pancarta

Os retrasos que se están dando nalgúns casos no pago do leite, liquidacións mensuais a gandeiros que cambian de empresa a prezos de 2-3 céntimos o litro ou condicións cuestionables na letra pequena dos contratos son outros problemas que denuncia o sector. “Estes días vimos un contrato de Leite Río a 27 céntimos o litro pero que aplicaba uns descontos leoninos por temas de calidade, de xeito que ó gandeiro podían quedarlle só 19 ou 20 céntimos por litro”, explicaba Anxo Escariz, da Organización de Productores de Leche (OPL).

O acto de Chantada contou coa presencia da maioría de alcaldes das comarcas de Chantada, Lemos e da Ulloa, así como dos representantes das organizacións que integran a Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, tales como cooperativas e organizacións agrarias (Unións Agrarias, Asaja Galicia, Sindicato Labrego, Federación Rural Galega –Fruga-, ou Organización de Productores de Leche).

“Levo perdidos máis de 12.000 euros desde inicio de campaña”

O gandeiro José Randolfe é un dos máis de 2.500 que cobran en Galicia o leite a menos de 26 céntimos. O seu prezo medio sitúase en 23,8 céntimos, máis ou menos calidades. Randolfe conta cunha produción anual duns 250.000 litros, no estrato medio en Galicia. “Hai gandeiros con menos prezo e hai tamén algúns con máis”, valora. “Imaxino que moito máis os prezos non poden baixar porque senon teremos que pechar todos. Eu desde inicios de campaña (1 de abril) levo perdidos máis de 12.000 euros. Son cartos que tiven que desembolsar para seguir e facer fronte a abonado, ensilaxe e sementeira”, precisa Randolfe.

José Randolfe.

José Randolfe.

Perdas no millo
Ó problema do leite engádese este ano o causado pola seca na produción de forraxes. “Hai parcelas nas que a colleita non vai cubrir o custo da ensilaxe”, pronostica Randolfe. “Resementei parcelas de millo e no outono terei que resementar parcelas de herba”, asegura. “Teño un seguro que cubre as perdas da seca na forraxe, pero ten unha franquicia do 30%, polo que o que podo cobrar do seguro será mínimo”.

image_print

Una idea sobre “Os gandeiros non queren que lles dean esquinazo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información