Os gandeiros inician bloqueos contra áreas comerciais o xoves 10

A Plataforma en Defensa do Sector Lácteo cuestiona que a maioría das cadeas da gran distribución evitase subscribir o Código de Buenas Prácticas Mercantiles en la Cadena Alimentaria

Os gandeiros inician bloqueos contra áreas comerciais o xoves 10

O sector retoma os bloqueos de setembro contra a gran distribución. / Arquivo.

A Plataforma en Defensa do Sector Lácteo acordou esta mañá emprender unha campaña de bloqueos con tractores a centros comerciais da gran distribución. As accións iniciaranse este xoves 10 na Coruña e anúncianse con carácter indefinido. Con estas mobilizacións, a Plataforma busca forzar un compromiso das firmas da distribución para trasladarlle a suba do prezo do leite no supermercado ós gandeiros.

O sector produtor recoñece un certo compromiso das cadeas de distribución para elevar o prezo do leite nos supermercados, rematando así coa banalización do brik, pero cuestiona que esa suba non estea chegando ó campo. Cadeas como Mercadona, Eroski ou Lidl si comprometeran en setembro unha suba dos prezos nos pagos ós seus proveedores lácteos, pero entre os gandeiros hai máis que dúbidas sobre que tales aumentos se levaran á practica en tódolos casos.

Código de boas prácticas
A maiores, boa parte das cadeas de distribución renunciaron a asinar a finais de novembro o Código de Buenas Prácticas Mercantiles en la Cadena Alimentaria, impulsado polo Ministerio de Agricultura. Esa ausencia da sinatura das asociacións da gran distribución Anged e Aces, que agrupan, entroutras cadeas, a Alcampo, Carrefour, Eroski ou Lidl, é recibida polos gandeiros como un desafio.

O Código de Buenas Prácticas Mercantiles fixa uns compromisos adicionais ós marcados pola Lei da Cadea Alimentaria en aspectos tales como a cooperación entre os operadores, a resolución de conflictos e a sostibilidade da cadea. “Este Código acredítanos a todos ante a sociedade e, en especial a aquelas empresas interesadas en poñer de manifesto ante os consumidores a súa responsabilidade social”, sinalou a ministra, Isabel García Tejerina, no acto de sinatura, no que participaron Cooperativas Agroalimentarias, Asaja, Coag e Upa pola parte produtora; Asedas, pola distribución e Fiab polos fabricantes agroalimentarios. Faltaron Anged e Aces, dúas das principais cadeas da gran distribución.

Lugo
Para o xoves 10 está prevista tamén a mobilización dos gandeiros da asociación Agro Muralla, que convocaron ós produtores da provincia de Lugo a unha tractorada na Ronda da Muralla, a imaxe da celebrada en setembro pasado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información