Os gandeiros da tractorada de Lugo reúnense coa conselleira do Medio Rural

Os produtores manteñen unha primeira toma de contacto con Ángeles Vázquez para trasladarlle as súas inquietudes sobre a situación do sector

Os gandeiros da tractorada de Lugo reúnense coa conselleira do Medio Rural

Os gandeiros de Lugo están a impulsar unha nova asociación. / Imaxe: Arquivo.

A nova conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, mantivo unha reunión cunha representación dos gandeiros que coordinaron a tractorada de Lugo e que están a ultimar os trámites para constituirse en asociación. O encontro, solicitado polos produtores, tiña o obxectivo principal de establecer unha primeira toma de contacto coa titular de Medio Rural e de trasladarlle as inquietudes dos gandeiros en relación á situación do sector.

O malestar polo estancamento de prezos no campo ou a disconformidade das explotacións coas axudas deseñadas polo Ministerio foron algúns dos aspectos abordados, segundo explicou onte Odón Castro, un dos cinco gandeiros que participou na reunión en Santiago con Ángeles Vázquez. “Os prezos do leite no campo seguen máis ou menos igual. Houbo algún repunte, sobre todo para explotacións que tiñan un prezo moi baixo, pero tamén hai industrias como Danone que baixaron os prezos”, valora Odón.

As axudas por vaca do Ministerio para compensar ós produtores pola crise tampouco convencen ós produtores. “A xente que vai cobrar a axuda, percibirá ó final o 70% do importe ó que tería dereito, non o 100% anunciado. Entendemos ademais que hai gandeiros que deberían ter dereito a esa axuda e que quedaron fóra do reparto, xa que para establecer os cortes habería que tomar como referencia o prezo base do leite, non o prezo final con primas”.

Da reunión coa conselleira, os gandeiros saíron satisfeitos. “Trasladounos que estaba disposta a colaborar con nós no que precisásemos”, apuntan.

Os produtores de Lugo continúan cos trámites para constituir unha asociación, da que contan con ofrecer máis detalles en próximas semanas. Polo de agora, as súas perspectivas apuntan a que aglutinarán en torno a 800 produtores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información