Os gandeiros da tractorada de Lugo decláranse en espera da conselleira

Os produtores acordan esta mañá en asamblea proseguir a protesta en tanto non acuda a titular de Medio Rural a explicarlles as medidas que vai adoptar ante a crise do leite

Os gandeiros da tractorada de Lugo decláranse en espera da conselleira

Gandeiros concentrados ante o edificio multiusos da Xunta durante a asemblea de hoxe.

Lugo amenceu hoxe con centos de tractores que continuaban a rodear a muralla tras a masiva tractorada de onte. Parte dos gandeiros tamén fixo noite en Lugo, en tanto outros optaron por voltar a casa e ir regresando ó longo da mañá. Sobre as 11 horas, máis de 200 produtores, concentrados ante o edificio multiusos da Xunta, iniciaron unha breve asamblea que se saldou cunha decisión unánime. Seguirán na muralla ata que a conselleira do Medio Rural acuda a explicarlles as medidas que vai adoptar ante a crise do leite.

A coordinación da asamblea, megáfono en man subido nun tractor, levouna Roberto López, un gandeiro de Lugo, que emprazou á titular de Medio Rural, Rosa Quintana, a reunirse cos gandeiros da tractorada. “A estas alturas, despois de tantas manifestacións, necesitamos falar coa conselleira. Se tivo tempo para vir cear antonte con Lence á parrillada Antonio, ten tempo de vir falar cos gandeiros”, concluía López en declaracións ós medios.

“Os gandeiros somos nós, os que estamos cobrando o leite a 20 céntimos somos nós e iso ten que entendelo. Necesitamos que veña aquí, que dea a cara e diga que pasos está levando. Que veña ante o multiusos, que colla un micro e nos diga que está facendo porque os sindicatos para nós colleron un camiño desviado dos gandeiros e non nos representan”, valorou o produtor.

Roberto López.

Roberto López.

Tanto na asemblea como nas posteriores declaracións ós medios, López pediu un recoñecemento para a xente que segue a traballar nas granxas durante a tractorada. “Para estar eu aquí, está a miña muller traballando na explotación. As vacas hai que muxilas á mañá e á noite, e cando remate, ela virá aquí e cos nenos tamén”, explicou. “Se nos imos, será puntualmente para facer o noso traballo na granxa, pero seguiremos na muralla. Onte houbo tractores que se foron e algúns xa están regresando, así como outra xente que non participou onte e que se está a sumar agora á protesta”.

“Se a conselleira tivo tempo de cear antonte con Lence, ten tempo de reunirse con nós” (Roberto López)

Apoio dos veciños
Os produtores solicitaron tamén o apoio e compromiso dos veciños de Lugo e destacaron que están a facer o posible para causar as menores molestias. “Hai un carril habilitado para circular ó redor de toda a muralla. Se hai problemas con algún vado ou similar, solucionarémolo, pero pedímoslle ós veciños que entendan a nosa situación e que nos apoien”, solicitou Roberto López.

Outros gandeiros que falaron cos medios de comunicación expresáronse en similares termos. “O principal motivo de seguir aquí é que queremos que veña un responsable, a conselleira ou a ministra, a explicarnos que está pasando e a tomar solucións. Estamos cansos e queremos que se fale directamente con nós porque a parte sindical non nos defende. Nós sabemos defender o noso e os gandeiros unidos, xamais seremos vencidos”, concluía Odón Castro, un produtor de Láncara, entre os aplausos do resto de manifestantes concentrados.

Os produtores queixáronse ademais do tratamento que está a recibir a protesta por parte da dirección da Televisión de Galicia e solicitaron un cambio nese senso.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información