“Os contratos do leite deberan ligarse ós custos de produción, como en Gran Bretaña”

Francisco Sineiro propón unha evolución dos contratos lácteos, de xeito que referencien o prezo a índices obxectivos e teñan en conta ademais a evolución dos gastos medios das explotacións

“Os contratos do leite deberan ligarse ós custos de produción, como en Gran Bretaña”

Francisco Sineiro, á esquerda, nas xornadas sobre perspectivas do sector lácteo.

Os contratos entre as industrias e os gandeiros presentan en Galicia unha serie de eivas, segundo se constatou na xornada sobre perspectivas do sector lácteo organizada por Unións Agrarias. Francisco Sineiro, profesor xubilado de Economía Agraria na Universidade de Santiago, plantexou na xornada dúas cuestións que, ó seu entender, deberían cumprir os contratos lácteos. “O futuro pasa por contratos que liguen a evolución do prezo a índices obxectivos de mercado e que teñan en conta os custos de produción das granxas, como xa se fai en Gran Bretaña”, valorou.

Os actuais contratos entre industrias e gandeiros en Galicia son criticados no sector polos seus sitemas de fixación de prezos. Sineiro incidiu en que era práctica habitual nas industrias referenciar a evolución do prezo do contrato ó prezo medio do leite en España ou en Galicia, de acordo coas estatísticas publicadas polo Fondo Español de Garantía Agraria (Fega), o que nunha época de recuperación, como a actual, está a limitar o repunte dos prezos. “O prezo Fega non é un índice obxectivo de mercado que sirva para referenciar os contratos, entre outras cuestións, porque é un índice autorreferencial ós prezos pagados polas industrias”, cuestiona Sineiro.

Tesco mantén en Gran Bretaña contratos integrados coa industria e as granxas que teñen en conta a evolución dos custos de pensos, enerxía e abonos

O economista agrario avogou por contratos que se referencien a índices obxectivos, como o da Interprofesional Láctea (Inlac), e que sigan o modelo que aplica en Gran Bretaña a cadea de supermercados Tesco, que mantén contratos que teñen en conta a evolución dos custos medios das granxas.

Tesco traballa cunha consultoría agrícola independente que recopila custos de insumos coma pensos, combustible ou fertilizantes. Eses datos condicionan parte da evolución do prezo do leite que perciben as granxas, nun sistema de contratos de Tesco que integra a industrias transformadoras e granxas. Incluso se Tesco decide reducir o prezo do leite no supermercado, ese prezo podería non caer nas granxas, garantíndose un prezo xusto para as explotacións.

Outro problema dos contratos en Galicia é a decisión das industrias de apostar por contratos a prezo fixo a longo prazo en intres de recuperación do mercado. Desde Unións interpretan esa práctica como un “secuestro do prezo” e demandan negociacións reais entre industrias e organizacións de produtores.

Comisión Nacional de la Competencia
A necesidade de avanzar cara contratos que teñan en conta os custos de produción das granxas levou a Sineiro e ó secretario xeral de Unións, Roberto García, a cuestionar o papel que vén desempeñando no sector agrario a Comisión Nacional de la Competencia, que nos últimos anos se distinguiu por decisións que van en perxuízo dos produtores.

“A Administración debe apoiar os acordos entre industrias e gandeiros e evitar a belixerancia da Comisión Nacional de la Competencia” (Francisco Sineiro)

García advertiu na xornada de que un órgano administrativo, que depende do Ministerio de Economía, non se pode erixir nun obstáculo que impida a labor de Goberno, polo que instou ó secretario general de Agricultura, Fernando Miranda, presente na sala, a que o Goberno tome medidas para correxir o rumbo dos últimos anos da Comisión de la Competencia.

Similar valoración expresou Sineiro, quen incidiu na necesidade de acordos básicos entre gandeiros, industrias e cadeas de distribución. “A Administración debe prestar un apoio efectivo a eses acordos e debe evitar a belixerancia da Comisión Nacional de la Comptencia ós posibles acordos. O Goberno non pode agachar a cabeza cando esta Comisión se equivoca de xeito grave”, advertiu.

Factor terra
Outra cuestión que se abordou nas xornadas sobre as perspectivas do sector lácteo foi a cuestión territorial, que constituía unha das principais preocupacións dos gandeiros presentes. Desde a Consellería avanzouse que haberá unha nova lexislación este ano para mobilizar terras abandonadas.

Por parte de Francisco Sineiro, incidiuse tamén na necesidade de solucións prácticas e áxiles, como a facilitación de pequenas concentracións privadas de parcelas. Outra cuestión na que incidiu o economista foi a da eucaliptización de terras agrarias. “Igual que o Sixpac se pode utilizar para penalizar ós gandeiros, por cuestións coma os pastos arbustivos, tamén se pode usar para ver as parcelas agrarias que están plantadas a eucaliptos. Non podemos esperar a que sempre denuncien os veciños”, recriminoulle á Xunta.

Galicia aumentou a súa produción un 2,9% no 2018

O último informe do Fondo Español de Garantía Agraria (Fega) presenta un balance positivo para Galicia na evolución da produción de leite, cun aumento do 2,9% no 2018, continuando a senda de crecemento do 2017 (+2,3 %). No conxunto de España, o crecemento das entregas foi do 1,4%, un dato lastrado pola reducción da produción detectada nos últimos catro meses do ano.

En cifras totais, España produciu 7,1 millóns de toneladas no 2018, das que un 38,5% corresponden a Galicia (2,739 millóns de toneladas).

O dato negativo do informe está nos prezos do mes de decembro, pois baixan tanto a nivel estatal como galego. No conxunto de España, quédanse en 33 céntimos (-0,3 céntimos), en tanto en Galicia en 31,7 (-0,2 céntimos). Entre as comunidades veciñas, Castilla y León está en 33,4 e Asturias en 34,8 céntimos.

Como é habitual, Galicia está á cola en prezos pero segue liderando as calidades de graxa, co 3,90, fronte á media peninsular do 3,80, e atópase na media en proteína, con 3,31, fronte a unha media estatal de 3,32.

O ano rematou con 13.630 granxas de leite en toda España, 800 menos que hai un ano. Máis da metade das ganderías atópanse en Galicia, 7.548, 420 menos que hai un ano.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información