Os contratos lácteos dun ano, só para parte dos gandeiros

As industrias, dispostas a “contratos estruturais” na medida en que teñan garantida a venda do leite a 12 meses. A supertaxa a penas afectará a sobrepasamentos menores ó 10%, calcula o Ministerio

Os contratos lácteos dun ano, só para parte dos gandeiros

Xornadas sobre o sector lácteo celebradas en Gandagro-Cimag.

A gran batalla que libraron as organizacións agrarias nos últimos meses foi na procura de contratos a 12 meses entre industrias e produtores, de xeito que as explotacións tivesen garantida unha estabilidade na recollida e nos prezos para esa campaña. O sector produtor intentou que ese prazo se regulase nun decreto ministerial, pero finalmente o Ministerio decidiu deixar unha porta aberta a contratos inferiores ós 12 meses. O sector industrial confirma agora que esa porta aberta servirá para que parte das explotacións quede sen os contratos anuais, pero dá a entender que si haberá contratos de 12 meses de xeito habitual.

O director xeral da Federación Nacional de Industrias Lácteas, Luis Calabozo, que estivo onte en Silleda no salón Gandagro-Cimag, dou por seguros contratos a 12 meses para unha parte da produción, fronte ós contratos habituais de 3 a 6 meses que se viñan asinando a campaña pasada: “As industrias farán contratos estruturais naquela cantidade en que teñan garantías de comercialización”, asegurou Calabozo ó término dunhas xornadas sobre o sector lácteo organizadas por Unións Agrarias en Gandagro-Cimag. “Hai que pensar que as empresas fabricantes teñen contratos coa distribución por prazos que adoitan ser inferiores ó ano, polo que lles resulta complicado contractualizar todas as compras do leite por periodos de 12 meses, tal e como reclaman todas as organizacións agrarias”, valorou.

Os contratos por un ano, afondou Calabozo, estarán suxeitos a diversos índices de indexación, de xeito que a variación nos prezos ó longo da campaña se produza en función do cambio das condicións de mercado (variacións nas cotizacións dos produtos industriais, variacións nos custos de produción, prezos dos mercados lácteos veciños, etc.). Ata o de agora, case o 90% dos contratos era por un prezo fixo.

Supertaxa
Outro dos focos de interese das xornadas sobre o sector lácteo estivo nas valoracións do Ministerio en torno á posible supertaxa. Arredor da metade dos gandeiros de Galicia, uns 5.000, concluirán a actual campaña o 31 de marzo cunha produción superior a súa cota, según as previsións do Ministerio. O temor a unha multa por sobrepasamento, a chamada supertaxa, preocupa desde hai meses ó sector, pero todo apunta a que o fantasma dunha forte multa vaise quedar nun pequeno susto para boa parte das gandeirías.

“Un sobrepasamento dun 2 por cento, dun 5 ou ata dun 10% non debería ter problemas coa supertaxa ou, de telos, deberían ser escasos”, valorou o director general de Producciones y Mercados do Ministerio, Fernando Miranda, no transcurso do salón Gandagro-Cimaq, que se celebra estes días en Silleda.

A compensación do sobrepasamento duns gandeiros coa cota que deixan sen producir outros explica o porqué explotacións cun pequeno exceso de produción poderían librarse das multas. “Outra cousa son as explotacións que se pasaron un 40 ou un 50%. Aí parece claro que si haberá supertaxa”, precisou o responsable do Ministerio. “En explotacións cun lixeiro exceso non debería haber problemas, pero claro, estamos ante estimacións. Antes de fin de campaña é imposible sabelo con total seguridade”, advertiu.

Mercado mundial
Nas xornadas tamén se puxeron de manifesto unhas perspectivas positivas para o mercado internacional do leite. A análise do mercado correu a cargo de Sophie Helaine, unha técnica da Comisión Europea que traballa na unidade de perspectivas económicas en agricultura. “As importacións lácteas no mundo medrarán a un ritmo do 2% anual ata o 2020 e a maior parte da nova demanda mundial vai ser suministrada pola UE”, valorou Sophie Helaine.

“Hai moi boas perspectivas para distintos produtos, tanto deshidratados como incluso produtos frescos como o leite líquido, nos que España é forte. Pode parecer complicado, pero o leite UHT europeo é moi ben recibido en China, xa que tiveron moitos problemas de seguridade alimentaria co seu leite; e é relativamente fácil de exportar, pois trátase de envialo nas rutas de volta dos cargueiros que trasladan mercancía china a Europa”, apuntou.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información