Os condicionantes ambientais que se aveciñan nas ganderías

Os plans estatais para mitigar a contaminación atmosférica prevén medidas coma o establecemento de plans de abonado por granxa, a prohibición da aplicación do xurro en abanico ou cambios nas instalacións gandeiras. A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias advirte da necesidade de que se consensúen as accións co sector agrario

Os condicionantes ambientais que se aveciñan nas ganderías

Inxección de xurros no solo. / Imaxe: CIAM - Arquivo.

A gandería verase afectada nos próximos anos por unha serie de restriccións ambientais que se están comezando a perfilar. A cuestión de fondo é que a Comisión Europea embarcouse nun ambicioso plan para reducir tanto as emisións de efecto invernadoiro como as de gases que afectan á saúde humana, caso do amoniaco ou o óxido nítrico. Son dúas cuestións que impactarán de cheo na gandería. O borrador do plan estatal 2019-2022 para o control da contaminación atmosférica prevé unha serie de restriccións ambientais na gandería, unha cuestión que preocupa moito ó sector.

A inquietude polos condicionantes ambientais que se aveciñan púxose de manifesto nunha xornada sobre o sector lácteo organizada pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), na que o director xerente de Agaca, Higinio Mougán, enumerou algunhas cuestións previstas, como a prohibición da aplicación de xurros en abanico, cambios nas naves gandeiras e nas foxas de xurro, a limitación da fertilización con urea ou a modificación da dieta das vacas para reducir a inxesta de proteína.

O Goberno está desenvolvendo normativas sectoriais en porcino e avicultura e prevé tamén unha regulación específica para o bovino

Para o director de Agaca, que botou en falta unha clase política máis comprometida co agro, é preciso que alomenos tódolos condicionantes que se aveciñan sexan consensuados co sector, de xeito que se poidan aplicar de xeito gradual e co menor impacto posible sobre as ganderías. O que sucedeu hai dous anos coa normativa que nun principio prohibiu de súpeto as aplicacións de xurro en prato ou canón é para Higinio Mougán un exemplo do que non debe volver a pasar. Medidas sen lóxica non abordadas previamente co sector.

En Galicia, existe tamén un malestar claro pola proposta gubernamental de penalizar a gandería de vacún no plan de reducción de emisións, en tanto ó porcino, principal actividade emisora de amoniaco en España, permitiríaselle seguir medrando en emisións.

O director de Agaca, Higinio Mougán, na xornada sobre o sector lácteo.

O director de Agaca, Higinio Mougán, na xornada sobre o sector lácteo.

O borrador do plan nacional de control da contaminación atmosférica 2019-2022, que estivo recentemente a exposición, márcase o obxectivo de reducir as emisións de amoniaco na gandería nun 22% no 2025 e nun 45% no 2030. Para elo, prevense as seguintes limitacións para a gandería:

Establecemento de plans de abonado e fertilización

Os plans de abonado por explotación serán obrigatorios no agro a partir dunha determinada superficie, que se definirá en función do tipo de cultivo. Ese plan calculará as necesidades totais de nitróxeno e limitará a parte que se poderá aportar en forma de nitróxeno ureico, pois este ten maiores perdas de amoniaco á atmósfera.

No caderno de explotación xa habilitado para rexistrar as aplicacións de fitosanitarios, está previsto que os produtores teñan que consignar tamén as aplicacións que fan de fertilizantes e xurros.

Limitación do uso de urea

O etiquetado dos fertilizantes obriga a declarar e garantir os contidos en nitróxeno nas súas distintas formas (ureica, amoniacal e nítrica). Restrinxirase a aplicación de nitróxeno en forma de urea, tanto en solucións nitroxenadas coma en compostos NPK.

Prevese tamén un impulso a boas prácticas, como a aplicación dunha rega inmediata tras a distribución de fertilizantes químicos, o que contribúe a incorporación do nitróxeno ó solo. Espérase ademais que aumente o uso nos fertilizantes de tecnoloxías coma inhibidores da ureasa ou recubrimentos.

Prohibición de aplicar en abanico puríns, abonos orgánicos con humidade superior ó 40% e lodos

O escenario debuxado para o futuro é que no 2030 un 80% dos puríns se estean repartindo cun sistema de tubos colgantes ata o solo, quedando no mínimo a distribución habitual hoxe en día, cun sistema de abanico. De xeito complementario, o plan aspira a que un 80% dos puríns sexan enterrados antes de 24 horas, a fin de reducir as emisións de gases á atmósfera.

Reducción da proteína na ración dos animais

Fomentarase unha alimentación que limite a proteína bruta en función das necesidades dos animais, pois por exemplo, en vacún de leite, non son iguais as necesidades proteícas dunha vaca na primeira fase da lactación que na súa última fase ou nunha vaca seca. A menor proteína, menos inxesta de nitróxeno e menores emisións de amoniaco nas dexeccións gandeiras.

O obxectivo da Administración é fixar unhas pautas de alimentación nas normas sectoriais que se están desenvolvendo na actualidade para porcino e avicultura, así como na normativa de ordenación que se prevé desenvolver para as ganderías bovinas. Esa normativa, a parte de cuestións ambientais, abordará cuestións de benestar animal e bioseguridade, entre outras.

Manexo dos estercos nas ganderías

Nas instalacións de gando porcino e bovino, deberase retirar o esterco das instalacións alomenos dúas veces á semana, o que reducirá as emisións de metano e amoniaco.

Cambios nas instalacións do gando e nas foxas de xurros

O plan de control da contaminación atmosférica prevé que se establezan medidas que contribúan a reducir as emisións tanto nas naves gandeiras e foxas de xurro existentes, como nas de nova creación. Estas últimas terán que cumprir con novos condicionantes, unha vez que se aproben as correspondentes normativas.

A normativa europea xa enumera unha serie de técnicas que contribúen a reducir as emisións, pero está por ver que obrigas se fixan na regulación estatal. Cuestións como a cobertura das foxas de purín ou a reducción do vento na súa superficie por medio de barreiras naturais coma árbores son algunhas das posibilidades para limitar emisións.

Xornada sobre o sector lácteo desenvolvida onte por Agaca en Santiago.

Xornada sobre o sector lácteo desenvolvida onte por Agaca en Santiago.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información