“Os ciclos das variedades de millo que se sementan en Galicia son os axeitados”

Entrevista a María José Bande Castro, investigadora do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM)-INGACAL e especialista no cultivo de millo.

“Os ciclos das variedades de millo que se sementan en Galicia son os axeitados”

María José Bande

O pasado 4 de setembro o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) organizou en Sarria unha xornada técnica sobre “17 anos de Avaliación de Variedades Comerciais de Millo Forraxeiro en Galicia”.
Proba da importancia deste cultivo é que Galicia concentra o 60% da superficie do Estado dedicada a este cultivo e o 55% da produción. Os datos do Ministerio de Agricultura son do ano 2012, os últimos disponibles, e a tendencia previsible é que se incrementaría  a superficie nos úlitmos anos pola ampiación da base territorial das explotacións lácteas e a necesidade de reducir insumos.

Falamos con María José Bande, unha das investigadoras do CIAM que está a levara cabo estas avaliacións das distintas variedades de millo forraxeiro.

Logo se achega o momento de ensilado do millo ¿Cal é o momento recomendable?
O momento óptimo de colleita para ensilado considérase cando a planta enteira ten entre o 28 e o 35% de materia seca. O indicador usado para conseguilo é o da liña de leite, debendo estar entre 1/2 e 3/4 do ápice do gran (estado pastoso-vítreo).

Vides de presentar os resultados dos 17 anos de avaliacións de variedades comerciais de millo forraxeiro no CIAM ¿Que destacarías como máis positivo para os gandeiros galegos deses ensaios?
Os gandeiros dispoñen de resultados do rendemento e da calidade nutritiva das diferentes variedades comerciais de millo forraxeiro que participan nos ensaios e, polo tanto, teñen criterios axeitados para escoller ben as variedades a sementar nas súas explotacións.

Incluso poden elixir distintas variedades para diferentes parcelas dependendo do uso das mesmas, para que coincidan no momento de ensilado, sobre todo se o contratan a unha empresa externa.

 “Elixirase a variedade que teña un maior rendemento da planta enteira en toneladas de materia orgánica dixestible por hectárea (RMOD)”

¿Cres que, en xeral, se elixen ben as variedades de millo?
Cada vez os gandeiros están máis profesionalizados e preocúpanse por facer ben as cousas. Sen lugar a dúbidas e tendo en conta os elevados custes do cultivo do millo para ensilar, a elección da variedade comercial, o ciclo e a produtividade da mesma, resulta imprescindible para acadar unha boa rendibilidade do cultivo e penso que o están a ter en conta a maioría dos que deciden sementalo.
Creo que actualmente os ciclos das variedades de millo que se sementan nas distintas zonas de Galicia son os axeitados.

¿Que consellos darías ao gandeiro á hora de elixir unha variedade?
A elección varietal debe comezar por determinar as datas límites de sementeira e colleita en estado de gran pastoso-vítreo, é dicir, o ciclo ou a precocidade da variedade que interesa sementar (no díptico publicado: días S-C).

Dado que o obxectivo é maximizar a produción de alimento aproveitable para o gando por unidade de superficie, elixirase aquela que teña un maior rendemento da planta enteira en toneladas de materia orgánica dixestible por hectárea (RMOD no díptico). Haberá que ter en conta que pode haber variedades cun semellante RMOD, ben debido a unha alta produción de materia seca (MS) por hectárea (alto RMS) cunha baixa dixestibilidade (DMO), ou ben unha menor produción de MS cunha DMO maior, e non son dúas producións equivalentes; isto indica que tamén é importante a DMO.

Visita ao campo de ensaio do CIAM en Sarria

Visita ao campo de ensaio do CIAM en Sarria

En caso de valores moi semellantes de RMOD haberá que atender a outros parámetros, como poden ser a porcentaxe de espiga ou de proteína.

Aconséllase, en calquera caso, que a transición sexa progresiva entre unha variedade coñecida nunha explotación e unha nova que pareza mellor, segundo a información da que se dispón.
Ademais hai que tratar de colleitar no seu momento óptimo para obter o máximo rendemento e calidade nutritiva da planta enteira.

Este ano está a ser bastante negativo na colleita de millo, sobre todo nos terreos menos aptos para o seu cultivo ¿Non se está a plantar millo en terras que non son aptas para o seu cultivo?
Aínda que non hai ningún estudo detallado sobre o asunto en cuestión, parece razoable pensar que si se está sementando o millo en terras con boa aptitude para súa produción posto que do contrario quedaría totalmente comprometida a súa viabilidade económica dentro do ciclo produtivo de forraxes da explotación.

Se ben é certo que debido á escaseza de base territorial das explotacións agrogandeiras, límite para un redimensionamento das mesmas, algún gandeiro pode arriscarse a sementar por exemplo en ladeiras que en anos de seca coma este lle supoñen unha perda de diñeiro, mentres que en anos húmidos poden ter unha colleita aceptable.

¿Que requerimentos mínimos de solo se deberían precisar para as leiras de millo?
Para a sementeira de millo son aptos os solos con boa profundidade, 60-80 centímetros, que poden almacenar auga durante o inverno para facilitala ao cultivo no verán. Tamén deben ter unha boa drenaxe e texturas non extremas que permitan un bo laboreo, mellor solos francos con proporcións equilibradas de area, limo e arxila.
Ademais dun contido en materia orgánica superior ao 3% (o que cumpren a maioría dos solos de Galicia), aínda que isto faga que os herbicidas actúen peor debido a que as moléculas con efectos herbicidas son neutralizadas polos radicais libres dos complexos coloidais que se forman coa materia orgánica do solo.

“Estamos nun proxecto para estudar os ataques de fungos ás variedades comerciais de millo forraxeiro”

¿En que proxectos estades a traballar neste momento no CIAM en canto á avaliación de variedades comerciais de millo?
Seguimos co proxecto de avaliación do rendemento e a calidade nutritiva das variedades de millo forraxeiro nas catro localidades (Ordes, Sarria, Silleda e Ribadeo) situadas en comarcas cun elevado peso na produción de millo forraxeiro e que abranguen tamén zonas xeográficas distintas. O obxectivo é poder responder ao sector, xa que observamos que ano tras ano consultan o díptico publicado cos resultados obtidos.
Estase a desenvolver outro proxecto de transferencia para estudar a sensibilidade das diferentes variedades comerciais de millo forraxeiro ás enfermidades causadas principalmente por distintos fungos, avaliando o ataque de cada fungo en cada variedade en función da porcentaxe da superficie foliar afectada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información