Oito claves para a sementeira do millo forraxeiro en Galicia

O equipo técnico da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña, ofrece unhas recomendacións para a sementeira do millo en Galicia

Oito claves para a sementeira do millo forraxeiro en Galicia

As altas temperaturas e a falta de precipitacións están provocando que este ano se adiante considerablemente a sementeira do millo forraxeiro en Galicia, a principal forraxe das ganderías de vacún de leite da comunidade.

Neste sentido, dende o equipo técnico da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña, cunhas 60 explotacións lácteas en xestión, ofrecen unhas recomendacións clave para mellorar os rendementos deste cultivo.

1)Avaliar se o cultivo é rendible. Temos que ter en conta se paga a pena sementar millo nunha parcela ou nunha zona con escasos rendementos e altos custos. Por debaixo dun rendemento de 30 toneladas de materia húmida por hectárea non sería rendible sementar millo forraxeiro, porque o seu custo sería superior a mercar silo de millo -cun prezo que rolda entre os 50 e os 54 euros a tonelada- ou fariña de millo. Dedicar esas parcelas a herba ou a outro cultivo menos esixente (xirasol ou unha combinación de xirasol con sorgo) podería ser unha alternativa máis rendible para a gandería.

2)Estado da terra. Para a sementeira do millo é moi importante que a terra esta en tempero, é dicir que estea enxoita, non húmida, para evitar a formación de bolas e de gretas coa calor, o que dificultaría a nascencia e desenvolvemento da planta de millo. A temperatura da terra debe estar como mínimo entre 12 e 13 graos, polo que a veces sementando antes non adiantamos máis.

3)Elección da variedade. Adaptala á zona e á rotación de cultivos, á época na que sementamos e aos cortes de herba e rendemento de millo que queremos recoller. “Nunha rotación millo-herba-millo, deberíamos ter un ciclo de 130 ou 135 días, o que viría a ser un ciclo de 220 a 250”, aseguran os técnicos de Cap-Coruna. As explotacións que teñen máis superficie poderían ir a variedades de millo con máis mazaroca, para lograr unha relación máis alta de almidón.

4) Abonado. É moi importante ter analíticas do solo de cada parcela para poder abonar en función das necesidades do cultivo e do estado da finca. Tamén encalar a parcela, en función do PH da mesma. O xurro da propia explotación ocupa o primeiro lugar do plan de abonado, e se non é suficiente engadir abono de síntese. “Nós non recomendaríamos abonar só co xurro, senón que complementaría cun nitróxeno. A nos gústanos o abono blending porque se adapta ás necesidades de cada parcela e ten unha boa relación aporte/prezo”, aseguran os técnicos da Cap Coruna.

5) Dose de sementeira adecuada. Debe estar entre as 85.000 e as 90.000 plantas por hectárea.

6) Profundidade de sementeira. Ata o 15 de maio pode ser máis superficial, a entre 4 e 6 centímetros, pois a terra aínda retén bastante humidade nun ano normal dende o punto de vista climatolóxico. A partir do 15 de maio as sementeiras do millo deben ser a entre 8 e 10 centímetros para asegurar a humidade necesaria para a xerminación.

Tamén é moi importante a velocidade de sementeira, de arredor de 7 ou 8 kilómetros por hora.

7) Vixiar as parcelas de millo nos 20 días posteriores á sementeira. “Nos 15 o 20 días despois da sementeira é imprescindible visitar as parcelas para detectar problemas de rosquilla ou doutros insectos ou do xabarín, e poder desta forma actuar a tempo”, recomendan.

8) Importancia de ter un cultivo no inverno. Unha parte significativa das parcelas (aquelas que están máis lonxe da explotación, ou nas que se recolle o millo tarde e se encharcan máis facilmente) non teñen un cultivo en inverno, repetíndose millo tras millo cada ano. “Estamos vendo que nestas parcelas, tras oito ou dez anos repetindo millo tras millo e queimando con glifosato antes da sementeira, os rendementos da colleita de millo estanse resentindo, polo que a nosa recomendación é sementar sempre un cultivo en inverno, por exemplo nabos ou guisantes para enterrar, co que estaremos mellorando a fertilidade e a saúde do solo, e recuperando rendementos do millo”, explican desde o equipo técnico da CAP Coruna.

“Tamén é importante non pasarnos coas doses dos herbicidas de pre ou post emerxencias pois do contrario teremos problemas de xerminación das pradeiras, un problema que estamos vendo cada vez máis”, advirten.

Variación da produción de millo forraxeiro nas explotacións de Cap Coruña:

Produción

Custe €/ton de materia verde

Produción

Custe

Kg de materia verde por hectárea

Kg de MS (35%)

Euros por tonelada de Materia Seca (MS)

50000

29,32

17500

83,77

45000

32,58

15750

93,08

40000

36,65

14000

104,71

35000

41,89

12250

119,67

30000

48,87

10500

139,62

25000

58,64

8750

167,54

Máis información: Ensaios do CIAM coas variedades de millo forraxeiro en Galicia

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información