O xulgado ordena a reincorporación cautelar da granxa expulsada en Feiraco

Deixa sen efecto o acordo de expulsión de Grille SCG adoptado pola cooperativa. A medida abre a porta para que o presidente da explotación afectada, Xoán Ramos, poida participar na candidatura alternativa a José Montes nas eleccións deste sábado

O xulgado ordena a reincorporación cautelar da granxa expulsada en Feiraco

Sede central da cooperativa Feiraco.

O xulgado do Mercantil de Coruña acordou suspender a expulsión de Grille SCG, de Mazaricos, de Feiraco. O consello reitor de Feiraco acordara en decembro do 2015 a expulsión de Grille por non venderlle o leite nin mercar pienso na cooperativa. Esa decisión de expulsión, recurrida pola explotación afectada por vía xudicial, queda agora en suspenso.

Os argumentos do xulgado para adoptar a medida cautelar céntranse en dúas cuestións. Por un lado, ve “razonables perspectivas de éxito” na pretensión de fondo de Grille SCG de que se suspenda de xeito definitivo a súa expulsión. Por outro lado, o xulgado sinala que manter a expulsión privaría a Grille SCG de participar nas eleccións ó consello reitor de Feiraco, que se celebran este sábado 11, ben sexa “como elector ou como electo”.

A adopción da medida cautelar valora que hai “razonables perspectivas de éxito” na reclamación de Grille SCG

A reincoporación cautelar de Grille SCG como explotación socia de Feiraco permitiría, por tanto, que os integrantes de Grille SCG poidan participar na candidatura alternativa ó consello reitor de Feiraco. Este sábado 11 de xuño celebraranse as eleccións e agárdase a presentación de alomenos dúas candidaturas, a do actual presidente, José Montes, e outra alternativa de socios críticos coa xestión de Feiraco. Espérase que nesta última candidatura participe Xoán Ramos, presidente de Grille SCG.

Discrepancias co director xeral

O escrito do xulgado cuestiona os motivos que levaron á expulsión de Grille SCG: “A medida adoptada (a expulsión) (…) ampárase en que o expulsado non cooperativizaba o 100% da súa actividade, circunstancia esa que lle fora posta de manifesto á cooperativa en data do 5 de abril do 2011, sen que se realizase actuación algunha, tan sequera opoñéndose a elo, desde dita data”.

O xulgado recoñece unha certa correlación temporal entre o expediente de expulsión e as discrepancias de Grille SCG co director xeral de Feiraco

O xulgado recoñece tamén que hai un bo número de cooperativistas que están na mesma situación que Grille SCG, “sendo ata o de agora o único que foi sancionado por elo”. Esta situación relaciónase, segundo o xulgado, coas “discrepancias mantidas polo cooperativista co director xeral, cunha certa correlación temporal co expediente sancionador incoado, que deu lugar á sanción que nos ocupa”.

Tamén valora o xuiz que non hai que desbotar a presunta caducidade do expediente alegada por Grille SCG. En consecuencia, o xulgado estima a solicitude de medidas cautelares e deixa sen efecto a expulsión de Grille SCG como socio de Feiraco, reincorporando á explotación con tódolos efectos legais oportunos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información