“O único modo de evitar as crises de prezos do leite é regulando a oferta”

Entrevista a Piercristiano Brazzale, propietario dunha importante queixería en Italia e responsable do programa ambiental da Federación Internacional do Sector Lácteo (IDF). Participa estes días na conferencia final do consorcio europeo Susmilk en Santiago de Compostela

“O único modo de evitar as crises de prezos do leite é regulando a oferta”

Piercristiano Brazzale

Piercristiano Brazzale conta cunha ampla experiencia na industria láctea dirixindo Queixerías Brazzale, unha importante industria con plantas en Italia, Brasil e a República Checa. Desde o 2010 implantou diversas medidas de melloras enerxéticas e ambientais nas súas queixrías, como plantas de biogás, coxeneradores ou o cálculo da pegada de auga para un queixo específico (Gran Moravia). É membro de diferentes comités da Federación Internacional do Sector Lácteo (IDF) e desde o 2015 dirixe o programa medioambental IFD Science and Programme Coordination Committee (SPCC).

Estes días participa na conferencia final do consorcio europeo Susmilk en Santiago de Compostela, onde se presentan as últimas novidades para mellorar a sustentabilidade ambiental nos procesos das industrias lácteas.

Cales son os avances máis destacados en sustentabilidade ambiental da industria láctea que se presentaron nesta conferencia final do consorcio Susmilk en Santiago de Compostela?
A industria láctea ten que mellorar todos os seus procesos, porque a sustentabilidade ambiental dunha industria está vinculada á súa sustentabilidade económica. Exemplos de medidas que se están implantando son redución do consumo de auga; reutilización da calor que se xera nos procesos de elaboración de produtos lácteos para reducir os consumos de electricidade ou de combustible, ou a recuperación dos residuos que se xeran no proceso, como soros ou sobrantes de queixos, para producir enerxía.

En definitiva, reducimos o noso impacto ambiental pero tamén os nosos consumos enerxéticos, co que somos máis competitivos. Ademais, implantar estas medidas de sustentabilidade ambiental é unha forma de achegarnos aos consumidores e potenciar a nosa imaxe como industria responsable.

“Na industria láctea van unidas a sustentabilidade ambiental e a económica”

En canto ao consumo de auga, existen técnicas para reducilo como a ósmose inversa. En concreto, na nosa queixería, por cada litro de leite que entra saen 0,6 litros de auga que reutilizamos, e que antes constituía un problema. Tamén recuperamos a calor mediante distintos sistemas de torres. En canto ao metano que xeramos na planta de biogás, unha caldeira normal aproveitaría o 60% do seu poder enerxético, mentres que mediante un coxenerador aproveitamos o 85% do poder enerxético do metano, e iso supón un importante aforro económico ao final do ano en gastos de consumo de electricidade.

Que impacto económico positivo crees que pode supoñer como media para unha queixría a implantación destas medidas?
Non podo dar unha porcentaxe porque cada queixería é diferente, pero é moito. No noso caso, o soro, despois de quitarlle a graxa e a proteína, usámolo para a alimentación dos porcos ou para a produción de biogás e enerxía eléctrica, co que se consegue volatilizar o 99% da materia seca. Este soro e os restos de queixos, que tamén utilizamos para coxeneración, antes supoñían un custo, e agora ao transformalo en enerxía eléctrica, convértese nun ingreso.

É necesario ter unha dimensión mínima que xustifique o investimento nunha planta de biogás, pero varias queixerías pequenas pódense unir para construír unha.

Falando da situación do sector lácteo, os gandeiros na Unión Europea protestan polos baixos prezos do leite que están a pagar a industria, á vez que as cotizacións nos mercados do queixo e das outras “commodities” están a subir desde hai varios meses. ¿Por que a industria non traslada esta suba ao prezo que lle paga aos gandeiros polo leite?
A situación está a mellorar, pero tarda en trasladarse desde a distribución ao gandeiro. Houbo unha redución do 5% da produción de leite na Unión Europea con respecto ao 2015 e do 7% con respecto ao 2014 e esta redución está a ser moi positiva para a recuperación dos prezos. Houbo tamén baixada de produción en Nova Zelandia e en Estados Unidos e iso está a ser moi positivo para a recuperación dos prezos a nivel mundial.

O problema é que moitas industrias europeas asinaron contratos coa distribución cando o leite estaba a 0,22 euros o litro, e séguelle vendendo á distribución a ese prezo en moitos casos, cando os prezos do leite están a subir. A recuperación vai ser lenta pero vai mellorar a situación.

“O problema é que en Italia ou en España non somos competitivos no custo de produción do leite”

A eliminación do sistema de cotas provoca que as crises de prezos do leite sexan cíclicas, porque a capacidade de aumentar a produción é moi rápida.

As organizacións agrarias critican que a gran industria de Alemaña, Dinamarca ou Holanda está a utilizar o mercado español como sumidoiro para os seus queixos, con prezos moi por baixo dos producidos en España. ¿Ocorre tamén isto en Italia?
Tamén temos o mesmo problema, porque os custos de produción da gandería de leite en Italia ou en España é alto, pero en Alemaña ou Holanda é moi baixo. O problema é que os países do sur de Europa non somos competitivos no custo de produción do leite e iso sitúanos nunha posición moi difícil.

No futuro vai sobrevivir o gandeiro e a industria que teña perspectiva e saiba anticiparse. Creo que vai haber unha concentración dos produtores, con ganderías cada vez máis grandes, e pecharán aquelas ganderías que teñan custos de produción altos.

Co fin das cotas lácteas, que regulaban o mercado, este réxese pola lei da oferta e da demanda. E o importante é que se ofreza ao mercado un litro de leite menos do que se demanda, para que estea equilibrado. O sistema de cotas era moi bo para Italia e para España porque regulaba a produción. O único modo de evitar as crises de prezos é regulando a oferta de leite.

A exportación de queixos fóra da Unión Europea pode ser unha vía para regular o mercado lácteo e os prezos?
Pode selo pero non é suficiente. Está ben aumentar as exportacións, ¿pero a onde? Estados Unidos é un mercado pechado con cotas de importación, China pode decidir dun ano para outro pechar as importacións e Rusia aínda mantén o veto. O peche do mercado ruso, o descenso das importacións de China e a supresión das cotas crearon unha treboada perfecta para o sector lácteo europeo, sobre todo para os gandeiros.

“Os prezos en Italia están a recuperarse: a leite spot xa está a 0,40 euros”

En que situación están agora os prezos do leite en Italia?
Están a subir e agora están entre 0,34 e 0,35 euros o litro. Os contratos entre industria e gandeiro fanse a un ano, normalmente desde abril ata final de marzo ou de xaneiro a decembro. En outubro comezan a negociarse os novos contratos e a expectativa é que suban.

Italia é tamén un país deficitario en produción de leite, como España, xa que necesitamos importar o 30% do leite que consumimos. Ata o mes de maio a leite spot que chegaba de Alemaña, Chequia ou Hungría chegaba a Italia a 0,18 ou a 0,20 euros, colocado en fábrica. Agora está a 0,40 céntimos de media, co que xa está a haber un cambio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información