O Slg demándalle á Xunta que sancione a Velgalsa-Eroski por vender leite a 25 céntimos

O Slg demándalle á Xunta que sancione a Velgalsa-Eroski por vender leite a 25 céntimos

Leite desnatado Deleitar a 25 céntimos en Vegalsa-Eroski

O Sindicato Labrego Galego presentou este martes un escrito de denuncia diante da Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Xunta para informar do que considera “vulneración de numerosas leis que realizou o grupo Vegalsa-Eroski ao poñer á venda leite da marca Deleitar a 25 céntimos o litro, no pasado mes de xullo”, cando o seu prezo de venda habitual nas superficies comerciais é de 85 céntimos.

A organización agraria parte de que un prezo 25 céntimos por litro para o consumidor final “é unha clara venda a perdas, xa que o valor medio en orixe de 2017, segundo o Observatorio do Sector Lácteo, estivo entre 26 e 27 céntimos para as granxas con menos de 100.000 quilos de produción, que son as que menos cobran”.

En base a isto, a oferta realizada por Vegalsa-Eroski viola, segundo o Sindicato Labrego, varias normativas, como o artigo 17 da Lei de Competencia Desleal, que considera “desleais” condutas que poidan “inducir a erro aos consumidores acerca do nivel de prezos doutros produtos ou servizos do mesmo establecemento”. Tamén denuncian que vulnera o artigo 14 da Lei de Comercio Minorista, que establece que “non se poderán ofertar nin realizar vendas ao público con perda”, sinalando que se considerará venda con perda cando o prezo aplicado a un produto sexa inferior ao de adquisición, segundo factura, establecendo unha prohibición obxectiva deste tipo de prácticas e considerando a infracción como “moi grave”.

“Non actuar neste caso tan grave de venda a perdas constituiría un fatal precedente”

Segundo a Lei de Comercio Minorista, a competencia sancionadora diante dun caso de venda a perdas correspóndelle á Xunta de Galicia.

Por outra parte, o Sindicato Labrego chama a atención sobre que a marca obxecto desta infracción, Deleitar, comercializa leite da empresa Dairylac, “á que á Xunta de Galicia lle ten feito entrega de importantes sumas de diñeiro -máis de 3 millóns de euros en 2016 para elaborar derivados lácteos- e na que participan diversas cooperativas”. Ademais, o 25% do capital de Dairylac corresponde á Xunta de Galicia, a través de XesGalicia, .

Por todo o anterior, o Slg pediu no seu escrito que a Xunta “abra expediente sancionador, realizando todas as indagacións que procedan en orde a declarar a existencia dunha práctica ilegal, impoñendo as sancións que a Administración está facultada para impoñer, con independencia das accións que noutro orde poidan proceder”. “Non actuar neste caso tan grave de venda a perdas constituiría un fatal precedente para o sector produtor do leite en Galicia”, advirten dende a organización agraria.

Versión de Vegalsa-Eroski

Consultada a oferta con Vegalsa-Eroski, a súa directora de Relacións Institucionais, Gabriela González, recoñeceu que houbo un establecemento da cadea, o Familia da localidade coruñesa de Sigüeiro, no que se puxo unha pegatina co leite desnatado Deleitar a 25 céntimos, pero advirte de que “tratouse dun erro humano”.

“En Vegalsa Eroski temos unha política de colaboración e apoio absoluto ao sector lácteo galego. e neste caso tratouse dun erro humano na etiquetaxe por parte dun repoñedor que puxo 6 litros de leite desnatado Deleitar, que estaban a punto de caducar, a 25 céntimos”, explica a portavoz da cadea, quen engade que a etiquetaxe “corrixiuse inmediatamente”.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información