O SLG advirte de que a renovación de contratos mantén conxelado o prezo en Galicia

O Sindicato Labrego cuestiona que o repunte do leite que se está a experimentar en Europa non chegue a Galicia. Cifra en 7 millóns de euros o que perde de ingresar a gandería galega en relación ás cotizacións medias de Europa

O SLG advirte de que a renovación de contratos mantén conxelado o prezo en Galicia

Os prezos do leite mantéñense sen perspectivas de cambios en Galicia.

Os contratos lácteos que se están a renovar en Galicia nas últimas semanas manteñen unha tendencia continuista nos prezos, sen que haxa os repuntes que se anuncian para este verán noutros países da UE. O Sindicato Labrego Galego (SLG) subliña que industrias como Lactalis ou Capsa, con contratos maioritariamente a un ano, tamén tiñan a parte das explotacións e cooperativas con acordos a curto prazo, que se renovaron sen melloras, segundo a organización agraria. O mesmo sucedeu -sinala o SLG en nota de prensa- con outras industrias, coma Reny Picot.

“Curiosamente, os prezos de todas estas industrias, despois de aplicar diferentes fórmulas, acaban sendo practicamente idénticos e non reflicten as subas que houbo noutras zonas nin o incremento dos prezos dos produtos lácteos industriais”, cuestiona a organización. O Sindicato Labrego demanda unha investigación de Competencia sobre esta situación de prezos.

Caso de Lactalis
A organización agraria amosa tamén o seu desacordo cos argumentos de Lactalis sobre os motivos dos baixos prezos en Galicia. A industria gala xustificara a situación en que o mercado español mantén unha liña máis estable que outros mercados europeos e sinalara que non está en periodo de renovación dos seus contratos. “O que di Lactalis non se corresponde coa realidade, pois houbo renovacións con cooperativas e con grupos nas últimas semanas e fixéronse nese nivel de prezos baixos”, sostén o Sindicato Labrego.

A organización lembra que en Francia, Lactalis está a aplicar un prezo medio base este verán de 33 céntimos por litro, cunha mellora progresiva que rematará en setembro co prezo base situado en 36 céntimos. “Estamos falando de que en Galicia Lactalis paga 28 céntimos de base, entre 5 e 8 céntimos menos. A Consellería do Medio Rural tería que tomar cartas no asunto fronte a esta actuación abusiva”, manifesta o SLG.

Prezos medios
No último mes con datos, en maio, o prezo medio pagado en Galicia polo leite situouse en 29,9 céntimos, segundo os datos da Administración. No mesmo periodo, o prezo en Europa estaba en 32,3 céntimos. Botando contas sobre esa diferenza, o Sindicato Labrego calcula que as ganderías galegas deixan de ingresar cada mes preto de 7 millóns de euros en comparación co que gañarían co prezo medio europeo.

“Onde están os servizos da Competencia para rematar con estas condicións abusivas? Que foi do acordo lácteo e canto nos están a custar todas as fotografías e reunións que andan a montar?”, conclúe o Sindicato Labrego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información