O Sindicato Labrego mobilizarase este venres ante Logística Alimentaria

A crise de prezos en orixe e a falta de garantías na recollida do leite levan á organización agraria ó inicio de protestas. O Ministerio anuncia un plan de medidas para o sector

O Sindicato Labrego mobilizarase este venres ante Logística Alimentaria

O SLG critica a situación de baixos prezos do sector. / Imaxe de arquivo.

A situación de crise que atravesa o sector lácteo esta primavera, con problemas polos baixos prezos e pola falta de garantías na recollida do leite, estábase a caracterizar tamén pola escasa disposición dos gandeiros á mobilización. O Sindicato Labrego vén de convocar para este venres o que supón o segundo acto de protesta do sector, tras o organizado ante a Xunta pola Organización de Productores de Leche (OPL). A concentración do Sindicato Labrego desenvolverase na planta de Logística Alimentaria, en Outeiro de Rei (Lugo), este venres, 22 de maio, a partir das 11.30 horas.

As tres organizacións agrarias tradicionais no agro galego, Unións Agrarias, Xóvenes Agricultores e Sindicato Labrego Galego (SLG), levan varios meses amagando coa convocatoria de mobilizacións conxuntas que polo de agora non chegaron. O Sindicato Labrego optou finalmente por iniciar accións en solitario para denunciar “a situación insostible” que están a soportar moitos gandeiros como consecuencia do que considera “actitude mafiosa” das industrias.

O SLG critica as liquidacións que lle practicou Logística a gandeiros que querían cambiar de industria

A secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba, anunciou onte a mobilización ante Logística nunha rolda de prensa en Lugo na que estivo acompañada polo coordinador de Sectores Gandeiros da organización, Xavier Gómez Santiso. O Sindicato Labrego destaca que Logística Alimentaria, é unha das empresas que menos lle paga ás explotacións, “con prezos de 23 e 24 céntimos”. A maiores, a organización sostén que Logística tenlle feito liquidacións máis que cuestionables a granxas que decidiron cambiar de industria, ata o punto de que as explotacións, en lugar de cobrar o que lles debía a empresa polo leite entregado, tiñan que rematar pagándolle.

Segundo Isabel Vilalba, ao sindicato “chegaron recibos de liquidacións de Logística Alimentaria” nos que algúns gandeiros, despois de entregarlle á empresa “20.000 quilos de leite ese mes, tiñan unha liquidación negativa, de modo que quen debe pagar é o gandeiro”. Para chegar a ese resultado, “métenlles non sei cantas regularizacións que se sacan da manga”, dixo Vilalba, de modo que as granxas afectadas “traballaron durante todo o mes e fixeron os gastos” para producir o leite, pero “quen lle debe é o gandeiro á industria. Trátase de algo inaudito, nunca visto,” insistiu.

Administracións
Sobre as posibles vías de interlocución para negociar melloras para o sector, Vilalba destacou a falta de resposta das Administracións. “Neste momento, non temos unha liña de traballo coas institucións para darlle solución a unha situación que para nós é insostible. Pensamos que esta situación de rebaixa de prezos, ameazas de deixar a recollida e mesmo de pagamentos de supertaxa, non se aguanta”, precisou Vilalba.

A secretaria xeral do SLG lamentou que os representantes dos produtores non teñan “ningún foro” para expresar o seu malestar, xa que teñen pedido dende hai tempo “unha reunión da Mesa do Leite”, pero polo de agora non houbo contestación a esa reclamación.

Reunión Ministerio e Inlac
O Ministerio de Agricultura, pola súa banda, mantivo onte unha nova reunión de traballo coa Interprofesional Láctea, a organización que agrupa a industrias, cooperativas e organizacións agrarias. No encontro, o Ministerio anunciou un plan de medidas de apoio ó sector lácteo e fixo un chamamento á responsabilidade de todos os axentes do sector para que non quede leite sen recoller no campo e para que se paguen prezos que garantan a sostibilidade das explotacións, segundo se recolle na nota de prensa ministerial.

O Ministerio asegura que investigará os contratos denunciados para comprobar se se vulnerou a normativa

En canto ós contratos e liquidacións denunciados por organizacións agrarias, o secretario xeral, Carlos Cabanas, asegurou que se investigarían e que se aplicarían sancións se se demostra unha vulneración da normativa.
Sobre o plan de medidas de apoio ó sector lácteo, o Ministerio destacou os seguintes puntos:

– Desenvolvemento dunha campaña divulgativa entre gandeiros e primeiros compradores sobre os aspectos relativos á contratación no sector.

– Apoio ás organizacións de produtores mediante a convocatoria de axudas para as entidades de carácter supraautonómico.

– Potenciar bonificacións nos seguros agrarios para os gandeiros que se integren en organizacións de produtores.

– Promover o uso da Interprofesional como órgano para a consecución de acordos sectoriais.

– Elaborar, xunto coa Federación Nacional de Industrias Lácteas, un plan estratéxico para a industria láctea española.

– Desenvolver unha campaña de promoción para aumentar o consumo de produtos lácteos.

– Continuación dos controis para evitar a venda de leite a prezos anormalmente baixos nas cadeas de supermercados.

Información elaborada con aportacións de José Luis Ramudo (Lugo).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información