O sector lácteo galego redobra a mobilización

Lugo súmase ó calendario de tractoradas o 3 de setembro e prevense catro días de protestas en torno a Santiago entre o 7 e o 10 de setembro, datas de reunións claves en Bruxelas e Madrid. Haberá tamén accións directas, por concretar, e no horizonte albíscase unha posible folga de entregas

O sector lácteo galego redobra a mobilización

O sector continuará as protestas alomenos ata o 10 de setembro.

A Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego, conformada por organizacións agrarias, partidos políticos e outras entidades sociais, vén de acordar a ampliación e endurecemento das mobilizacións en demanda dun acordo de prezos para o leite. Lugo súmase ó calendario de tractoradas, cun acto previsto para o día 3 de setembro; en tanto en Santiago amplíanse as mobilizacións previstas dun día a catro días.

Do 7 ó 10 de setembro, datas de reunións claves en Bruxelas e Madrid, haberá en Compostela unha gran tractorada (día 7), unha manifestación a pé (día 10) e actividades sindicais de acción directa, así como a posible permanencia de tractores na capital galega durante os catro días.

A partir do 10 de setembro, de non lograrse un acordo estructural que permita unha recuperación de prezos en orixe, o escenario da mobilización trasládase a unha máis que posible folga de entregas de leite.

Axuda de 300 euros
En canto á axuda de 300 euros anunciada polo Goberno para entre 2.500 e 3.000 explotacións que están atravesando polos maiores problemas de prezos baixos, as organizacións agrarias coinciden en que a medida pode axudar a que os gandeiros con máis dificultades “aguanten o tirón” unha tempada, pero advirten de que a axuda por si soa, sen un acordo para a recuperación dos prezos en orixe, é un “parche”.

Desde Cantabria, as organizacións agrarias, que se sumarán á Marcha Branca dos gandeiros de Castilla y León, coincidiron tamén en calificar de “parche” a medida e sinalaron en que os apoios irán a parar maioritariamente ás explotacións galegas que “están na UVI, con prezos mesmo por baixo dos 21 céntimos”.

O sector reclama un acordo entre cooperativas, organizacións agrarias, industria e distribución que permita a recuperación dos prezos en orixe, de xeito similar ó pactado en Francia.

Protestas esta semana
O calendario de mobilizacións desta semana continúa, tal e como estaba previsto, cunha tractorada hoxe en Sarria e con outra o xoves en Curtis.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información