O sector lácteo galego maniféstase unido en demanda de prezos dignos

Máis de 15.000 gandeiros participan en Santiago nunha multitudinaria manifestación para esixirlle ás administracións solucións á crise de prezos en orixe do leite. O próximo mércores a ministra volverase reunir en Madrid co sector.

O sector lácteo galego maniféstase unido en demanda de prezos dignos

Manifestación do sector lácteo galego

Máis de 15.000 persoas manifestáronse esta mañá polas rúas de Santiago de Compostela para esixir prezos dignos para o leite galego. A manifestación, convocada pola Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego, discorreu baixo o lema “Pola economía do rural, loitemos polo sector lácteo”. Os organizadores salientaron a asistencia masiva e alertaron de que os baixos prezos que sofren as máis de 9.400 explotacións galegas están a poñer en perigo a economía de gran parte dos concellos rurais de Galicia e a máis de 40.000 postos de traballo indirectos

A marcha uniu a representantes de todo o sector lácteo galego, dende organizacións agrarias (Unións Agrarias, Sindicato Labrego, ASAJA, Fruga ou a OPL), a cooperativas, empresas de servizos agrarios, de maquinaria agrícola….e tamén a todas as forzas políticas galegas, agás ao Partido Popular. Isto non impediu a varios alcaldes do PP de concellos con peso do sector lácteo participasen na manifestación en apoio aos seus veciños.

Unha manifestación unitaria e multitudinaria

A marcha saíu sobre as 12:00 horas da explanada de Salgueiriños a onde se desprazaron máis de 150 autobuses e numerosos vehículos privados procedentes das principais comarcas gandeiras de Galicia, como A Terra Chá, Chantada ou Xallas, entre outras. Á cabeza, os líderes das principais organizacións agrarias e de AGACA, entre outros, abrían a manifestación cunha pancarta co lema “Pola economía do rural, loitemos polo sector lácteo”. Detrás, numerosos alcaldes, de todas as forzas políticas, portaban outra faixa co lema “Os alcaldes galegos, pola defensa do sector lácteo”.

Esixencia a Núñez Feijóo de que se implique

Ao chegar á sede da Xunta de Galicia, en San Caetano, representantes da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego entregaron no Rexistro un escrito dirixido ao presidente Alberto Núñez Feijóo coas demandas da Plataforma e a petición de que convoque unha reunión urxente do conxunto do sector lácteo, incluídas as industrias, para resolver e superar a crise que atravesan os gandeiros.

O remate da manifestación foi nunha ateigada praza da Quintana á que unha parte importante de manifestantes non puido entrar. O encargado de ler o manifesto de peche foi o xornalista de Televisión Española en Galicia, Xabier Fortes, quen cualificou de “inmoral o actual prezo do leite en orixe, é unha chantaxe”.

“A presión á que nas últimas décadas foron sometidas as explotacións lácteas no noso país por boa parte da industria acadou estes meses tintes case mafiosos e literalmente deixaron de recoller o leite, a sabendas de que é un produto perecedoiro que non se pode almacenar antes de transformar”, denunciou.

 “As autoridades non poden estar de perfil ante esta crise”

Neste sentido, esixiulle ás autoridades “que non se poñan de perfil, e dende logo non prestarse a ningunha foto en campaña electoral se antes non se comprometen como mínimo (….) a un documento unitario que esixa ás industrias e ás grandes superficies uns comportamentos dignos” cos gandeiros.

Parafraseando a Ortega y Gasset , Xabier Fortes concluíu lembrando que “no caso dos galegos, nós somos nós e as nosas vacas”.

Agora toca esperar reaccións por parte do Goberno. O próximo mércores os representantes do sector lácteo están convocados a unha reunión en Madrid coa ministra de Agricultura, Alimentación e Medioambiente, Isabel García Tejerina.

Galería de fotos da manifestación:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información