O sector lácteo encalla no supemercado

A tendencia á baixa que manteñen os prezos do leite nas grandes cadeas de distribución nos últimos anos bloquea a revalorización do leite no campo. O ministro de Agricultura, Luis Planas, recoñece a necesidade dunha revisión da cadea de valor do leite

O sector lácteo encalla no supemercado

Liñal de lácteos nun supermercado. / Arquivo.

A oferta de leite a 25 céntimos protagonizada este verán por Carrefour é o último episodio dun problema que permanece enquistado desde hai anos: a estratexia das grandes cadeas de distribución de utilizar o leite como un produto reclamo, comercializado a baixos prezos. Ese papel que xoga o leite na guerra por atraer consumidores ten a súa repercusión directa nos prezos percibidos polo resto da cadea láctea, industrias, cooperativas e granxas.

O prezo do leite en España decídese así de arriba para abaixo. A tendencia negativa que vén experimentando o prezo do leite nos supermercados nos últimos anos imposibilita a súa revalorización en orixe, no campo. Os sucesivos intentos do sector por lograr unha formación de prezos de abaixo para arriba, cubrindo os custos de produción de granxas, cooperativas e industrias, naufragaron con estrépito. O último exemplo, o acordo lácteo do 2015, que recollía o compromiso dos supermercados na conformación de prezos sostibles.

No primeiro semestre do 2014, o prezo medio do leite convencional rondou os 70 céntimos de media. No primeiro semestre do 2018 foi de menos de 67 céntimos

A evolución dos prezos do leite nas cadeas de supermercados, sen embargo, seguiu un camiño diferente. Se no primeiro semestre do 2014, o prezo do leite convencional (primeiras marcas e marcas brancas) rondaba nos puntos de venta unha media duns 70 céntimos, no primeiro semestre do pasado ano -o último con datos-, o prezo medio do leite convencional estaba por baixo dos 67 céntimos, segundo os datos do Ministerio de Agricultura.

Cando se inquire ás asociacións das cadeas de distribución pola tendencia á baixa dos prezos do leite, os supermercados apelan á libertade de mercado e tamén poñen sobre a mesa outra cuestión: a necesidade de ofertas para contrarrestar a progresiva baixada de consumo de leite líquido en España.

“Estamos nunha economía de mercado, pero hai posibilidades para unha cadea de valor máis transparente” (Luis Planas, ministro de Agricultura)

Así as cousas, organizacións agrarias e cooperativas veñen demandando medidas da Administración nos últimos anos para desencallar a situación. Preguntado esta mañá sobre a cuestión, o ministro de Agricultura, Luis Planas, de visita en Galicia, recoñeceu a necesidade de revisar as medidas en torno á cadea de valor do leite. “Estamos nunha economía de mercado, con prezos que decide a oferta e a demanda, pero hai posibilidades para unha cadea de valor máis transparente”, admitiu.

Planas anunciou que na próxima lexislatura, “sexa cando sexa que comence”, haberá que revisar os mecanismos de regulación da cadea entre todas as partes, cooperativas, organizacións agrarias, industrias lácteas e cadeas de distribución. “Temos que actualizar a nosa Ley de la Cadena Alimentaria en función dunha nova directiva europea contra prácticas desleais -aprobada este ano-, e temos que valorar medidas como as adoptadas noutros países, como Francia. Todo o que contribúa a un maior equilibrio, predictibilidade e estabilidade nos prezos é bo para consumidores e produtores. Os dentes de serra son a peor cousa que pode ocurrir”, concluíu o ministro.

Lixeira baixada dos prezos en xullo

Os últimos datos sobre os prezos do leite no campo, publicados hoxe polo Fondo Español de Garantía Agraria (Fega), amosan unha lixeira baixada de 0,2 céntimos en xullo. En España, o prezo medio pasou de 32,2 céntimos en xuño a 32 no mes seguinte; en tanto en Galicia pasouse de 31,1 a 30,9 céntimos. Continúase así a tendencia á baixa que se mantén desde xaneiro, cando as cotizacións eran de 33 céntimos a nivel estatal e de 31,7 en Galicia.

As entregas de leite no último mes aumentaron a nivel estatal nun 0,6%, manténdose a liña dos últimos meses. En canto a calidades, Galicia, como é habitual, lidera a táboa a nivel de España en graxa, cun 3,70, polo 3,56 de media estatal, e tamén se sitúa por riba da media en proteína (3,23 por 3,21).

Máis información
Clun e Clesa poñen en valor o papel industrial das cooperativas nunha visita ministerial.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información