“O sector lácteo de Galicia merece un prestixio social que aínda non ten”

Óscar Blanco preside a asociación Gandeiros de Mazaricos, creada hai un par de anos co obxectivo de unir ás explotacións de leite do concello, un dos principais de Galicia na produción láctea

“O sector lácteo de Galicia merece un prestixio social que aínda non ten”

Óscar Blanco, no acto de presentación da Semana Gandeira de Mazaricos. / Arquivo.

A asociación Gandeiros de Mazaricos, creada hai un par de anos coincidindo coas protestas do sector lácteo, está xa consolidada como un referente do sector na comarca de Barcala – Xallas. Aglutina á gran maioría das explotacións de leite do concello e coorganiza cada ano a Semana Gandeira de Mazaricos, un evento que logrou non só implicar ó sector, senón a toda a poboación do municipio. Preside a asociación Óscar Blanco, un gandeiro que se incorporou hai algo máis de 15 anos á explotación familiar, na que manexan a día de hoxe unhas 250 cabezas, 120 en muxidura, cunhas medias de produción de arredor de 41 litros por animal.

Levades algo máis de dous anos coa asociación en marcha, que balance facedes?
– Unha das cuestións importantes de Gandeiros de Mazaricos é que practicamente todas as explotacións do concello están na asociación, e non só as explotacións, senón que tamén acollemos ós negocios do entorno, como talleres, ferreterías e outros, que indirectamente viven en boa medida do sector lácteo. A idea que tiñamos cando nos constituímos era a de mirar en conxunto polos problemas do sector en Mazaricos, para ver o que se podía cambiar. Tamén nos orientamos ó tema de formación, potenciando a xornada técnica da Semana Gandeira de Mazaricos e dándolle un enfoque práctico, que lle sirva á xente para mellorar cuestións no día a día da súa granxa.

Que problemas destacarías no sector lácteo a nivel do voso concello?
– A cuestión que nos preocupa sempre ós gandeiros é o prezo do leite. Houbo acordos e implantáronse contratos por escrito entre granxas e industrias, pero seguimos igual. Son as empresas lácteas as que continúan impoñendo os seus prezos. Por parte da Xunta, tiña que haber máis presión sobre as industrias para cambiar a situación.

“Cústanos atraer man de obra externa. A xente incluso prefire traballar noutro sector cobrando menos”

Outro dos temas que preocupa a nivel da comarca é a falta de man de obra para as explotacións lácteas. A xente prefire traballar noutro sector, como a hostelería, incluso gañando menos, en lugar de na gandería. Cústanos atraer a man de obra externa, en boa medida porque en Galicia o sector lácteo non se ve como o sector forte que é nin logrou o prestixio social que ten a gandería noutros países. Na nosa explotación, por exemplo, instalamos recentemente dous robots de muxido por estes problemas de man de obra que hai.

Aumentar o recoñecemento social do sector é precisamente un dos obxectivos da Semana Gandeira de Mazaricos, na que vos estades implicando non só gandeiros, senón asociacións culturais, escolas e todo o concello, en definitiva.
– Tratamos de promover que a gandería teña un recoñecemento, que sexa ben vista e que a xente se involucre, participe nas actividades que facemos e haxa outra idea sobre o agro. O sector lácteo ten que ser máis valorado porque sempre aguantou de Galicia. E se falamos do rural, o mesmo. O lóxico é dar uns servizos públicos no rural e que a xente non se vexa obrigada a marchar pola falta de servizos. Eses servizos teñen un custo, pero que é mellor, pagar ese custo ou gastalo nun futuro en extinción de lumes do territorio que queda abandonado?

En canto ós problemas do sector, dúas cuestións habituais son a falta de acceso a terras suficientes e o relevo xeneracional. Como é a situación na comarca?
– A zona de Mazaricos – Santa Comba é de gran concentración de explotacións, así que o acceso á terra é un problema. As ganderías medran, os alugueres de fincas escasean e están altos, e ademais temos o problema de superficies pequenas, en ocasións. Sería precisa unha nova concentración parcelaria para mellorar a xestión das terras.

En canto ó relevo xeneracional, en Mazaricos si que houbo moita xente nova que se foi animando a entrar, pero temos un grupo de explotacións con produtores de 50 – 60 anos que non teñen perspectivas de relevo xeneracional. Pode ser un problema nuns anos. Penso que hai que animar á xente a que viva no rural. Hai alternativas. Non hai que pensar só en grandes explotacións lácteas. Pode haber pequenas explotacións que traballen á vez varios sectores, como unha pequena gandería complementada con horta, por exemplo.

Gandeiros de Mazaricos nacestes no 2015, coincidindo coas mobilizacións do sector lácteo. Logo daquelas protestas conxuntas de todo o sector, o agro quedou bastante desmobilizado e desunido. Como ves a organización do sector?
– Cando as mobilizacións, tivemos o problema de sempre, que cada sindicato ou asociación que se mobilizaba miraba máis polo seu. Nós xuntamos moita xente que viña con nós porque non tiñamos nada que ver coa política. No 2015 fixemos unhas protestas históricas, nunca vin outras como aquelas, con todo o apoio cidadán que tivemos en concellos como Santiago. A cuestión é que se se prometen cousas e non se conseguen, a xente desmoralízase. Falta tamén unión no sector e así é complicado. Dáme envidia ver como se mobilizan en conxunto en países como Francia.

“Falta unión no sector e así as mobilizacións son complicadas. Dáme envidia ver as protestas conxuntas en Francia”

A vosa comarca sempre foi forte a nivel de sindicalismo agrario, caso de Unións Agrarias, e tamén tivo un papel importante na creación da Organización de Productores de Leche (OPL). Como ves o papel hoxe en día das organizacións agrarias?
– Hai anos, o 90% das explotacións da zona estaban nun sindicato ou noutro, principalmente en Xóvenes Agricultores ou en Unións Agrarias. Que pasou? Que nas explotacións houbo un relevo xeneracional, entraron os fillos ou socios novos e practicamente ningunha das persoas que se incorporou quixo seguir nos sindicatos. Os sindicatos tiveron cousas boas pero tamén outras que levaron a que perdesen apoios. Teñen que preguntarse por que antes tiñan tanta xente e por que agora hai moita xente que non quere saber nada deles.

A OPL (e outras asociacions igual) non lograron o valor e o peso que precisan a nivel de institucións. Poderian ser un bo defensor do sector porque a directiva e os seus socios son todos gandeiros, e a comarca e Galicia poderían gañar moito se existiran mesas de negociación para o sector do leite e deixaran que os gandeiros defendamos os nosos intereses. O que sucede é que, ao final, os políticos seguen dándolle o poder ós sindicatos.

Desde hai algo máis dun ano, o cooperativismo galego está inmerso en dous procesos de concentración, a través de Clun, que vos toca de preto, e de Aira. Que perspectivas lle ves á integración das cooperativas?
– A nivel de Europa, vemos que as grandes cooperativas están funcionando ben, polo que o tamaño pode ser clave, pero tamén é importante facer unha boa xestión. Para que unha cooperativa funcione ben, a xestión ten que ser verdadeiramente cooperativa, non individual; o socio ten que sentirse parte e ver un beneficio a final de ano de estar integrado na cooperativa.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información