O sector gandeiro fai unha nova demostración de forza en Lalín

Preto de 1.000 tractores participan na mobilización comarcal da capital do Deza, que concluiu cunha marcha a pé de milleiros de persoas. O campo chántase na demanda dun acordo de prezos

O sector gandeiro fai unha nova demostración de forza en Lalín

Milleiros de persoas ateigaron a praza da Igrexa de Lalín.

Os gandeiros das comarcas do Deza, Tabeirós e Terra de Montes volveron amosar a unidade e a firmeza do sector en torno á demanda dun acordo de suba de prezos para o leite. Preto de mil tractores chegaron a Lalín ó mediodía e foron varios milleiros de persoas -5.000 segundo os convocantes-, as que asistiron á manifestación a pé que concluiu na praza da Igrexa. A organización do acto, a cargo da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, agradeceu a implicación de gandeiros, comerciantes e veciños da comarca.

Por máis que o Ministerio de Agricultura e a Consellería do Medio Rural porfían en que un acordo de prezos do leite coma o francés non é posible, o sector gandeiro mantén e redobra o pulso cos gobernos, convencido de que a razón está da súa parte.

“Non queremos parches, queremos cousas serias. O leite é noso e a razón tamén” (Manifesto, Ariadna Fernández)

Resumiu o sentir xeral do sector, nun emotivo manifesto final, a veterinaria Ariadna Fernández. “Non queremos parches, non queremos medidas que non valgan para nada. Queremos cousas serias e o goberno sabe perfectamente que non é ético ofrecer eses prezos polo leite, ameazar con non recoller, chantaxear ás familias e que non é ético roubar. Roubar non é ético”, advertiu entre os aplausos das miles de persoas que ateigaban a praza da Igrexa. “Estade unidos e non deades un paso para atrás. Se vos ofrecen unha miseria, non deades un paso para atrás. Sodes todos, non sodes un. Estades todos aquí. O leite é noso e a razón tamén”, concluiu.

Reunións coa Consellería e Ministerio
Tras a lectura do manifesto, interviu brevemente o presidente da cooperativa Cobideza, Román Santalla, tamén secretario de Ganadería de UPA, para lembrar que mañá hai unha reunión en Lalín entre as cooperativas e a conselleira do Medio Rural; e o martes 18 outra en Madrid entre industrias, distribución, organizacións agrarias, cooperativas e Ministerio. “Somos conscientes da responsabilidade que temos, pero coa axuda de todos, estaremos á altura das circunstancias” -asegurou Santalla-. “Esta loita sacarémola adiante”.

“Industria e distribución están dispostas a un acordo de prezos. Que falta? Que o Ministerio dea un golpe na mesa” (Román Santalla)

En declaracións posteriores ós medios, Santalla precisou que tanto as industrias como a distribución están dispostas a un acordo de prezos similar ó francés, é dicir, cunha suba de prezos do leite de arriba para abaixo, desde a distribución ata o leite en orixe que se lle paga ó gandeiro. “O que precisamos para pechar un acordo é que o Goberno dea un golpe enriba da mesa e diga ‘o leite ten que subir 5 ou 6 céntimos por decreto e punto’ e que deixe de andar tonteando pedíndolle compromiso a Bruxelas e máis ó outro e ó outro máis. Xa sabemos como se fan as cousas e non imos ceder nada”, sentenciou. “Se Francia o fai, aquí a que estamos?”.

Os tractores comezaron a chegar a Lalín sobre as 12 horas.

Apoios
A mobilización de Lalín, a cuarta nas comarcas leiteiras tras as de Santa Comba, Chantada e Arzúa, contou de novo co respaldo dos políticos da comarca, en especial do goberno local de Lalín. O seu alcalde, Rafael Cuiña, chegou á manifestación conducindo un pequeno tractor. Houbo tramén presencia de deputados autonómicos, como Xavier Vence (Bng) ou Pablo García (PsdeG), así como da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. Na concentración de Arzúa estivera tamén Antón Sánchez, de Age.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información