O sector gandeiro agarda unha suba dos prezos do leite co etiquetado da orixe

Unións realiza un acto informativo para os consumidores ante unha cadea de distribución en Santiago e agarda unha pronta campaña do Ministerio de Agricultura

O sector gandeiro agarda unha suba dos prezos do leite co etiquetado da orixe

Acto informativo de Unións cos consumidores, hoxe nun supermercado en Santiago.

O etiquetado da orixe dos lácteos, que entrou en vigor hoxe, representa unha oportunidade para revalorizar o prezo do leite no campo, según entende Unións Agrarias. A organización desenvolveu esta mañá un acto informativo para os consumidores nunha cadea de distribución de Santiago, un acto ó que tamén convocou ós medios de comunicación para trasladar as súas demandas.

O secretario xeral de Unións, Roberto García, incidiu en que a partir de agora, é precisa unha revalorización do leite no campo, que espera que se concrete nos próximos contratos, a asinar a partir do 1 de abril. “En Francia, o primeiro ano do etiquetado da orixe do leite supuxo que se reduciran un 30% as importacións de leite de Alemania. En España é de esperar tamén unha maior preferencia do consumidor polo produto galego e español, co que deberían reducirse ás compras ó exterior”, valora García.

“En Francia, o etiquetado da orixe do leite reduciu as importacións de Alemania nun 30%” (Roberto García)

Unións, que subliña a calidade e garantías do leite galego, demanda a pronta activación da campaña institucional comprometida polo Ministerio de Agricultura para promover o consumo do leite estatal. A organización recoñece que nos últimos anos xa se reduciu considerablemente a compra ó exterior de leite líquido, pero sinala asignaturas pendentes. “En queixos, estamos en importacións nun volume de máis de 1.600.000 toneladas de leite equivalente, en tanto en leite en po estamos preto de 400.000 toneladadas e importamos outras 100.000 de iogures”, sinala Roberto García.

A organización agraria considera que a obriga de identificar a orixe do leite en tódolos produtos que teñan máis dun 50% de contido en lácteos reducirá as compras ó exterior de leite en po, utilizable en iogures e outros produtos alimentarios. En canto ós queixos, García sinala un camiño dobre no que avanzar. Dun lado, no fomento da preferencia dos consumidores polos queixos españois, en lugar dos procedentes de países coma Holanda ou Francia. Doutro lado, pide un esforzo das industrias lácteas por aumentar a variedade e calidade dos queixos estatais.

Remanentes de produtos fabricados
Desde hoxe, tódolos produtos lácteos que se fabriquen deberán indicar a orixe do produto. Se é de España, deberán facelo constar así, en tanto se é do estranxeiro, poderán indicar o país de orixe ou a súa orixe na UE ou fóra da UE.

Estes días, nos liñais dos supermercados poden verse aínda produtos que non identifican a orixe. Son remanentes xa fabricados que poderán continuar á venda en tanto non se esgoten as partidas almacenadas, pero das factorías lácteas xa non poden saír desde hoxe produtos sen o etiquetado da orixe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información