O sector de vacún prevé aprobar este 2018 un plan para preservar a eficacia dos antibióticos

Así se avanzou este venres nunha xornada organizada pola Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA) en Santiago de Compostela. Búscase preservar estes medicamentos para as xeracións futuras e evitar a aparición de bacterias multiresistentes.

O sector de vacún prevé aprobar este 2018 un plan para preservar a eficacia dos antibióticos

O sector de vacún prevé aprobar este 2018 un plan para preservar a eficacia dos antibióticos

O sector do vacún de leite ten previsto aprobar este ano 2018 un acordo voluntario dos propios axentes (gandeiros, cooperativas, industrias lácteas e veterinarios) para implantar protocolos de prescrición de antibióticos que sexan tamén de importancia crítica para o seu uso en humanos. O sector, a iniciativa propia, súmase desta forma ao Plan Nacional Nacional de Resistencia a Antibióticos, que busca preservar estes medicamentos para as xeracións futuras e evitar a aparición de bacterias multiresistentes.

O acordo foi avanzado este venres en Santiago de Compostela nunha xornada sobre “Uso responsable de medicamentos en vacún”, organizada pola Asociación Galega de Cooperativas Agrarias. O texto está a ser debatido nun grupo de traballo específico da Interprofesional Láctea (Inlac), que, unha vez aprobado, remitirao á Axencia Española do Medicamento do Ministerio de Sanidade. Así, prevese que o acordo sectorial apróbese e comécese a aplicar ao longo deste 2018.

“Este acordo é complexo pero é factible cumprilo. En vacún de leite somos responsables no uso de antibióticos desde hai tempo, e os datos así o corroboran, pero queremos dar un paso máis de forma altruísta pondo o noso gran de area na defensa integral da saúde pública. Así, con este acordo imos ter un sector lácteo máis competitivo e máis forte, e tamén cunha imaxe social reforzada”, destacou Higinio Mougán, director xerente de Agaca.

Como se atopa o sector de vacún de leite en España en canto a uso de antibióticos?

Os antibióticos que se utilizan en vacún de leite en España son fundamentalmente para tratar infeccións dos apararatos locomotor, respiratorio e reprodutivo causadas por axentes patóxenos presentes no medio ambiente ou en animais enfermos. E por suposto, tamén para previr ou tratar mamite, unha inflamación do ubre da vaca debido a axentes patóxenos. O consumo de antimicrobianos neste sector atópase na media da Unión Europa e en tendencia decreceente.

Así, José Manuel Peláez Pérez, técnico de Delagro, explicou que a partir dos datos de vendas facilitados polos principais fabricantes, “o consumo de antimamíticos en lactación baixou nos dous últimos anos un 15% anual e mantense o uso de tratamentos preventivos en secado”.

 “As vendas de antimamíticos en lactación baixou nos dous últimos anos un 15% anual”

Os principais antibióticos que se utilizan en vacún de leite son dous, ambos para tratar as mamites: as cefalosporinas de terceira e de cuarta xeración e as quinolonas inxectables. “En canto ás primeiras, as súas vendas baixaron o pasado ano en España un 17%, aínda que é certo que estamos lixeiramente por encima da media europea, e as vendas de quinolonas descenderon un 1,95%, situándonos neste caso na media comunitaria de utilización por vaca”, subliñou José Manuel Peláez.

O gandeiro é tamén o primeiro defensor e o primeiro interesado nun uso responsable dos medicamentos. Non só polo seu compromiso profesional e social como produtor de alimentos, senón tamén porque un uso inadecuado de antibióticos (sen receita ou con produtos non autorizados) pódelle carrexar perder entre o 1 e o 100% das axudas da PAC, segundo o nivel de gravidade. Ademais, a detección de restos de antibióticos en leite por non respectar o tempo de espera prescrito supón non só que non se destine a consumo humano senón unha penalización económica para a gandaría afectada e os correspondentes bloqueos de entregas e sancións por parte da autoridade competente en materia de gandaría.

Que cambios vai supor para o veterinario?

Os cambios que se prevén para o veterinario, e que foron avanzados polos expertos que participaron na xornada de Agaca, van na liña de:

-Tenderase a suprimir o uso de antibióticos con carácter xeral preventivo, especialmente os secados en saba. Os antibióticos para o secado utilizaranse soamente con diagnóstico e como último recurso. Implantarase progresivamente un uso selectivo de antibióticos no secado.

-Antes de aplicar un antibiótico esixirase ao veterinario  que realice un antibiograma que identifique o máis fielmente posible o axente patóxeno causante da mamite. O veterinario deberá establecer unha sistemática de uso de antibióticos de forma que se conte con identificación de patóxenos e realización de antibiogramas para, coñecendo os antibióticos aos que é sensible o patóxeno en cuestión, prescribir os tratamentos mais eficaces

-Tenderanse a suprimir os antibióticos de amplo espectro.

 “Potenciarase a realización dun antiobiograma antes de aplicar un antibiótico”

-Cobrarán cada vez máis importancia as vacinas contra a mamite e outras enfermidades que requiran o uso de antibióticos. Tamén se incrementará o uso de produtos prebióticos e probióticos de orixe natural que favorecen a saudade dos animais.

-Maior rastrexabilidade no uso de medicamentos: todos os veterinarios deberán comunicar á administración todos os medicamentos que receiten ou administren a animais produtores de alimentos, facilitando a información á Comunidade Autónoma onde radique a explotación. Esta remitiralla ao Ministerio de Sanidade que cruzará estes datos de consumo cos de vendas que lle facilitará a industria veterinaria. A receita dixital xa se está probando nalgunhas Comunidades Autónomas e contribuirá a reforzar este control sobre o uso de antibióticos en veterinaria.

Que cambiará para o gandeiro de vacún de leite?

-O manexo cobrará cada vez máis importancia, especialmente a hixiene e unhas boas rutinas de muxido que preveñan a aparición de mamite e doutras infeccións.

-Aumentará a importancia das medidas de bioseguridade nas gandarías de vacún.

Noutros países da UE a industria láctea xa esixe ao gandeiro estar certificado no uso adecuado de antibióticos

-Reforzarase a figura do veterinario responsable de explotación, unha figura que xa existe en boa parte da UE. Para iso pedirase ao gandeiro que informe o facultativo que traballa na súa gandaría e que se fai responsable do uso de medicamentos na mesma.

Noutros países europeos as industrias lácteas tenden a esixir aos gandeiros certificados non só de benestar animal e de calidade do leite, senón tamén de uso adecuado de antibióticos, como condición para a recollida

José Manuel Peláez durante a súa intervención na xornada de Agaca.

José Manuel Peláez durante a súa intervención na xornada de Agaca.

E que cambios se aveciñan en vacún de cebo?

-Tenderase a mellorar o coidado dos tenreiros de recría de raza Frisoa nas propias explotacións (bo encalostrado, camas quentes…etc.) para reducir así a necesidade de uso de antibióticos nos cebadoiros. Os expertos avanzaron que unha posible medida sería a devolución por parte dos cebadeiros dos becerros que lles chegan en mal estado.

-En cebo tenderase a suprimir o uso de pensos medicamentosos e os tratamentos orais en auga. A vía inxectable ou parenteral será a preferente para administrar antibióticos.

 Incidirase nun mellor coidado dos becerros pintos nas gandarías para que cheguen en mellor estado aos cebadoiros

-Os cebadoiros tenderán a primar aos gandeiros que vendan animais de recría preacondicionados, coas vacinas xa administradas. “En Irlanda xa se traballa así e para o gandeiro supón un plus de 50 euros por tenreiro, para un gasto que pode roldar os 10 euros”, destacou Manuel Cerviño, veterinario de Boehringer Ingelheim.

-Aos cebadoiros esixiráselles que elaboren e cumpran un plan de bioseguridade.

Ten todas as garantías sanitarias o leite que se consome en España?

“O leite cru producida nas explotacións galegas e por extensión o leite pasteurizado ou UTH e os seus derivados lácteos (queixos, iogures, etc.) son os alimentos con máis garantías sanitarias e que máis controis pasan dos que un consumidor pode adquirir en España”. Así de tallante mostrouse Roberto Lorenzana, director do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL), no que se analiza o 55% das mostras de leite en España.

E é que ademais de realizar o control na propia gandaría, o leite tamén se volve analizar antes de entrar na industria láctea, tanto os parámetros físico-químicos como os da súa calidade hixiénico-sanitaria e detección da presenza de residuos de antibióticos, complementando ás analíticas propias que poidan realizar as queixarías ou envasadoras de leite unha vez a materia prima entre no seu proceso produtivo de fabricación.

 Roberto Lorenzana (Ligal): “En España o leite e os seus derivados son os alimentos con máis controis e garantías sanitarias”

O director do LIGAL destacou, así mesmo, a baixa taxa de presenza de residuos de antibióticos en leite que considerou residual e que seguiu unha tendencia claramente decrecente na última década. En canto aos dous principais parámetros de calidade hixiénico-sanitaria do leite, reconto de células somáticas e reconto bacteriolóxico, a media das analíticas do LIGAL en 2017 foron de 205.000 células e 26.000 unidades formadoras de colonias, respectivamente, moi por baixo do limiar máximo que marca a Unión Europea: 400.000 e 100.000, respectivamente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información