O Rodo mira cara unha fusión das cooperativas do Deza

Situada no concello pontevedrés de Rodeiro, esta é unhas das maiores agrupacións lácteas do interior da provincia con máis de 300 socios. Falamos con José Luis Camiñas, o seu presidente, sobre os retos que afronta e os novos proxectos a piques de rematar

O Rodo mira cara unha fusión das cooperativas do Deza

José Luís Camiñas, presidente de O Rodo, nas novas instalacións.

Asentada en terras de Camba e fundada nos anos oitenta, O Rodo Sociedade Cooperativa Galega é unha das cooperativas líder na produción de leite no Deza. Acaban de pechar un ano no que deron forma a algúns dos proxectos máis ambiciosos ós que se enfrontou a sociedade nos últimos tempos: a construción dunhas novas instalacións que inclúen unha gasolineira, a piques xa de ser inauguradas. O seu presidente, José Luis Camiñas, aposta por traballar nun proxecto comarcal que reúna ás cooperativas do Deza.

“Para ser unha cooperativa pequena en Galicia tivemos un balance considerable en investimentos nestes últimos tres anos con preto de 2,2 millóns de euros destinados, en parte, ás novas instalacións”, explica José Luis Camiñas, quen acaba de ser reelixido presidente xunto ó resto da directiva, e que afronta outros tres anos liderando o colectivo. A metade destes fondos proceden de axudas oficiais. Boa parte deles foron investidos nestas novas instalacións situadas na entrada da vila de Rodeiro. Nunha parcela duns 10.000 metros cadrados érguese a gasolineira e unha nave destinada ó servizo de maquinaria, que ata o do momento permanecía noutra finca en pleno casco urbano, a carón da tenda e oficinas do colectivo.

O Rodo leva máis de nove anos perseguindo este proxecto que agora ve a luz, coa nave case rematada e a gasolineira pendente só da autorización por parte da Consellería de Industria. “A semana pasada tramitamos no Concello o fin de obra”, concreta o presidente, que agarda tela 100% operativa en breve, aínda que non se atreve a concretar prazos ó estaren suxeitos a tramitacións de permisos. Precisamente, foron as autorizacións para os acceso á gasolineira as que máis demoraron este proxecto e tamén as que o foron, en moitos casos, encarecendo.

Parte da maquinaria da cooperativa na nova nave.

Parte da maquinaria da cooperativa na nova nave.

Xunto con estas instalacións, os investimentos destes últimos tres anos estiveron destinados, en boa medida, á reparación e renovación de maquinaria. “No Rodo somos unha cooperativa que apostamos por ofrecer servizos ós socios; entón hai que investir constantemente en maquinaria. Do contrario, en pouco tempo acabas tendo só chatarra e sen poder prestar servizos”, recalca Camiñas. De feito no 2015, dedicaron a este fin uns 650.000 euros. E é que nestes últimos anos apreciaron tamén un incremento do 10% dos servizos que prestan.

O Rodo pecha estes tres anos cun saldo positivo, que quedou evidenciado cun superávit de 170.000 euros no 2017, logo dunha facturación de 3,5 millóns. “Nós centrámonos nos servizos, tanto de maquinaria, veterinario, tenda agraria, calidade do leite, substitucións… Ofrecémoslle cubrir o ciclo completo, dende sementeira, recollida, o ensilado, o abonado… ata a comida na explotación”.

Centrada na produción en extensivo

O Rodo conta con 360 socios, non todos eles activos. Case o 90% destes gandeiros son de terras de Rodeiro e o resto están repartidos entre concellos limítrofes: Dozón, Piñor, Chantada, Taboada, Antas de Ulla e Agolada. Na actualidade, integra 185 explotacións de leite, boa parte delas en produción en extensivo. Porén, o volume de litros de leite producidos xa está case igualado por parte das explotacións en intensivo. O ano pasado alcanzaron unha produción de 45 millóns de litros de leite. O 70% véndenllo a CapsaFood (Larsa), o 25% a Leche Celta e o 5% repártese entre Leche Río e Hermanos López. Nos últimos anos experimentaron un incremento nesta produción arredor do 4%. A cooperativa O Rodo intégrana outras 43 ganderías centradas na produción de carne e o restante son socios non activos.

Coa vista nun proxecto cooperativo comarcal no Deza 

Nunha comarca gandeira coma o Deza, os pasos de Clun ou Aira, que permitiron a agrupación de cooperativas, están a abrir camiño. “Eu penso nun proxecto comarcal”, anuncia Camiñas. Unha proposta que, polo momento, só abordou coa súa xunta directiva e non trasladou ós socios. Analiza que o volume de explotacións e produción de leite da zona non se afasta moito do de Aira. Ademais, recorda que a cooperativa o Rodo xa se enfrontou ó reto da fusión, logo de que no 2005 absorbera a Carboar. “Todos gañaron con aquela fusión”, lembra.

“Pasar de sete ou oito cooperativas no Deza a unha soa é imposible, o camiño é ir pasando por integracións previas”

Para Camiñas as dificultades veñen, en gran medida, da cantidade de cooperativas que persisten en Lalín, que reúne a seis organizacións primarias: “non lle vexo o sentido a que nalgunha parroquia haxa dúas cooperativas”, puntualiza o presidente de O Rodo.

“Pasar de sete ou oito cooperativas no Deza a unha soa é imposible, o camiño é ir pasando por integracións previas. Nós aquí temos a Gandeiros do Deza, que é de Lalín, moi próxima, e esa fusión é de estudiar xa. Temos moitos servizos compartidos e sería un proceso de aforro, onde gañaría o socio. Agora mesmo ós meus socios se lles propoño unha fusión con Clun ou Aira igual me pasa como a Xallas, un rotundo non. Incluso non lle podo propoñer nin unha comarcal directamente”, sentencia Camiñas.

En dez anos poden pechar 50 granxas por falta de relevo xeracional

No Rodo notan a falta de relevo xeracional que afecta a boa parte de Galicia. “O sector leiteiro galego aguanta o que lle boten antes de botarlle o pasador á explotación, porque unha vez que pechas, nunca máis volves, non é como noutras empresas”, recoñece Camiñas.

O presidente de O Rodo detecta que outro dos problemas ós que se enfrontan os gandeiros é que logo de grandes investimentos, estas ganderías rara vez son alugadas, a diferenza do que acontece con naves nos polígonos. Ademais, os propietarios teñen que seguir pagando o IBI por elas, e sen bonificacións.

“Nesta cooperativa aínda tivemos unha reconversión considerable de xente moza que se incorporou ás explotacións, tanto en intensivo como en extensivo”. Porén, xa calcula que nos próximos 10 anos poidan botalo peche outras 40 ou 50 granderías por falta de relevo xeracional.

“A Xuncoga fáltalle o compromiso do socio e medrar en fabricación”

Camiñas é directo á hora de valorar a Xuncoga, a única cooperativa de segundo grao do Deza e na que conta con máis do 26% de participación dende o ano 2000 . “A Xuncoga fáltalle o compromiso do socio de crer nela, de querela como queren ó Rodo, de sentila coma súa. Ademais, a Xuncoga fáltalle medrar en fabricación de penso, porque están producindo un penso de gran calidade a prezos moi competitivos”, defende Camiñas.

Outro dos atrancos para que esta cooperativa non acabe de afianzarse é a presión que fan as integradoras. “Rodeiro non está centrado só en vacún de leite ou carne e sei que moitos socios do Rodo non compran o penso en Xuncoga porque o que lles integra xa quere venderlle o penso. Exercen esa presión.”, recalca Camiñas. “As explotacións que non teñen presións mercan o penso en Xuncoga. Hai que pensar que Xuncoga é un fillo do Rodo”, subliña.

“Clesa é un xermolo en Galicia”

O Rodo participa, precisamente a través da compra de accións a Xuncoga no 2014 (70.000 euros en 700 accións), no proxecto de Clesa, impulsado por outras nove cooperativas baixo o nome de Agrupación de Cooperativas Lácteas (Acolat) e que busca a venta de produtos máis aló do leite fresco. “Nós temos unha participación moi pequena, pero hai que recoñecerlle o compromiso e a capacidade financeira que tiveron nun principio Os Irmandiños, Melisanto e Feiraco. Clesa é un xermolo en Galicia, que xa terminou xuntando a tres cooperativas considerables. Clun vai ser un referente. Clesa está a cumplir compromisos e a situación dela é boa”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información