O prezo do leite en España subiu no último ano un 8% fronte ao 29% da UE

Nos últimos meses os prezos do leite en Europa están a recuperarse na Unión Europea, unha subida que non se está rexistrando en España, onde os prezos evolucionan á baixa. Upa culpa ás industrias de establecer contratos a prezo fixo que non se actualizan coa evolución do mercado.

O prezo do leite en España subiu no último ano un 8% fronte ao 29% da UE

Upa culpa á industria de manter os prezos baixos en España con contratos fixos

Nos últimos meses os prezos do leite experimentaron unha leve recuperación nos principais países da Unión Europa, un repunte de prezos do que están excluídos os gandeiros españois.

Así se reflicte no último informe do Observatorio do Sector Lácteo da Comisión Europea, onde os prezos en xuño situáronse de media na UE nos 0,3305 euros por litro, o que supón un 0,6% máis con respecto ao mes de maio. En España, pola contra, os prezos mantivéronse estancados nos 0,3029 euros por litro, o mesmo que en maio. En Alemaña o prezo medio foi de 0,3383 euros, en Francia de 0,3238 e en Holanda de 0,3675 euros por litro.

Con todo, o dato máis revelador é a subida interanual: entre maio de 2016 e maio deste ano os prezos do leite para o gandeiro subiron de media na Unión Europa un 29%, mentres que en España a recuperación foi de tan só un 8%, unha das menores da UE, só por encima de Portugal (+4%), Grecia (+1%) e Finlandia. Pola contra, os gandeiros dos principais países produtores da Unión Europea percibiron unha maior recuperación de prezos: un 13% máis en Francia, un 41% máis en Alemaña ou un 46% máis en Holanda.

E aínda que é certo que en maio do pasado ano o prezo medio en España, de 0,2835 euros o litro, era superior á media europea, de 0,2621 euros, no último ano a recuperación de prezos para os gandeiros españois tense practicamente estancado ata situarse o prezo do leite por baixo da media da UE (0,3029 en maio fronte á media europea de 0,3286 euros por litro). De feito, países que partían dun prezo similar ao español en maio do pasado ano, experimentaron unha recuperación notablemente maior, caso de Francia (+13%), Italia (+19%) ou Austria (+23%).

PREZOS_LEITE_UE_17_GRAFICA

Upa culpa á industria de manter os prezos baixos en España con contratos fixos

Ante esta situación, a Unión de Pequeños Agricultores (Upa) emitiu este xoves un comunicado no que culpa directamente á industria de manter os prezos baixos para os gandeiros españois.

“O problema, -segundo UPA-, é que a pesar da sinatura de contratos entre gandeiros e industrias, estas impuxeron as súas condicións, e os contratos non están referenciados nin indexados senón que son a prezo fixo e non se actualizan coa evolución do mercado”.

A Interprofesional Láctea (INLAC) publica índices de referenciación de prezos a disposición dos operadores, aínda que o certo é que poucas industrias lácteas utilízanos para facer contratos a longo prazo cos gandeiros. O resultado é que cando se produce unha variación significativa dos prezos de mercado, os gandeiros “quedan fóra”, o que ao seu xuízo reflicte un “desequilibrio” entre industrias e gandeiros.

Ante esta situación, UPA lembra que a normativa láctea permite ás partes modificar o contrato por mutuo acordo, polo que insta a industria e distribución a que permitan a reformulación dos contratos adaptando a cadea láctea á nova realidade do mercado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información