O prezo do leite nos contratos a un ano evoluciona coma o de mercado

Senoble Ibérica, a única industria que ten asinados desde 2014 acordos a 12 meses cos gandeiros, sinala unha diferencia de 0,1 céntimos por litro entre a evolución do índice A da Inlac e o prezo medio en España nun periodo de 3 anos

O prezo do leite nos contratos a un ano evoluciona coma o de mercado

Mesa redonda nas xornadas de Feiraco entre representantes do sector industrial e cooperativo.

Os contratos a un ano entre gandeiros e industrias, con prezo variable, presentan unha evolución das cotizacións similar á do mercado, segundo a valoración de Senoble Ibérica, a única industria afincada en España que iniciou no 2014 a sinatura de contratos a un ano coas explotacións. O efecto dos contratos a un ano asinados por Senoble nótase principalmente nunha atenuación das caídas de prezo e tamén das subas, de xeito que proporcionan unha maior estabilidade. A obxectivación do prezo cobrado polo gandeiro en base a un índice de mercado permite tamén reducir a conflictividade asociada ás subas e baixadas de prezos, que ata agora decidía unha parte, a industria, de xeito unilateral.

A experiencia de Senoble cos contratos lácteos presentouse no marco dunha xornada técnico económica organizada pola cooperativa Feiraco no Pazo de Congresos de Santiago, un acto ó que asistiron arredor de 500 socios da cooperativa. Nunha das ponencias da xornada, o director de xestión de leite de Senoble, Juan Manuel Fiz, expuxo unha análise na que comparou os prezos de mercado 2011-2014 cos prezos que habería que pagar en función dos índices de indexación de prezos que ofrece a Interprofesional Láctea (Inlac), un organismo no que participan industrias e produtores.

“A obxectivación do prezo en base a índices de mercado contribúe a reducir a conflictividade no sector”(Juan Manuel Fiz, Senoble)

Índice A da Inlac
Senoble utiliza para indexar o prezo dos seus contratos o índice A da Inlac, que se configura en base a cinco referencias: o prezo do leite UHT (38%); o prezo do pienso de vacún (20%), as cotizacións do leite en cinco países europeos (Dinamarca, Alemania, Holanda, Francia e Portugal) (20% do peso); e en función dos prezos europeos de manteiga (12%) e de queixos (10%). É tamén o índice polo que en Galicia aposta Ulega, a organización de produtores ligada a Unións Agrarias, á hora de negociar coas industrias. Outras opcións serían o índice B da Inlac (referenciado ós prezos en orixe en Francia) e o índice C (referenciado ós prezos en Alemania).

A comparación dos prezos de mercado cos prezos que proporcionan os distintos índices amosa escasas desviacións. En España, no periodo 2011-2013, os prezos medios de mercado que se pagaron foron de 33,6 céntimos litro. Cos prezos evolucionando en función do índice A da Inlac, o prezo tería sido de 33,5 céntimos, segundo os cálculos de Juan Manuel Fiz. De terse seguido o índice B (prezos de Francia), a cotización tería sido de 33,1 e co modelo C (prezos de Alemania), de 34,4 euros; se ben Fiz desaconsella a indexación dos contratos ó modelo alemán polos fortes picos que presenta o mercado xermano, con subas e caídas moi acusadas.

Se se comparan os datos de prezos de mercado do Observatorio Galego cos índices da Inlac, os resultados son semellantes, según as estimacións de Juan Manuel Fiz. En definitiva, o director de xestión láctea de Senoble considera positiva a experiencia de indexación de prezos e sitúa as súas vantaxes nunha obxectivación independente das cotizacións, na estabilidade que proporcionan e nas posibilidades de corrección que presentan os índices. “Rematouse o de andar mirando os prezos a curto prazo mes a mes e o de que non me paguen menos que ó veciño”, valora Fiz.

En Galicia, a Xunta ofrece outra posible ferramenta para a indexación de prezos, o Xacobea, que é configurable en función dos acordos entre as partes.

Perspectivas en Galicia
O director xeral de Feiraco, José Luis Antuña, valorou tamén como positivo o novo periodo que se abre con contratos a un ano entre gandeiros e industrias. “Son unha ferramenta que permitirá estruturar o mercado e rematar con algúns abusos que se viñan producindo”, valorou. “Poden servir tamén para que o prezo do leite no supermercado deixe de conformarse en sentido contrario ó lóxico, de adiante para atrás”, criticou.

“Os contratos estruturarán o mercado e rematarán con algúns abusos que se viñan producindo” (José Luis Antuña, Feiraco)

En termos distintos valorou o novo periodo de contratos o coordinador da Asociación de Empresas Lácteas de Galicia, Pedro Ramos, que advertiu da asimetría dos contratos. “As industrias están de acordo cos contratos a un ano cos gandeiros, pero queremos o mesmo tipo de contratos a un ano entre industrias e distribución”, indicou. Ramos, quen desvelou que a Consellería de Medio Rural, a proposta da Asociación de Empresas Lácteas, solicitou en Bruxelas que se lexislasen prazos dun ano para a contratación entre as industrias lácteas e a gran distribución.

Sobre a situación de mercado que se abre en abril, o coordinador da Asociación de Empresas Lácteas de Galicia dubida de que as industrias poidan asinar contratos a un ano para toda a súa recollida, dado que considera que non teñen garantida a venda de todo ese leite á distribución. As súas previsións apuntan a que se producirá un aumento da recollida de leite a través de primeiros compradores que operan no mercado como intermediarios.

Outra cuestión abordada nas xornadas foi a posibilidade dunha integración cooperativa para acometer proxectos de transformación de leite, ben a nivel galego, ben estatal. Desde Feiraco, José Luis Antuña indicou que o sentir do consello reitor da entidade ía nesa dirección, aínda que indicou que non hai proxectos concretos sobre a mesa.

Competencia
A sanción de Competencia ás industrias lácteas e á propia Asociación de Empresas Lácteas de Galicia foi outro dos temas que sobrevoou as xornadas. O coordinador da Asociación, Pedro Ramos, cuestionou que Competencia sancionase á entidade por cuestións como as conversas mantidas para a xestión de excedentes de leite: “A xestión dos excedentes lácteos para convertilos en leite en po é precisamente algo que pode axudar a mellorar o prezo en orixe do leite. Que nos sancionen por iso non se entende”, criticou.

O director xeral de Feiraco, José Luis Antuña, tamén incidiu ante os socios en que Competencia en ningún apartado do seu informe de 125 páxinas responsabilizou a Feiraco de pactar prezos con outras industrias, unha práctica que negou de xeito terminante. Competencia mencionaba a Feiraco no seu informe só na parte sobre xestión de excedentes e non a responsabilizaba de acordos de prezos con outras empresas.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información