O pastoreo será obrigatorio en Holanda en 2020

As vacas pacendo forman parte da paisaxe dos Países Baixos e o consenso social para o mantemento deste xeito de produción láctea levou ao novo goberno neerlandés a lexislar para obrigar a todas as explotacións a pacer dentro de tres anos.

O pastoreo será obrigatorio en Holanda en 2020

Holanda quere tirar proveito comercial do leite producido en base a pastoreo

“O pastoreo forma parte da nosa herdanza cultural”, afirma Agnes Van den Pol, profesora e investigadora da Aeres University of Applied Sciences e do Wageningen Livestock Research que este martes participou nas Xornadas de Vacún de Leite e Pastoreo organizadas polo Campus Terra na Escola Politécnica superior de Lugo. A xornada reuniu a gandeiros e expertos galegos e europeos neste sistema de produción, con boas perspectivas para diferenciar o leite galego, tal e como xa están a facer Larsa e en breve Leche Celta.

Na súa ponencia, titulada “Pastoreo para a sociedade ou pastoreo para o beneficio?”, esta investigadora expuxo a realidade dos Países Baixos, onde o pastoreo é unha cuestión social que vai máis aló do aspecto económico. “A sociedade holandesa iguala biodiversidade a ter as vacas pacendo nos prados”, explicou. Ese consenso social fixo que no 2012 fose asinado por parte de 75 entidades de diferentes ámbitos (político, universitario, produtores, industria transformadora, industrias de servizos pero tamén sector financieiro, industria alimentaria en xeral, cadeas de distribución ou ecoloxistas) a chamada Convenant Weidegang, unha especie de tratado no que todos os participantes reafirmaron a importancia do pastoreo para a sociedade neerlandesa e fixaron como obxectivo estabilizar o pastoreo nos niveis de 2012, mantendo de cara ao futuro, cando menos, o mesmo número de vacas pacendo.

Para incentivar esta práctica, a industria leiteira implicouse introducindo unha prima ao pastoreo que se triplicou desde a súa implantación hai 5 anos e que se prevé que siga aumentando. A principal compañía do país, FrieslandCampina, de base cooperativa, que comezou pagando 0,5 céntimos por litro de prima no 2012, sitúaa hoxe en 1,5 céntimos por litro. Para cobrar esa prima de pastoreo premium, que gaña peso día a día dentro do sector produtor, é necesario que as vacas pazan durante un mínimo de 6 horas ao día cando menos 120 días ao ano. Pero para as granxas que non poden acadar ese obxectivo, FrieslandCampina dá a posibilidade do cobro do 25% desa prima cando o 20% do gando dunha explotación cumpre ese obxectivo.

Pero o verdadeiro salto en favor do pastoreo nos Países Baixos é sen dúbida lexislativo. Os partidos políticos propuxeron que o pastoreo fose obrigatorio e a proposta tivo maioría no Parlamento. O novo Goberno traduciu iso á lexislación, facendo que todas as explotacións pazan en 2020.

Benestar animal e medio ambiente

O alto nivel de concienciación medioambiental da sociedade neerlandesa fai que os Verdes (GroenLinks) acaparen neste momento case o 10% dos votos do país e fosen a formación revelación das pasadas eleccións celebradas no mes de marzo entrando con 14 deputados no Parlamento holandés, de 150 escanos. Finalmente as negociacións co primeiro ministro, Mark Rutte, non fructificaron para a súa entrada na coalición de Goberno de centro dereita, pero o seu peso é relevante no país e os postulados medioambientais acaban formando parte dos programas do resto de partidos de xeito transversal.

“Nos Países Baixos o 25% dos produtores lácteos están muxindo neste momento con robots de muxido”

“Neste momento hai moita preocupación polo benestar animal e a sociedade asocia benestar animal a pastoreo, aínda que o benestar das vacas tamén poida ser bo no establo”, afirma Agnes Van den Pol. As granxas neerlandesas teñen que cumprir ademais grandes esixencias medioambientais, algo que está a fomentar o pastoreo. “Tralo fin das cuotas lácteas non hai limitación á produción pero si restriccións aos fosfitos a través dun sistema de dereitos sobre o fósforo que fai que haxa limitación ao número máximo de vacas que pode ter unha explotación en función dos seus dereitos de fósforo”, explica Agnes. Os efectos do pastoreo sobre o medio ambiente supón máis lixiviación de nitratos no chan, menor emisión de metano e menos volatización de amoníaco, ademais dun menor gasto de enerxía, detalla

As explotacións máis grandes están volvendo a pastorear

A evolución do pastoreo nos Países Baixos nos últimos 20 anos foi de diminución. “No ano 2000 só había un 10% do gando de leite que non pastoreaba e hoxe esa porcentaxe está no 35%. Desde 1995 vemos que os produtores que pastoreaban día e noite pastorean hoxe só de día e os que pastoreaban de día deixaron de facelo”, relata Agnes. Na súa opinión, as granxas holandesas pastorean agora menos por varios factores, un deles o aumento dos rabaños porque “fixo que as terras a pasto en moitas explotacións non fosen suficientes para iso e os gandeiros necesitan optimizar e controlar máis a produción de herba”. 

No último medio século nos Países Baixos reduciuse por 10 o número de explotacións pero multiplicouse na mesma proporción, por 10, o número de vacas por explotación, ao tempo que a produción media por vaca se duplicou e a produción láctea por hectárea se triplicou.  

Nos Países Baixos o 25% dos produtores lácteos están muxindo neste momento con robots de muxido. Este é outro dos motivos da diminución do pastoreo, xa que “os sistemas de muxido automático é difícil xestionalos en pastoreo”, di.

Entre as vantaxes do pastoreo está o menor risco de mamite e unha composición de ácidos graxos do leite máis saudable, e tamén maior calidade láctea (o leite holandés sitúase no 4% de materia graxa de media). Entre as desvantaxes está o incremento do traballo nas granxas para acadar unha xestión axeitada do pastoreo e o feito de que a dieta das vacas é menos equilibrada por estar suxeita a unha ración cambiante en función do tempo atmosférico e da maior ou menor dispoñibilidade de pasto en función das distintas épocas do ano (no inverno, por exemplo, o pasto reemprázase por silo de herba).

As pequenas explotacións pastorean máis que as de tamaño grande, aínda que esta experta di que “vemos un cambio de dinámica no último ano porque as explotacións máis grandes están volvendo a pastorear”, afirma. Así que é optimista, porque malia que o número de vacas que pacen está baixando, “cambiar esa tendencia depende da decisión dos gandeiros e estamos dándolles argumentos para incentivar a volta ao pastoreo”, explica.

O pastoreo, estratexia ‘low cost’ de alimentación para o gando

Público asistente á xornada.

Público asistente á xornada.

Agnes di que máis alá dos beneficios ambientais que aporta o pastoreo, “a inxesta de pasto é un factor crucial para a rendibilidade das explotacións porque pastorear é traballar unha estratexia low cost de alimentación do gando de produción de leite”.

Sen embargo, admite que “o pasto permite producir só entre 22 e 28 litros por animal, se queres máis tes que suplementar”. Por iso, a alimentación das vacas en Holanda é unha combinación entre pasto, silo de herba e de millo e concentrado, que só representa o 10% da alimentación. Nos Países Baixos hai 17.000 explotacións lácteas, cunha media de 97 vacas e unha superficie media dispoñible por explotación de 52 hectáreas. A produción media sitúase entre os 8.000 e os 8.500 litros de leite por vaca e ano. Para esa produción os gandeiros neerlandeses empregan 750 quilos de concentrado, o que representa pouco máis de 200 gramos de concentrado por litro de leite (En España supera os 250 gramos).

“As explotacións que pastan entre 1.000 e 2.000 horas no anoa aforran de media 8,2 céntimos por litro de leite”

O país ten 1,8 millóns de hectáreas de terra agrícola, das que 200.000 hectáreas están destinadas a produción de millo para ensilado e 1 millón están adicadas a pasto. O 75% desa superficie é pasto permanente e o outro 25% pastizais temporais. A meirande parte é raigrás e tamén hai trevo branco. O rendemento medio dos pasteiros holandeses está entre 9 e 11 toneladas de materia seca por hectárea e ano, pero a produtividade da terra varía moito polas diferenzas rexionais existentes na calidade do solo, principalmente formado por arxila, turba e area nun país onde un terzo do territorio está por baixo do nivel do mar e protexido por diques. “Hai zonas que orixinariamente teñen solos de area moi pobres onde é necesario incrementar a fertilización con contido mineral”, di.

Esta experta afirma que “canta máis alta é a inxesta de pasto na dieta das vacas menores son os custos de produción e maiores os beneficios económicos das explotacións”. Nun estudo realizado entre os anos 2013 e 2014 constatouse un aforro económico de 8,2 céntimos por litro de leite naquelas explotacións que pastaban entre 1.000 e 2.000 horas no ano, porque ademais de baixar o gasto en concentrado tamén se reducen os custos de maquinaria.

“FrieslandCampina considera que pode vender moito leite, sobre todo en Asia, usando a imaxe das vacas pacendo”

Con todo, di que “moitas explotacións nos Países Baixos teñen as vacas fóra pero a inxesta de pasto non é óptima e en moitos casos as vacas pasan pacendo menos horas das necesarias”.

O prezo do leite en Holanda está neste momento en 37 céntimos despois duns anos de prezos moi baixos, que chegaron a caer até os 21 céntimos por litro, ao estar moito máis vinculados á evolución dos mercados internacionais, nun país claramente exportador de queixos. A prima por pastoreo representa neste momento 1,5 céntimos por litro pero de cara aos vindeiros anos é moi probable que siga subindo porque “hai presión social a favor do leite de pastoreo e FrieslandCampina considera que pode vender moito leite, sobre todo en Asia, usando a imaxe das vacas pacendo”, afirma Agnes.

pastoreo en HolandaAs maiores zonas de produción de pasto na UE coinciden coas zonas de maior produción láctea: 

producion lactea por hectarea na UE

produtividade dos pastos na UE

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información