“O paso a pastoreo significou máis rendibilidade e máis tempo libre”

Visitamos SAT Margá, unha gandería de vacún de leite de Guitiriz (Lugo) que decidiu hai dous anos pasar dun sistema intensivo a ter as vacas en pastoreo en extensivo. Óscar Morado Corral fálanos dos cambios na súa gandería e das vantaxes e inconvenientes do novo sistema

“O paso a pastoreo significou máis rendibilidade e máis tempo libre”

Óscar Morado coas súas vacas no prado

Dicía Albert Einstein que “É máis fácil desintegrar un átomo que un prexuízo”. E quizás isto lle sucedeu ao sistema de alimentación baseado no pastoreo para o vacún de leite, ata hai unas décadas maioritario en Galicia e que a medida que foi desprazado pola estabulación en intensivo se lle foi atribuíndo o prexuízo de pouco produtivo, pouco moderno e de escasa rendibilidade.

A gandería SAT Margá, en Guitiriz (Lugo) é un exemplo de ruptura con estes prexuízos e de volta ao pastoreo. Con 250 cabezas de gando, unha produción que superaba os 1,2 millóns de quilos ao ano, máis de 35 litros por vaca e día unha taxa de reposición superior ao 40%, os seus parámetros eran os dunha gandería en intensivo moderna e competitiva. Sen embargo, hai dous anos decidiron que ou reorientaban a explotación ou terían que pechar. “Estabamos nun sistema no que tiñamos que estar investindo continuamente e chegou un momento en que viamos que non era rendible económicamente porque non nos remuneraba as moitas horas que tiñamos que botar muxindo e traballando”, resume Óscar Morado, un mozo gandeiro socio da SAT xunto aos seus dous irmáns e os seus pais.

Decidiron entón, co asesoramento técnico especializado, reorientar a explotación cara o pastoreo en extensivo, aproveitando de que dispuñan dunhas 50 hectáreas de terreo nun radio inferior a un quilómetro dos establos. Hoxe, dous anos despois, Óscar Morado resume os cambios deste xeito: “Antes producir 10 euros custábanos 9 e hoxe producir 6 euros cústanos 2 euros, e con moita máis calidade de vida”.

Importante baixada da produción

E é que quizás un dos aspectos nos que máis notou esta gandería o paso do sistema de intensivo a extensivo foi na produción: “Pasamos dunha media de 1,3 millóns de kilos ao ano a 750.000, ou o que é o mesmo, dunha media de produción de 35 litros por vaca e día a 25 litros na tempada de pastoreo e a entre 18 e 21 litros por vaca e día cando non hai pasto”, explica Óscar Morado.

O reverso positivo está no aumento das calidades do leite e na importante baixada dos custos de produción, que este gandeiro sitúa “en polo menos un 50% menos de gastos”. Así, o gasto en alimentación, que ven representando o 60% dos custos de produción dunha explotación media, reduciuse notablemente polo descenso do consumo de penso, pasando a estar a alimentación baseada no pasto, no silo de herba e na herba seca, todas elas forraxes producidas na explotación.

Deste xeito, SAT Margá pasou hai dous anos de empregar 17 kilos de penso por vaca e día a unha media de 2,5 kilogramos. “É dicir, pasamos de empregar 550 gramos por litro de leite a 117 gramos, e isto en diñeiro supuxo deixar de pagar unha factura mensual de máis de 23.000 euros a arredor de 3.500 euros ao mes”, salienta Óscar Morado.

“A nosa factura mensual de penso pasou de 23.000 euros a 3.500”

Outra melloría que destaca este gandeiro co paso a pastoreo foi a importante mellora no estado de saúde das vacas. “Desapareceron os problemas de patas, de ubres, de retencións e de estómago, e mellorou a fertilidade xeral do rabaño”, asegura. Unha melloría que tamén se traduciu en diñeiro, pasando de gastar unha media anual de algo máis de 8.000 euros en produtos veterinarios e pouco máis de 1.800 euros.

A mellora da saúde e da lonxevidade do rabaño tamén se está a traducir nun menor gasto en reposición e cría de xovencas, o segundo gasto, despois do de alimentación, máis importante nunha explotación de vacún de leite. “Pasamos de estar nun 45% de reposición a marcarnos un obxectivo do 18 ou do 20%”, un proceso de redución do rabaño no que aínda están e que persegue baixar das 120 vacas en muxido actuais a 100 ou 105 e tamén reducir a recría de 60 a un máximo de 40 xovencas.

A menor taxa de reposición tamén supuxo nesta gandería un aumento dos ingresos complementarios pola venda de becerros de cruce con razas cárnicas. Así, neste momento en SAT Margá inseminan arredor do 85% das vacas con razas cárnicas, principalmente Azul Belga, que venden aos 15 ou 20 días a un prezo medio de 200 euros por xato.

En canto a calidades do leite, o cambio a pastoreo, xunto coa introdución da raza Jersey -da que xa contan cuns 40 animais e que pensan seguir aumentando-, permitiulle a esta gandería pasar dunhas calidades de 3,60 de graxa e arredor dun 3,25 de proteína a 4,20 de graxa e un 3,30 en proteína. Unhas calidades que valora e paga a industria á que lle venden o leite, Queserías Entrepinares, cun prezo base de 0,30 euros máis certificación, calidades e IVE.

En SAT Margá tamén experimentaron unha importante melloría no reconto de células somáticas, baixando dunha media de 260.000 a 170.000 co sistema de pastoreo en extensivo día e noite.

Dosificador de penso na sala de muxido

Unha importante innovación que introduciron nesta gandería foi un dosificador de penso na sala de muxido, que proporciona a cantidade de penso adecuada ás necesidades de cada vaca. “Coa entrada en pastoreo tiñamos claro que queríamos optimizar o consumo de concentrado e a instalación dos comedeiros na sala de muxido supuxo un investimento importante, pero que o vemos compensado porque a vaca come os gramos que necesita, en función dos días que leva en leite”, explica Óscar Morado. Así, hai vacas comendo 6 kg cando están en pico de lactación e outras con só 500 gramos cando están en cola de lactación, situándose a media nos 2,5 kilos por vaca e día.

“É un sistema co estamos encantados: cada vaca come o que precisa, o animal entra a sala sen necesidade de ir a por el, e a baixada do leite é excepcional de forma que tan pronto limpas os tetos a vaca xa está estimulada”, destaca este gandeiro.

Ademais, o sistema vai aumentando ou reducindo progresivamente a cantidade de penso que lle subministra a cada vaca en función do seu estado, evitando así cambios bruscos na alimentación.

Organización do sistema de pastoreo e de alimentación

¿Como organizan o sistema de pastoreo nesta gandería? Como consideracións previas que hai que ter en conta, Óscar Morado recomenda contar sempre con asesoramento técnico. Aspectos clave a ter en conta segundo este gandeiro son que o paso a pastoreo debe ser progresivo (no seu caso empezaron con 2 horas diarias e foron aumentando progresivamente ata chegar a pastoreo día e noite), que as vacas deben ser desparasitadas dúas veces ao ano e que os pasteiros deben estar nun radio non superior a 1,5 quilómetros da sala de muxido.

 Óscar Morado: “O primeiro ano é o de maior traballo”

No caso de SAT Margá contaban coa vantaxe de ter 52 hectáreas de superficie nun radio de non máis dun quilómetro. A súa base territorial compleméntase con outras 55 hectáreas a maior distancia e que aproveitan para ensilado, herba en verde e herba seca.

“O primeiro ano é o de maior traballo, porque tes que valar as fincas. No noso caso fixémolo con postes de madeira e alambrada e por dentro poñemos pastor eléctrico para ir cambiando as vacas dentro de cada parcela”, explica Óscar. Dotar dun ou de varios puntos de auga a cada parcela, ben sexan fixos ou móbiles mediante cisterna, foi outra das medidas que tomaron nesta gandería.

A día de hoxe o seu sistema de pastoreo é de día noite, alternando unha parcela dunha hectárea de día con outra hectárea de noite para un rabaño de 100 vacas. “O obxectivo ao dividir o terreo en 50 parcelas dunha hectárea, foi darlle ao pasto o tempo necesario para renovarse despois de cada pacedura, asegurando así que as vacas sempre teñen comida suficiente no prado”, explica Óscar.

Así, día a día en SAT Margá segue unha rutina establecida: as vacas vanse recoller ao prado ás 7:30 ou 7.45 para empezar a muxir sobre as 8:00 da mañá e sobre as 10:00 ou 10:30 están de novo no prado. Permanecen nos pastos ata as sete da tarde, cando son recollidas para o segundo muxido e, unha vez rematado, voltan a unha nova parcela onde pasarán a noite ata o día seguinte.

O pastoreo realízano entre a segunda semana de marzo e finais de decembro. Durante os tres meses de estabulación a alimentación é en base a silo de herba de zanxa e penso. Nos meses de verán nos que non hai pasto suficiente, a ración compleméntase de noite con silo de herba en bolas, herba seca e penso na sala de muxido.

Ademais, na primavera complementan a alimentación con herba verde que recollen nas parcelas máis afastadas cun autocargador rotativo. Danlla ás xatas, que permanecen estabuladas, e tamén ás vacas durante a noite.

Ao tratarse dun sistema de alimentación do gando baseado case en exclusiva na herba, o coidado das calidades da mesma é fundamental. En total ensilan unhas 45 hectáreas de raigrás inglés e trevo branco, que completan cuns 400 rolos de herba seca.

 “Canto máis pazan as vacas máis baixan os custos de produción”

En canto ao pasto, xunto a estas dúas especies tamén están introducindo a festuca para resistir mellor as épocas de seca no verán. Empezaron traballando cunha altura de pasto para introducir o gando de arredor de 17 centímetros, que foron reducindo ata 12 centímetros, “porque viamos que se estragaba moita herba que as vacas non pacían”.

“O noso obxectivo é lograr que as pradeiras vaian tupindo cada vez máis e pacer o máis baixo posible para que o pasto teña maior calidade”, explica Óscar Morado. “Todo o que pazan as vacas e que sexa de boa calidade supón baixar os custos de produción”, subliña.

Vacas no prado

Aspectos a mellorar de cara ao futuro

Como aspectos a mellorar de cara ao futuro, en SAT Margá queren seguir renovando parcelas que estaban a raigrás italiano, unha especie que non é a óptima para o pastoreo; lograr que os pasteiros cada vez sexan máis tupidos para aumentar a cantidade e a calidade do pasto e seguir aumentando a base territorial e reducindo o rabaño ata chegar unhas 100 vacas en muxido e a sobre 40 xovencas. En canto ás razas, pretenden seguir cunha parte de Frisona pura, pero dunha estirpe máis rústica como a Danesa, e aumentar a porcentaxe de Jersey polas excelentes calidades de graxa e de proteína do seu leite, apreciadas e pagadas, sobre todo para a elaboración de queixos.

“Quédanos máis diñeiro e melloramos a calidade de vida”

Ademais, esta gandería ten un proxecto de ampliación e mellora do establo actual que confían en poder executar nos próximos meses. Óscar Morado explica que “se trata de aumentarlle dous tramos á nave para que, nos meses de inverno que están estabuladas, ter cornadizas e camas suficientes para as vacas en muxido, aumentar os bebedeiros e tamén crear un espazo para as secas, pois agora mesmo non teñen onde abrigarse”. O proxecto tamén contempla a ampliación das trincheiras dos silos, construír unha fosa de recolección de lixiviados dos silos e ampliar a foxa de xurro. “Temos unha foxa de 1,2 millóns de litros e queremos ampliala e cubrila para acumular todo o xurro que se poda facer nos meses de estabulación e durante o muxido, co obxectivo de poder abonar no momento óptimo, en primavera, reducindo a fertilización química”, asegura.

Como conclusión, Óscar Morado valora como “moi positivo” o cambio de sistema en estabulación intensiva a pastoreo en extensivo, malia as reticencias e as dúbidas iniciais. “Se non o fixéramos non teríamos viabilidade económica. A día de hoxe, con menos produción, quédanos bastante máis diñeiro e melloramos moito a nosa calidade de vida”, conclúe.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información