“O obxectivo do Centro de Recría da Deputación de Lugo é que cada animal lle custe ao gandeiro uns 1500 euros ou menos”

Entrevista a Rogelio Grille Barbeira, veterinario de Seragro e xerente de Recría Castro S.L., a empresa adxudicataria do Centro de Recría da Deputación de Lugo, o primeiro de carácter público de España e con capacidade para 3.000 animais.

“O obxectivo do Centro de Recría da Deputación de Lugo é que cada animal lle custe ao gandeiro uns 1500 euros ou menos”

Rogelio Grille Barbeira, veterinario de Seragro e xerente de Recría Castro S.L

O Centro de Recría da Deputación de Lugo, o primeiro de carácter público de España e financiado en exclusiva polo ente provincial con 14 millóns de euros, ten previsto comezar a recibir becerras a partir do 15 de xaneiro.

Rogelio Grille Barbeira, veterinario de Seragro e xerente de Recría Castro S.L., a empresa adxudicataria deste centro con capacidade para 3.000 animais, fálanos dos requisitos e das vantaxes que ofrece este servizo para os gandeiros da provincia de Lugo.

¿Que levou a Seragro a crear Recría Castro para optar á xestión do Centro de Recría da Deputación de Lugo?
Son veterinario en Seragro dende hai máis de 25 anos e levo prestando asesoramento técnico a ganderías de toda Galicia. Neste sentido, pensamos que este é un servizo técnico máis e por iso decidimos dar o paso e presentarnos á concesión deste centro de recría.

Estades ultimando a posta a punto das instalacións. ¿Cando se prevé que entren en funcionamento?
Asinamos o contrato da concesión o día 8 de novembro e dende aí temos un prazo de 3 meses para comezar a funcionar; é dicir, temos ata o 8 de febreiro como data límite. Sen embargo, a miña idea é comezar a funcionar antes, se podemos a partir do 15 de xaneiro, e creo que vai ser posible recibir as primeiras becerras a partir desa data.

¿Que teñen que facer os gandeiros para enviar as súas becerras ao Centro de Recría da Deputación de Lugo?
Temos un correo electrónico info@recriacastro.es e un número de teléfono 650 66 47 76 a onde se poden dirixir as ganderías para informar de que están interesados e facer a súa solicitude.

A partir de aí, eu visitarei as explotacións interesadas en enviar becerras aquí para informalas de como imos traballar e das condicións do contrato. Aconsellaríalle aos gandeiros da provincia de Lugo que chamen canto antes porque a capacidade do centro é limitada e as visitas faranse por orde de chamada.

 “As ganderías interesadas poden chamar ao teléfono 650 66 47 76 ou enviar un correo a info@recriacastro.es”

¿Que criterios utilizades para seleccionar as ganderías?
Os gandeiros da provincia de Lugo teñen preferencia xa que este centro foi financiado en solitario pola Deputación Provincial de Lugo. Se non somos capaces de completar a capacidade do centro con ganderías de Lugo, recorreríamos a explotacións do resto de Galicia.

O segundo criterio que utilizamos é que as ganderías deben estar cualificadas sanitariamente, con 5 anos sen ningunha problemática de saneamento, e deben ser explotacións que estean en ADS. En canso de que estean nun concello sen ADS, nós fariámoslle un programa sanitario similar ao das ADS para cumprir este requisito.

¿Tivestes xa chamadas de ganderías interesadas en enviar as súas becerras ao Centro de Recría?
Si, o pasado venres había xa máis de 45 explotacións interesadas. Digamos que xa estamos preto de encher as instalacións. Aínda que o Centro de Recría Gayoso Castro ten instalacións para recriar 3000 becerras, a capacidade de entradas por semana é de entre 30 e 32 animais. Nós imos recoller esa cantidade todas as semanas.

Diríalle, por tanto, a todo aquel que estea interesado que chame porque imos ir por orde de chamada a visitar aos posibles clientes, e no momento que completemos teremos que parar. Non existe límite de becerras por gandería. As xatas entrarán cunha idade a partir de 15 días

¿Como serán os prezos e as condicións?
Os establecidos no prego de condicións: 2,39 euros por becerra e por día, e para os gandeiros da provincia de Lugo inclúe todo: transporte, recría, inseminación e transporte de volta ás explotacións cando teñan 7 meses de preñez.

“O noso compromiso é lograr un promedio ao parto de 24 meses ou menos e con máis de 600 kilos de peso”

O compromiso que asinemos cos clientes é lograr un promedio ao parto de 24 meses ou menos e con máis de 600 kilos de peso. Imos poñer todos os medios para facelo incluso antes. Imos inseminar as xatas por riba de 1,35 metros de estatura e con máis de 400 kilos de peso. O obxectivo é que a estancia no centro sexa menor, con menos custo para o gandeiro.

¿Que vantaxes ten este centro para o gandeiro, non só con respecto a recriar na casa, senón tamén con respecto a outros centros privados de España?
A vantaxe co resto de centros é que está en Galicia e que o prezo é moi competitivo, grazas a que a Deputación construíu as instalacións e non as temos que amortizar na tarifa que se lle cobra ao gandeiro.

En canto a recriar na casa, o gandeiro na explotación ten que facer todo, e a recría sole quedar para o final. Aquí temos a especialidade en recría, e cun volume suficientemente grande para ter lotes de animais por idade. En definitiva, podemos facer as cousas mellor do que se fai na maior parte das explotacións.

Coa túa experiencia previa no centro de recría de Ganxabar, ¿En que aspectos melloraron os socios respecto a facer a recría na casa?
A día de hoxe as becerras que están saíndo de Ganxabar promedian 22,6 meses de idade ao parto e máis de 600 quilos cando saen do centro, con 7 meses de preñez. E isto dá unha cantidade asombrosa de recría nas ganderías, que facilita que todos os socios de Ganxabar podamos vender recría.

¿Como vai ser o manexo e a alimentación das becerras?
Xa fai moitos anos que se está a traballar nalgúns centros de recría de Estados Unidos cun sistema de alimentación intensiva nas primeiras idades. Tiven a oportunidade de velo o ano pasado in situ, durante unha visita guiada polo profesor Robert Corbet. A clave é unha alimentación con moito leite e durante máis tempo para sacar ao destete animais con máis peso e mellor saúde, e poder así conseguir mellores resultados de altura e peso á inseminación, e polo tanto ao parto. Desta forma, imos destetar por riba de 75 días e o obxectivo é duplicar o peso do animal ao destete.

En canto á inseminación, ¿Que tipos de touros ides utilizar e existe a posibilidade de empregar seme sexado?
Dentro dos 2,39 euros por becerra e día vai incluída a inseminación, e por tanto non poderemos utilizar touros do top ten, pero si daremos a posibilidade aos clientes de utilizar touros máis caros, cun prezo suplementario. Tamén, como un extra, daremos a posibilidade de empregar seme sexado.

Traballaremos con todas as empresas de xenética que ofrezan boa relación calidade prezo, aínda que cun tratamento preferencial cara Xenética Fontao.
Tendo en conta que as xovencas son os animais máis fértiles é onde compensa máis investir en mellora xenética a través de acoplamentos.

O custo total para o gandeiro será de arredor de 1.500 euros e o noso obxectivo é que incluso sexa menos, se logramos ter xovencas con 23 meses ao parto, con máis de 600 kilos de peso e moi boa saúde. É dicir, o noso obxectivo a medio e a longo prazo é que as becerras estean no centro uns 21 meses.

A bioseguridade é un aspecto clave en calquera centro de recría. ¿Como ides traballar?
Vai ser clave, por iso pedimos a todos os clientes que estean en ADS e cumpran o programa sanitario das mesmas, que sexan explotacións cualificadas sanitariamente sen ningún tipo de problemática en campañas de saneamento durante 5 anos. Aquí teremos uns protocolos de bioseguridade moi estrictos, cun peche petrimetral absoluto e traballaremos con todas as medidas e plans vacunais que nos ofrezan as máximas garantías.

“Teremos as máximas medidas de bioseguridade”

Ás becerras na explotación farémoslles probas para certificar que sexan negativos a antíxeno de BVD, de forma que os veterinarios das ADS lles fagan unha mostra de cartílago ao nacemento para que estean libres desta enfermidade. Farémoslle outro chequeo cando cheguen á zona de corentena, onde tamén lle faremos plans vacinais para IBR, clostridios, problemáticas respiratorias…etc. É dicir, vacinarémolas contra as principais enfermidades ao chegar á zona de corentena.

¿Que cambios suporá este Centro de Recría para as ganderías de vacún de leite da provincia de Lugo?
Na provincia de Lugo hai preto de1.500 explotacións de vacún de leite en Control Leiteiro e todas elas precisan recría, e dentro deses potenciais clientes a situación é moi variable: hai gandeiros que fan eles a recría e a fan ben; hai unhas ducias de explotacións que xa viron a necesidade hai anos de recriar fóra e entano facendo, de xeito algo caro, pero ben. E neste Centro de Recría espero que vexan unha oportunidade de recría a mellor prezo, sobre todo para aqueles gandeiros que teñen limitacións á hora de facelo na casa.

Con 50 explotacións que teñan un promedio de 100 vacas xa teríamos ocupado o Centro de Recría da Deputación de Lugo e espero que o logremos sen problema.

Visitaches diversas explotacións en países punteiros en produción de leite como Francia, Alemaña ou Estados Unidos. ¿Por onde van as tendencias en recría?
O mundo da produción de leite é moi diverso e hai varios tipos de recría. En Francia ou en Alemaña as explotacións teñen máis base territorial e a recría faise na propia explotación e moito en base a pasto; é unha recría menos intensiva baseada máis na terra, e por tanto os obxectivos de idade ao parto e de peso son menos ambiciosos.

A problemática de Galicia é que non dispomos de base territorial e temos que intensificar a recría, e de aí ven a necesidade de buscar alternativas como os centros de recría. Os obxectivos tamén son máis esixentes: animais que desarrollen o antes posible e cunha idade menor ao parto para que o prezo da recría sexa máis competitivo.

Estados Unidos é un referente neste modelo de recría en intensivo, a pesar de que alí a dispoñibilidade de base territorial non é un factor limitante. Pero aínda así recorren os gandeiros á especialización dos centros de recría, algúns de máis de 27.000 becerras e de tan só 7 clientes. Os gandeiros prefiren especializarse e centrarse en facer leite na explotación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información