O ‘muxemóbil’, unha solución para aproveitar o pasto distante

A gandería Adelina, ubicada no concejo asturiano de Castropol, acaba de iniciar o proceso de conversión a ecolóxico e vén de facerse cunha sala de ordeño portátil coa que poder muxir nas fincas máis alonxadas da explotación sen necesidade de traer as vacas todos os días

O ‘muxemóbil’, unha solución para aproveitar o pasto distante

Ganadería Adelina introducirá este equipo de muxido móbil nos pastos que usa na primavera e no verán, máis afastados da explotación.

Jesús Méndez Fernández recíbenos na súa casa de Brul cunha camiseta co lema ‘Oro no’, que lembra os anos de intensa loita dos veciños da parroquia de Tol e doutras limítrofes en contra da macroexplotación aurífera que a empresa Asturgold pretendía levar a cabo en Salave, no veciño concello de Tapia de Casariego. O proxecto está paralizado nestes momentos polos informes en contra da Confederación Hidrográfica do Cantábrico, pero Jesús segue vendo nesta concesión mineira unha ameaza para a súa gandería, igual que para moitas outras desta zona da rasa costeira do occidente asturiano.

Hoxe as vacas de Jesús pacen nun prado a menos dun quilómetro de onde se situaría a mina, pero non sempre foi así. Cando Jesús, que ten hoxe 45 anos, se incorporou no ano 1998 á granxa familiar despois de estudar Enxeñería Agrícola en Lugo e de dúas estancias en Canadá, a explotación era moi intensiva. Seu avó, Paco de Adelina, trouxera as primeiras vacas pintas da zona e o seu pai Jesús viviu en primeira persoa o desenvolvimento da frisona en Asturias.

A gandería iniciou un programa de cruces na busca de animais máis rústicos. Na actualidade, conserva só un 10% de frisonas puras

Cando Jesús se sumou á gandería fixo unha nave de cubículos e unha parrilla de alimentación, unha ampliación que hoxe el mesmo cuestiona. Igual que o amplo parque de maquinaria co que conta: dous tractores, segadora, rastrillo, enroladora, carro mezclador, sala de ordeño de 10 puntos, amamantadora, etc. “Hoxe non o tería feito, con eses cartos tería mercado unha finca, porque os cartos gastados en ferros e en cemento teñen un retorno moi baixo en agricultura”, opina.

O modelo polo que optou nun principio non acababa de convencelo e pouco a pouco Jesús foi cambiando a filosofía da súa explotación cara un modelo extensivo, baseado no pasto como eixo da alimentación do gando. A primeira decisión que tomou xusto antes de que desapareceran as cuotas lácteas foi vender a metade dos 890.000 litros que Ganadería Adelina tiña asignados. “Comecei a mosquearme porque había gandeiros grandes que estaban vendendo cota e decidín poñer a miña tamén á venda. Parecía unha decisión arriscada, pero aquela xogada saíume ben, porque vendín a bo prezo algo que pouco despois perdeu todo o seu valor. Quizais tiña que tela vendido toda, pero collín medo”, lamenta.

Aquela decisión atinada serviulle tamén para salvar as influencias foráneas e contar co apoio familiar para os seguintes pasos a dar: reducir produción e facer cruzamentos no gando en busca dunha cabana formada por vacas máis rústicas e máis pequenas. Hoxe, das 120 cabezas coas que conta, tan só 12 son frisonas puras, o resto son cruce con jersey e, a maioría, con montbeliarde e con rojo sueco.

Jesús Méndez, nos pastos, cun dos seus rabaños de vacas.

Jesús Méndez, nos pastos, cun dos seus rabaños de vacas.

Conversión a ecolóxico
Sen embargo os cambios gordos veñen agora. O pasado mes de abril a gandería Adelina comezou o periodo de dous anos para conversión a ecolóxico e Jesús ten previsto reducir á metade o número de cabezas. “Das 120 que teño agora quedarei con 50 ou 60 nais e coa recría que precise”, avanza. “Non me pasei antes a ecolóxico porque por esta zona só recollía leite ecolóxico Lactalis e mosqueábame o monopolio, pero agora xa hai cando menos tres empresas que recollen”, xustifica.

El entrega a Nestlé, que puxo en marcha un programa de conversión para producir leite bio ao que Jesús se sumou. “O feito de que unha multinacional coma Nestlé aposte pola produción ecolóxica transmíteme confianza”, di.

Mover a sala de ordeño, non as vacas
A verdadeira revolución en ganadería Adelina chegará a partir da vindeira primavera, cando Jesús comece a usar unha sala de ordeño móbil que vén de traer de Bélxica. Mercouna usada, por internet, e custoulle 7.000 euros máis outros 3.000 que tivo que pagar por traela. O muxemóbil, como lle chama Jesús, é un remolque duns 9 metros de longo que contén un tanque con capacidade para 800 litros e un circuito de muxido portátil con 6 puntos en paralelo que funciona enganchado á toma de forza do tractor.

A explotación producirá leite ecolóxico, no que a industria que lle recolle, Nestlé, tamén está interesada

Unha vez lle faga unha serie de melloras e traballos de mantemento, Jesús ten pensado usar esta sala de ordeño portátil para aproveitar 10 hectáreas máis para pasto, as que están situadas a máis distancia. A idea é muxir en inverno na casa, na sala de ordeño coa que xa contaba a explotación, tendo nesta época as vacas nas fincas máis próximas á granxa para facer viable traelas todos os días á casa, o que lle vai permitir mesmo estabulalas nos días máis fríos do inverno ou cando o pasto escasee, e trasladalas na primavera e no verán ás fincas máis alonxadas usando o muxemóbil para os ordeños, sen necesidade de desprazar diariamente o gando para as muxiduras.

Este sistema de trashumancia xa o usan en zonas de Francia, Bélxica ou Suíza, onde empregan o muxemóbil para muxir en primavera e verán ás vacas nos pastos máis distantes e elevados, como poden ser montañas ou mesmo pistas de esquí. Jesús vai copiar o modelo, na busca dunha vaca ideal duns 4.000 litros de produción anual (16 litros ao día), que paira en febreiro e seque en decembro. Este método permite ademais dar máis prioridade á pradeira, non machacándoa moito no inverno para que se recupere e dea pasto axiña.

Poñerse do lado do consumidor
Para tomar as decisións que está tomando, Jesús afirma que procura poñerse do lado do consumidor e tenta pensar desde ese lugar. “Ao consumidor impórtalle menos que unha vaca sexa MB ou EX ou que dea 60 litros que o feito de que sexa resistente ás enfermidades, para non ter que usar moitos antibióticos, nin ter que poñerlle hormonas para conseguir que empreñe. Algo non estamos facendo ben cando despois de tantos anos de mellora xenética e de machacarnos co benestar animal, as vacas duran 2,5 partos de media. Eu penso que unha vaca que dura tan pouco, moito benestar non pode ter”, argumenta.

Tamén é crítico cos criterios de reparto das subvencións públicas á agricultura e afirma que “de pouco serve que as autoridades se pelexen por conseguir en Bruxelas máis fondos para Asturias ou para Galicia se despois eses cartos non quedan aquí, senón que se van a Castela se os gastamos en penso ou a Francia se os gastamos en maquinaria; ao final é diñeiro que non queda aquí”. Por iso, di, “o contribuínte debería esixir unha produción máis sostible e con menos agrotóxicos como contraprestación ás subvencións públicas que cobramos, ao tempo que apoiamos sistemas que non impliquen fuga de diñeiro que cobramos”.

“O risco do modelo intensivo é altísimo e eu esa presión levábaa mal”, admite

Manexo das forraxes
Este ano xa non botou millo. Fai ensilado de herba en rolos e merca palla porque nesta zona de costa hai moita humidade mesmo no verán, o que impide facer unha herba seca de calidade. Recoñece que el parte dunha situación moi cómoda para cambiar o modelo produtivo da súa granxa porque os seus pais deixáronlle unha explotación saneada e sen débedas. Outros, admite, non o teñen tan doado para cambiar polas importantes cargas financieiras que soportan hoxe a maioría das explotacións.

Ese foi tamén un dos motivos que o levou a non seguir co modelo intensivo que mantiña até o de agora. “O mercado cambia máis rápido do que é capaz de adaptarse unha granxa, estás preso por unha inversión moi grande e venche un vaivén do mercado e túmbate. O risco é altísimo e eu esa presión levábaa moi mal”, admite. “Non sei a onde vou, pero teño moi claro o que non quero, porque o vivín e non quero estar nun modelo productivo idéntico ao da macrogranxa de Soria”, resume. “O modelo productivo intensivo é o mesmo, xa sexa en Soria ou en Lugo e é moi difícil que o consumidor pague máis por un produto só porque leva unha etiqueta de orixe galega, hai que ofrecerlle algo máis, xa sexa unha alimentación natural en base a pastos ou unha produción diferenciada”, considera.

Jesús Méndez coa súa filla, na explotación.

Jesús Méndez coa súa filla, na explotación.

Busca de maior calidade de vida tanto para el como para as vacas

Jesús recoñece que recibiu críticas pero vese respaldado polos resultados do camiño xa andado. Destaca sobre todo un, a mellora da saúde do gando, o que ten incidencia económica na redución moi notable dos custos veterinarios. “O ano pasado só tivo que vir dúas veces por casos clínicos e este ano aínda non veu”, explica. Ao descender o número de baixas non precisa de tanta recría, polo que insemina con azul belga para obter maior prezo de venda polos xatos.

A mellora xeralizada da saúde das vacas está motivada, ao seu xuízo, pola recuperación do pastoreo. “Estou encantado, porque desde que as saco a pacer as vacas aguantan moi ben a condición corporal e iso provoca que o retorno en celo sexa moi rápido e os índices de reprodución moi bos”, indica. Jesús ten un touro, que anda no medio das vacas no verán, unha época na que a reprodución acostuma resentirse.

Carga gandeira
A curto prazo, o obxectivo é reducir a carga de animais por hectárea e aprender a manexar mellor os pastos (lograr un equilibrio entre gramíneas e trebo, conseguir que os pastizais non se enchan de malas herbas e controlar os tempos de pastoreo en cada parcela). Neste momento, ganadería Adelina dispón dunha superficie de 45 hectáreas, das que 18 son accesibles a pasto. A recria tena a uns dous quilómetros, repartida nunha finca grande de 19 hectáreas, onde ten as vacas secas e as xa inseminadas, e noutra de 7,5 hectáreas que acaba de conseguir para a recría máis pequena.

Outro dos obxectivos é acadar tamén el maior calidade de vida. “Teño un obxectivo claro con todo isto: obter un salario digno procedente dun volume de traballo limitado, así que se teño 5 minutos libres ao día non vou meter 5 vacas máis se non as necesito para ter un salario normal, prefiro adicar eses 5 minutos a estar cos meus fillos”, fala sinalando a Carmen, de 8 anos, e a Juan, de 6.

A gandería aténdea actualmente coa axuda dun empregado, Miguel Ángel Pérez López. Polo seu vínculo con Galicia, Jesús foi ás tractoradas de Lugo de fai un ano porque di que “un dos problemas máis grandes do campo é que non temos conciencia colectiva mentres que os demais, as empresas, si que a teñen”, conclúe.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información