O Ministerio recúa na proposta de delegar nos transportistas os controis sanitarios do leite

Presentará en 2019 un novo documento consensuado para “reducir ao mínimo as cargas administrativas, mantendo á súa vez o control sanitario que se instaurou desde o ano 2004”

O Ministerio recúa na proposta de delegar nos transportistas os controis sanitarios do leite

O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente dá marcha atrás ao borrador de Decreto presentado en abril polo anterior Goberno e polo que se delegaba nos transportistas realizar os controis sanitarios do leite ao recollelo nas explotacións.

Para diversas organizacións agrarias, como UPA, a proposta baleiraba de contido aos laboratorios interprofesionais de análise de calidade do leite, como o LIGAL, e penalizaba ás pequenas explotacións.

Porén, o novo equipo que dirixe o Ministerio de Agricultura decidiu aparcar este decreto polo momento e tentar lograr un maior consenso no sector para presentar en 2019 un novo documento que permita simplificar as cargas administrativas nos controis sanitarios do leite.

Así o confirma en resposta a Campo Galego Valentín Almansa, Director Xeral de Sanidade da Produción Agraria do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

¿Por que decidiu o Ministerio modificar o sistema de control de calidade sanitaria do leite cru?
É certo que no primeiro borrador da proposta de modificación de normativa expúxose a eliminación dos parámetros comerciais (graxa, proteína..) e deixar só a análise dos parámetros ligados á calidade sanitaria (reconto de células somáticas, colonia de xermes e residuos de antibióticos).

Sen embargo, tras unha primeira revisión deste borrador con todos os implicados decidimos manter a obrigatoriedade do seu cálculo, aínda que con obxecto de evitar duplicidades con outras bases de datos, mantense a non obrigatoriedade de comunicar estes datos na base de datos Letra Q.

Para que este cambio normativo estivese publicado o máis axiña posible aproveitouse a tramitación doutro Real Decreto que afecta directamente ao sector para incluír esta modificación, o Real Decreto sobre contratación no sector lácteo.

Cales serían os obxectivos?
Cremos que, despois da experiencia adquirida neste eido desde que se puxo en marcha o modelo de control, cómpre levar a cabo unha revisión en profundidade, adaptándonos a novas necesidades e eliminando as duplicidades e cargas administrativas innecesarias para facelo máis eficaz.

Con este obxectivo expúxose un primeiro borrador para abrir o debate e  recibir información de todos os implicados neste sistema de control sobre as súas fortalezas e debilidades. Trátase dunha proposta completamente aberta a modificacións cuxo principal obxectivo é a refundición normativa, que actualmente está espallada en varios actos lexislativos, para unha maior claridade, e a redución ao mínimo das cargas administrativas, mantendo á súa vez o control sanitario que se instaurou desde o ano 2004.

 “Na primeira metade de 2019 presentaremos outro documento para reducir ao mínimo as cargas administrativas”

Actualmente estamos a tentar refundir todas as observacións recibidas e esperamos ter un novo documento no que seguir traballando durante a primeira metade do ano 2019.

Segundo o borrador do Ministerio, ¿Que cambios suporía para os actuais laboratorios interprofesionais de análises da calidade do leite?
Tendo en conta que se decidiu manter a análise os parámetros de calidade, ligados aos parámetros sanitarios, non debería ter un impacto significativo sobre os laboratorios, agás a redución da carga de traballo na gravación dalgúns parámetros no sistema.

Representantes dos produtores advirten de que a nova norma deixaría fóra da recollida do leite ás pequenas e medianas explotacións, que non teñen capacidade para realizar analíticas do leite in situ. ¿Que responde o Ministerio respecto diso?
Valoramos as achegas recibidas neste aspecto, precisamente para evitar este impacto nas explotacións decidimos retirar a proposta da análise in situ mantendo a que leva a cabo tras a descarga da cisterna na industria láctea.

¿Prevense axudas para que o sector, e sobre todo as gandarías, se adapten á nova norma?
En principio non está previsto un incremento de cargas significativo derivado da nova norma para o sector, polo que non debería ter impacto económico sobre este.

Cando debería estar aprobada a nova normativa?
Como xa sinalei ,estamos a realizar unha revisión en profundidade da proposta en contacto cos sectores implicados que durará o tempo que sexa necesario para acadar o mellor acordo posible para todos os implicados.

O sistema actual de control de leite cumpriu os seus obxectivos nestes anos grazas á implicación tanto do sector como das administracións involucradas, por iso necesitamos que haxa un debate participativo nos próximos meses, que nos permita identificar as carencias e establecer as modificacións necesarias para facer o sistema máis eficiente, mellorando desta forma o fluxo de información en toda a cadea de control.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información