O Ministerio non plantea axudas directas ás explotacións lácteas en dificultades

Os sindicatos agrarios galegos valoran a “implicación” do Ministerio de Agricultura pero critican que siga sen concretar medidas de urxencia para as explotacións en peor situación. O Ministerio escúsase en que Bruxelas ten que autorizar a intervención pública de produtos lácteos.

O Ministerio non plantea axudas directas ás explotacións lácteas en dificultades

Manifestación do 17 de xullo

Entre a decepción por non ver medidas concretas e de urxencia por parte do Ministerio para aliviar a situación das miles de explotacións lácteas galegas que están a cobrar o leite por debaixo dos 22 céntimos e a necesaria dose de realismo que ten escoitar tamén á industria láctea.

Así se pode resumir a valoración dos representantes das organizacións agrarias galegas que esta mañá participaron en Madrid na segunda reunión organizada polo Ministerio de Agricultura para debater as medidas a tomar ante a crise de prezos do sector lácteo, unha crise que afecta fundamentalmente a Galicia.

Por parte do MAGRAMA, asistiron á reunión o secretario xeral de Agricultura e Alimentación, Carlos Cabana, ou os directores do FEGA e da AICA. Por parte do sector, participaron os representantes das organizacións sindicais agrarias, da FENIL, por parte da industria e das cooperativas, entre outros.

“É decepcionante que o Ministerio non propoña axudas directas ás explotacións”

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba, presente na reunión, cualifícaa de “decepcionante, porque segue sen haber un plan de choque inmediato para recuperar os prezos do leite, rematar cos contratos lixo e axudar ás explotacións que están a cobrar a 18 céntimos o litro”.

“É moi importante que se establezan axudas para as granxas cos prezos máis baixos, e o Ministerio segue sen propoñelas”, denuncia.

En canto aos créditos avalados polo Goberno de ata 25.000 euros e cun ano de carencia para as explotacións en dificultades, Isabel Vilalba considera que “son un parche para unhas explotacións que están ao borde da creba”.

“Os créditos ás explotacións son un parche”

Igualmente, considera “unha burla ao sector produtor que o Ministerio propoña destinar 1 millón de euros para crear OPLs suprautonómicas, cando as que xa existen non son recoñecidas pola industria”.

A responsable do SLG tamén é crítica coas medidas de divulgación dos contratos lácteos “porque o problema é que tal como están, as condicións dos mesmos fíxaas a industria, non hai índices de referencia nin tampouco intermediación da Administración”.

ASAJA-Galicia demándalle á Xunta que adiante as axudas da PAC

Pola súa parte, Francisco Bello, secretario xeral de ASAJA Galicia, valora que “dende o Goberno están preocupados pola situación do sector lácteo e están buscando solucións”.

Non obstante, recoñece que “aínda que as medidas que propón son positivas, tanto a curto como medio e longo prazo, hai algunhas que son discutibles”. En concreto, coincide en sinalar que “non lle recomendaría a ningún gandeiro que de endebede con máis créditos, aínda que habería que valorar cada caso”.

Francisco Bello considera que “a solución real a esta crise vai ser a medio prazo” e sinala que “os gandeiros temos quefacer un esforzo para conter a produción”. Fai referencia aos datos aportados pola industria na reunión, segundo a produción de leite en España aumentou de xeito interanual dende o mes de xuño de 2013 un 11% (un 7% de xuño de 2013 a xuño de 2014 e un 4% dende entón ata xuño de 2015).

En canto ás medidas inmediatas, o representante de ASAJA-Galicia propón que “a Xunta podería adiantar aos gandeiros todas as axudas (da PAC, agroambientais..etc) que poda para que as explotacións lácteas teñan liquidez e non teñan que endebedarse máis”.

O Ministerio segue adiando a compra pública de produtos lácteos

Pola súa parte, o representante de Unións Agrarias na reunión, Román Santalla, agradeceu que “o Ministerio intente moverse”, pero insiste en que “o que precisamos agora é un plan de choque porque hai explotacións con prezos de ruína”.

Neste sentido, critica que “Xunta e Ministerio se estean escudando na autorización de Bruxelas, que non é necesaria, para facer compras públicas de produtos lácteos” que permitan elevar os prezos en orixe. Igualmente, Santalla demanda que “tamén a curto prazo se controle a entrada de queixo de Alemaña, que está utilizando o mercado español como sumidoiro para colocar o seu queixo mesmo a 2,2 euros o kilo”.

Santalla: “É necesaria unha moratoria nos créditos das explotacións”

Outras, medidas que plantexou o representante de Unións Agrarias foi a moratoria dun ano nos créditos das explotacións lácteas e o seu refinanciamento; a exoneración das cotas á Seguridade Social ou “unha axuda de urxencia para a alimentación do gando vacún durante o verán ante a forte seca que está a botar a perder a colleita de millo”.

Próxima reunión o día 29, con presenza tamén da distribución

A próxima reunión celebrarase en Madrid o vindeiro 29 de xullo, con presenza, por primeira vez, de representantes da distribución.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información