O Ministerio convoca as subvencións para avais a explotacións lácteas

O Ministerio de Agricultura convoca subvencións para facilitar o acceso ao financiamento de explotacións de vacún de leite. Os sindicatos agrarios cuestionan esta medida

O Ministerio convoca as subvencións para avais a explotacións lácteas

A ministra de agricultura, Isabel Garcia Tejerina, á esquerda

O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio publicou hoxe no Boletín Oficial do Estado as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións destinadas á obtención de avais da Sociedade Anónima Estatal de Caución Agraria (SAECA) por titulares de explotacións gandeiras que garantan préstamos para financiar as súas explotacións.

Segundo o MAGRAMA, “o obxectivo é contribuír a mellorar o acceso ao crédito das explotacións de vacún de leite, ante as súas necesidades de financiamento a curto prazo para adaptarse a un mercado non regulado polo réxime de cota láctea”. Esta convocatoria tamén contribúe a paliar os efectos da menor dispoñibilidade de pastos na gandaría extensiva nas zonas de maior incidencia da seca desta primavera.

Subvencionar os avais para préstamos de ata 25.000 euros

Para iso, concederanse subvencións destinadas a financiar o custo dos avais concedidos por SAECA a novos préstamos de ata 25.000 € por beneficiario. Este límite poderá superarse nos créditos concedidos no marco da Liña ICO-garantía SGR/SAECA. Neste caso teranse en conta os límites propios da citada liña nas operacións avaladas por SAECA. O volume máximo de capital avalado previsto na liña é de 35 millóns de euros.

Poden beneficiarse da axuda as explotacións de vacún de leite de toda España, e as de gandaría extensiva nas seguintes provincias: Álava, Alicante, Almería, Ávila, Badaxoz, Baleares, Barcelona, Burgos, Cáceres, Xirona, Granada, Huesca, La Rioja, Lleida, Murcia, Navarra, Palencia, Salamanca, Segovia, Toledo, Valladolid, Zamorae Zaragoza.

O prazo de solicitude das axudas finaliza o 30 de setembro de 2015.

Dende as organizacións agrarias galegas cuestionan esta medida para solucionar a curto prazo a situación das explotacións lácteas con maiores dificultades, xa que contribuirá a aumentar máis o seu xa elevado grao de endebedamento.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información