O Ministerio condiciona a axuda europea ao lácteo a non aumentar a produción en 2017

O Magrama cambia de criterio e propón que o reparto dos 14,6 millóns de axudas europeas estea condicionado a que tamén as explotacións de menos de 75 vacas se comprometan a non aumentar produción en 2017. O importe máximo será de 60 euros por vaca

O Ministerio condiciona a axuda europea ao lácteo a non aumentar a produción en 2017

O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio (Magrama) propón que o reparto das axudas europeas de 14,6 millóns de euros para os produtores lácteos estea condicionado a que as explotacións beneficiarias, independentemente do seu tamaño, se comprometan a non aumentar produción en 2017 respecto da acordada en 2016.

Así consta no borrador de Real Decreto que está a negociar o Magrama cos representantes do sector lácteo e das Comunidades Autónomas e ao que tivo acceso Campo Galego.

O departamento que dirixe Isabel García Tejerina cambia así o seu criterio inicial de primar con estas axudas ás explotacións pequenas e medianas de Galicia e da Cornixa Cantábrica ás que nun principio non se lles esixía renunciar a aumentar a produción para poder acceder á axuda. Esta proposta de repartición espertou as críticas de comunidades como Cataluña, con ganderías máis dimensionadas.

En concreto, a proposta que presentou o pasado xoves o Ministerio na reunión cos representantes do sector contempla que os 14,6 millóns de euros que a Comisión Europea asignou a España para apoiar aos produtores lácteos se repartan da seguinte forma: 2,93 millóns para apoiar a execución de proxectos de cooperación de organizacións de produtores (OP) e 11,7 millóns para apoiar aos gandeiros, unha medida “destinada a non incrementar a produción”, subliña o texto.

Un máximo de 60 euros por animal para as primeiras 75 vacas

Desta forma, por unha banda o borrador propón que para acceder ás axudas as explotacións “non incrementasen o número de animais aceptados para o pago a efectos das axudas asociadas (….), entre os correspondentes á solicitude de 2015 e os da solicitude de 2016”. É dicir, que non aumentasen vacas de leite neste ano con respecto ao ano pasado, un requisito do que se exceptúan ás ganderías con menos de 75 vacas e ás localizadas en zonas de montaña ou insular.

Sen embargo, o outro requisito que o Ministerio propón a maiores é que “non incrementen durante 2017, o número de animais subvencionables para as axudas asociadas (..) respecto dos que tiñan en 2016”, o que implica un compromiso indirecto de non aumentar a produción para o próximo ano.

En canto ao importe das axudas, a proposta do Ministerio de Agricultura é establecer un importe unitario a percibir por cada animal elixible ata un máximo de 75 animais por cada beneficiario. “En ningún caso o importe unitario deste pago poderá superar os [60] euros por animal”, precisa o borrador, aínda que fontes do sector consideran que a cantidade finalmente rolde os 30 euros por animal.

Unións Agrarias-UPA rexeita que se lles esixa ás pequenas explotacións non aumentar produción para acceder á axuda

O responsable de Gandería de Unións Agrarias-UPA, Román Santalla manifesta a súa oposición a esta proposta de reparto das axudas. “Non aceptamos que as ganderías que soliciten a axuda non poidan aumentar a produción en 2017. Non imos aceptar unha esmola a cambio non estar no mercado”, advirte.

Santalla lembra que “España é un país deficitario en produción láctea, producimos o 70% do leite que consumimos, polo que quen ten que reducir son os países excedentarios como Alemaña ou Francia”.

Ademais, o representante de Unións Agrarias-UPA critica que o Ministerio manteña o desacoplamento das axudas asociadas á produción de vacún de leite, que se poderán desvincular da obriga de manter as vacas de leite en 2017, todo co obxectivo de reducir a produción. “Sería caer nunha trampa aceptar o desacoplamento: Galicia necesita desenvolver o seu rural apoiando o sector lácteo, non dando axudas por sacrificar vacas”, advirte Santalla.

 Unións: “A Xunta de Galicia tense que situar en defensa dos gandeiros galegos”

Por outra banda, o responsable de gandería de Unións-Upa reclama ao Ministerio que como criterio para a repartición dos 14,6 millóns de axudas europeas “se teñan en conta o número de titulares ou socios que hai en cada explotación, de forma que o límite de 75 vacas sexa por cada un deles”.

Por último, Román Santalla bota en falta que “a Consellería do Medio Rural teña unha postura máis activa e presente as súas propostas para defender os intereses dos gandeiros galegos”.

Unións Agrarias-UPA realizará nos próximos días asembleas informativas cos seus socios para solicitar as súas valoracións da proposta de repartición de axudas presentada polo Ministerio.

Descarga aquí a proposta de repartición de axudas europeas ao sector lácteo presentada polo Ministerio de Agricultura.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información