O Ministerio comprométese a darlle seguridade ás cooperativas primeiro compradoras de leite

O Ministerio comprométese a darlle garantías de estabilidade e seguridade ás relacións contractuais entre as cooperativas primeiro compradoras de leite e as industrias. Ata hai uns meses recollían o 25% do leite producido en Galicia.

O Ministerio comprométese a darlle seguridade ás cooperativas primeiro compradoras de leite

Higinio Mougán

O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente comprometeuse hoxe a darlle seguridade e estabilidade legal ás cooperativas primeiro compradoras de leite nas súas relacións contractuais coa industria. Estas cooperativas, unha vintena, entre as que se atopan ICOS, Melisanto ou Agris, vendíanlle ás industrias ata hai uns meses ata o 25% do leite producido en Galicia.

En declaracións a Campo Galego, o director xerente de AGACA, Higinio Mougán, asegurou que “estas cooperativas primeiro compradoras xa quedaran nunha situación de desamparo ao estar fóra do paquete lácteo, e agora na negociación do acordo lácteo temíamos que tamén volveran quedar sen amparo legal nas súas relacións coa industria, o que comprometería a súa existencia”.

Mougán e o propio presidente de AGACA desprazáronse onte a Madrid para trasladarlle estas inquedanzas ao director xeral da Industria Alimentaria do Ministerio de Agricultura, Fernando Burgaz. “Expuxémoslle que se nos puña difícil asinar o acordo lácteo senón había unha protección das cooperativas primeiro compradoras de leite, pois do contrario quedarían fóra da cadea de valor”, asegura o director de AGACA.

A mesma protección fronte á industria que as organizacións de productores ou que os gandeiros individuais

Na situación actual, advirte de que “gandeiros e cooperativas somos a parte máis feble, porque a industria pode incumprir un contrato de subministro de leite cunha cooperativa sen que haxa sanción”.

Neste sentido, Higinio Mougán asegura que “esta mañá o director xeral de Producións e Mercados Agrarios do Ministerio, Fernando Miranda, chamounos para comprometer que farían cambios no Real Decreto para darlle máis seguridade ás cooperativas primeiro compradoras na relación coa industria”.

Deste xeito, e á espera da redacción definitiva da lei, “as cooperativas deberían ter a mesma protección que as organizacións de produtores ou os gandeiros individuais nas súas relacións coa parte industrial”, conclúe Mougán.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información