O mercado exterior de lácteos continúa sen absorber os aumentos de produción da UE

Os stocks de leite en po seguen en crecemento, en tanto a Comisión Europea mantén un perfil baixo na regulación do sector. Os mercados de exportación de queixo e manteiga medran

O mercado exterior de lácteos continúa sen absorber os aumentos de produción da UE

A exportación de queixos aumentou un 18% en España nos primeiros dous meses do ano.

Europa segue a aumentar mes a mes as súas entregas de leite sen que exista unha demanda que cubra eses aumentos de produción. O consumo interno na UE tende na maioría dos países á estabilidade ou a lixeiros retrocesos, en tanto os mercados exteriores continúan sen despegar. A exportación de leite en po caiu un 1% no primeiro trimestre, se ben as vendas a terceiros países de manteiga (+46%) e de queixos (+14%) permiten un leve desafogo.

A consecuencia do desequilibrio entre oferta e demanda é un aumento dos stocks nos produtos lácteos industriais, que continúan a medrar. A intervención pública da UE asumiu xa máis de 180.000 toneladas de leite en po nos primeiros 5 meses do ano.

O desequilibrio entre oferta e demanda leva ó aumento de stocks de produtos lácteos industriais

En poucas semanas chegarase ó tope de 218.000 toneladas que a Comisión merca en intervención a prezo fixo. Haberá que ver entón se se aumenta de novo ese límite, como xa se fixera en marzo, ou se entra en acción o sistema de compras de intervención por subastas á baixa.

Os altos stocks déixanse notar tamén nos niveis de almacenamento privado. As axudas públicas para o almacenamento privado de leite en po cubren outras 35.000 toneladas, no nivel máis alto dos últimos meses, así como unhas 60.000 toneladas de manteiga e 30.000 de queixos.

Mercados exteriores
O mercado internacional de leite en po continúa en niveis baixos. China aumentou as súas importacións en arredor do 25% no primeiro trimestre, segundo os datos feitos públicos esta semana polo Observatorio do Mercado Lácteo da UE. Mexico tamén aumentou as compras, pero outros grandes importadores, en cambio, reduciron volumes. Foi o caso de Malasia, Indonesia ou Tailandia.

China aumentou as importacións de leite en po arredor dun 25%, pero outros grandes mercados permanecen á baixa

Mellores perspectivas presentou no primeiro trimestre a comercialización de manteiga e de queixos. Estados Unidos, Japón, Tailandia, Canadá, China e Rusia aumentaron as súas compras, se ben o embargo ruso, que era un dos principais mercados de queixos da UE, segue a lastrar as exportacións europeas.

Así as cousas, os prezos dos produtos lácteos industrias nos mercados internacionais permanecen estancados. O índice da subasta do Global Dairy Trade (GDT), a principal referencia internacional, leva desde novembro pasado sen grandes variacións e acumula xa máis de ano e medio en niveis de crise, unha situación que non ten comparación nos últimos dez anos.

Evolución de prezos do GDT os últimos dez anos.

Evolución de prezos do GDT os últimos dez anos.

A última previsión de Rabobank, feita pública a inicios de abril, apunta a que os prezos en orixe do leite non se recuperarán ata inicios do 2017.

Balanza española no mercado intracomunitario
A tendencia dos últimos anos en España é a un aumento das importacións de produtos lácteos elaborados e industriais (queixos, leite en po). No comercio intracomunitario, España aparece como o cuarto importador de leite en po desnatado, con máis de 54.000 toneladas no 2015, o que representa máis de medio millón de toneladas en leite equivalente.

Os primeiros dous meses do ano revelan unha baixada das importacións españolas do resto da UE

As cifras que se coñecen do 2016, os meses de xaneiro e febreiro, apuntan a unha reducción tanto nas importacións intracomunitarias de queixos (-3%) como de leite en po desnatado (-26%) en relación ó mesmo periodo do 2015.

As exportacións de queixos ó resto da UE, en cambio, medraron un 18%, aínda que por cada quilo de queixo que se exporta continúan a importarse 4, como é lóxico nun país como España, que consume máis leite do que produce.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información