O mercado de lácteos industriais estabilízase tras a recuperación de finais do 2016

A manteiga mantense en niveis récord de prezos, en tanto o leite en po experimentou lixeiras baixadas este ano. China, o primeiro importador mundial, inicia o ano con leves descensos nas compras

O mercado de lácteos industriais estabilízase tras a recuperación de finais do 2016

O primeiro trimestre do 2017 mantén estabilidade nos lácteos industriais.

A recuperación de prezos que protagonizaron todos os produtos lácteos industriais no último semestre do 2016 freouse no primeiro trimestre deste ano. A nota dominante desde inicios de ano é a estabilidade. A manteiga mantense en niveis de prezos récord, por riba dos 400 euros tonelada, en tanto o leite en po experimentou lixeiras baixadas no que vai de 2017, un -2,8 por cento no caso do leite en po desnatado e un -0,5% no enteiro.

En queixos, o cheddar, principal referencia do mercado industrial, sitúase en prezos de finais do 2016. Esa tendencia á estabilidade manifestouse tamén este primeiro trimestre nas subastas de Fonterra, con sesións á alza e con outras á baixa, sen impoñerse unha liña clara.

O mercado exportador da UE iniciou o ano con boas perspectivas en queixos e leite en po enteiro, en tanto rexistráronse descensos de vendas en leite en po desnatado e manteiga. En xaneiro, en queixos, o crecemento da exportación foi do 13% e no leite en po enteiro do 6%. Baixou o leite en po desnatado un 8% e a manteiga un 16%, se ben este último produto cunha alta demanda interna e situado en niveis de prezo récord.

Situación do mercado mundial
China, o principal mercado importador a nivel mundial, comezou o 2017 cun leve descenso nas importacións, sobre todo en manteiga (-25% en xaneiro), leite en po enteiro (-10%) e soro (-22%). Haberá que agardar ós datos de próximos meses para comprobar cal é a tendencia do ano. O país asiático rexistrara o seu pico de compras de lácteos no 2014, cunha forte caída no 2015 e unha recuperación no 2016.

En canto á competencia da UE noutros grandes mercados exportadores, Australia e Nova Zelanda reduciron a súa produción no último semestre do 2016 en relación ó mesmo periodo do ano anterior, un -8% no caso australiano e un -2,6% no caso neozelandés. O contrario sucedeu con Estados Unidos, que mantén a tendencia crecente de entregas, cun + 2,5% no último semestre do ano en relación ó mesmo periodo do 2015.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información