O menor prezo do leite en Galicia cústalle a cada granxa 700 euros ó mes

O diferencial de cotizacións da comunidade co resto de España sitúase no que vai de ano nunha media de 2,9 céntimos litro. Os impagos de primeiros compradores e os pagos a prezos de leite en po, preocupacións do sector

O menor prezo do leite en Galicia cústalle a cada granxa 700 euros ó mes

O sector atravesa este outono por unha recuperación estacional dos prezos medios.

A recuperación estacional que están a vivir este outono os prezos do leite, cunha media en Galicia de 29,3 céntimos, a máis alta desde marzo do 2015, non agocha o problema estrutural que hai detrás. No que vai de ano, unha granxa galega media, de 300.000 litros de produción anual, perdeu 700 euros ó mes en relación ó que cobraría polo leite se estivese en calquera outro punto de España.

As contas son claras. A media ponderada do prezo no resto de España oscilou este 2016 entre 2,1 e 3,4 céntimos litro por riba das cotizacións galegas, cunha media xaneiro – outubro de 2,9 céntimos, segundo os datos da Asociación Terra e Leite. Facendo as contas sobre a produción dunha explotación media en Galicia, dá que cada mes unha granxa galega perde máis de 700 euros e ó final do ano superará os 8.500 de perda.

O sector industrial adoita esgrimir dous factores para explicar o diferencial de prezos, a distancia de Galicia ós grandes centros de consumo, o que encarece o transporte, e as menores primas por volume que cobran as explotacións galegas, ó ter un tamaño medio inferior ás do resto de España.

Tales argumentos encaixan tamén como anel ó dedo no caso asturiano, se ben a comunidade veciña cobra sempre o leite varios céntimos por riba de Galicia, actualmente a 32,3 de media (+3 en relación a Galicia). O éxito de Clas en Asturias adoita entón usarse como argumento para explicar o diferencial.

Debate parlamentario
A situación que atravesa o sector lácteo protagonizou onte boa parte da primeira comisión de Agricultura do novo Parlamento galego. Os grupos da oposición (En Marea, PSdeG e BNG) pediron medidas da Administración para facerlle fronte ós baixos prezos.

Demandouse maior interlocución coas industrias e coa distribución, así como o control de dous problemas concretos: o dos impagos que manteñen cos gandeiros algúns primeiros compradores intermediarios e o das granxas que estiveron cobrando os últimos meses o leite a prezo de po.

Arredor de 600 granxas galegas cobraron o leite en setembro a prezos de po, por baixo dos 20 céntimos litro

A Xunta, pola súa banda, limitou o problema dos pagos a prezos de po, a menos de 20 céntimos o litro, a un 6,9% das granxas no último mes con datos (setembro), o que representa uns 600 produtores. Medio Rural tamén destacou que as entregas destas explotacións representan menos do 1% do total galego.

A directora xeral de Gandería, Belén do Campo, incidiu nas boas perspectivas que hai polos investimentos previstos de industrias foráneas, caso de Goodleit (Curtis) ou de Entrepinares (Vilalba), e asegurou que Medio Rural tiña un diálogo fluído tanto con industrias como con cadeas de distribución. O grupo popular destacou tamén o éxito que o seu xuízo representa o proceso integrador iniciado polas cooperativas galegas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información