“O máis barato e efectivo contra a mamite é facer un bo manexo”

A mamite ou mastite é a enfermidade máis común nas vacas de leite e a que máis perdas lle provoca ao gandeiro. Entrevista a Xabier Bermúdez, veterinario especializado en sanidade da ubre da vaca

“O máis barato e efectivo contra a mamite é facer un bo manexo”

Xabier Bermúdez

A mamite é unha inflamación da glándula mamaria que provoca importantes perdas económicas nas explotacións de vacún de leite. A súa incidencia foi aumentando a medida que se incrementaba a produción de leite por vaca.

Xabier Bermúdez, veterinario de Farmvet, está especializado na saúde da ubre da vaca. Neste momento, está a traballar cun sistema de diagnóstico precoz da mamite e do tipo de bacteria específica que a provoca, para facer así un tratamento máis específico.

Cales son as principais patoloxías de ubre en gando vacún neste momento?
A principal patoloxía da ubre en todo o mundo é a mamite, que é un conxunto de patoloxías que están relacionadas coa infección da glándula mamaria e que en máis do 90% están causadas por bacterias, e en menor medida por lévedos ou algas.

Podemos dicir que a día de hoxe é a doenza que máis perdas económicas supón para unha gandería de vacún de leite. Estímase que unha soa mamite clínica nunha vaca pode supor unha perda de máis 200 euros por vaca e ano. Nunha mamite subclínica, na que non hai unha alteración morfolóxica a simple vista, tamén ocasiona importantes perdas de produción.

Cales son os fallos máis comúns que se producen na detección da mamite?
O principal fallo que hai na detección é non ver que animais presentan esta patoloxía, e isto corríxese cunha boa rutina no muxido. Normalmente unha mastite provoca inflamación, alteración do leite coa aparición de grumos e cando está nunha fase máis aguda ou sobreaguda a vaca xa deixa de comer. Neste estado é cando máis facilmente de detectan.

En canto á mamite subclínica é máis difícil de detectar porque non hai síntomas evidentes e son as que máis perdas provocan. Sempre se di que as mamites clínicas son a punta do iceberg e as subclínicas toda a parte que está debaixo.

Cal sole ser a afectación media da mastite?
Depende moito de cada explotación. Os obxectivos cos que traballamos están estandarizados a nivel de Europa e de Estados Unidos e establecen que unha prevalencia por debaixo do 20% do rabaño é aceptable. É dicir, que nunha explotación de vacún de leite en intensivo unha de cada cinco vacas tivese máis de 200.000 células somáticas sería aceptable. Con máis casos xa saltarían as alarmas.

Cales son os tratamentos máis efectivos? Dentro deles, son recomendables as vacinas?
A eficiencia dos tratamentos é algo que hai que valorar segundo a granxa. A mastite está provocada por bacterias e hai centos de tipos de bacterias que a poden causar, polo que non hai un tratamento estandarizado.

“As vacinas contra a mamite aínda non teñen unha efectividade garantida”

As vías de tratamento son fundamentalmente dúas: o tratamento curativo en base a antibióticos, fundamentalmente intramamarios, aínda que tamén se poden utilizar por vía parenteral. Tamén outro tratamento antibiótico, aínda que é máis profiláctico, que é o secado, no que se aproveita para corrixir mamites subclínicas ou crónicas que chegan a final da lactación.

E logo teríamos unha medida preventiva que son as vacinas. Considero que é un campo que aínda está por desenvolver e as vacinas que hai no mercado son específicas dunhas determinadas bacterias, polo que dependendo do tipo de mamite e da bacteria que a provocou, as vacinas poden ser máis ou menos efectivas a medio ou longo prazo.

Que aspectos do manexo nunha explotación de vacún de leite se poderían mellorar para reducir os casos de mamite?
Existen dous tipos de mamite: de tipo contaxioso, onde as vacas se van contaxiar fundamentalmente durante o muxido; ou ben de tipo ambiental.

As estratexias para ambos casos son moi diferentes, pero algo común a todas elas é o manexo. É dicir, facer un bo manexo é moito máis efectivo e barato que facer un bo tratamento contra a mamite.

Todo o manexo debe enfocarse cara os tres factores que interveñen na mamite: o ambiente, o animal e o patóxeno. A nivel de ambiente, debemos coidar a hixiene das camas, dos pasillos, da máquina de muxido (boa rutina de muxido, facer estimulación das ubres, retirar as muxidoras xusto no momento no que a vaca deixe de dar un fluxo constante de leite, evitar danos nos tetos…etc). Tamén hai que coidar a alimentación, de forma que as vacas só consuman alimentos, e sobre todo silo, en bo estado, libre de fungos e de toxinas.

“Facer un bo manexo é moito máis efectivo e barato que facer un bo tratamento”

A nivel do animal, debemos procurar non estresar as vacas, sobre todo cando van entrar na sala de muxido, evitando golpes e berros. En definitiva, coidar que a vaca teña unhas condicións inmunitarias excelentes, o que a fará máis resistente á mastite.

E a nivel de patóxeno é moi importante a detección do tipo de bacteria que a provoca para poder combatela mellor.

Que tipo de cama se pode recomendar para previr as mastites?
En Galicia temos que traballar fundamentalmente con cubículos, debido á elevada humidade. A única excepción podería ser a provincia de Ourense.

Para a cama dos cubículos intento traballar sempre con area pois paréceme a cama ideal para a saúde da ubre, sabendo que a area presenta problemas a outros niveles como fosas de xurro ou desgastes de sistemas de limpeza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información