“O leite ten que recuperar a idea de alimento esencial”

O director da Federación Nacional de Industrias Lácteas, Luis Calabozo, defende o traballo do conxunto do sector na promoción dos lácteos. Sitúa como principal problema de mercado os aranceis de Estados Unidos ós queixos. Advirte tamén das importacións españolas de queixos europeos

“O leite ten que recuperar a idea de alimento esencial”

Luis Calabozo, presidente da Federación de Industrias Lácteas e secretario da Inlac.

“O maior desafío do sector lácteo é xerar riqueza”. Ese é o obxectivo que o director da Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil), Luis Calabozo, marca para o conxunto da cadea láctea, gandeiros, cooperativas e industrias. “Temos que recuperar o consumo de lácteos en España, que leva varias décadas en retroceso, e lograr un maior valor engadido na comercialización de leite, queixos e iogures”, defende Calabozo, que vén de participar en Santiago nunha xornada organizada pola Interprofesional Láctea, a entidade que aglutina ó conxunto do sector.

A cadea láctea española está volcada nos últimos anos en campañas de promoción dos lácteos a través da Interprofesional. O obxectivo é frear a perda de consumo que se vén experimentando na última década, pois do 2010 ó 2018 perdeuse un 6% de consumo, 10% se se fala de leite líquido.

“O 99% dos fogares españois merca leite ou lácteos. O descenso de consumo é un problema de frecuencia e de cantidades”

O 2018 foi o primeiro ano da década en que repuntou o consumo de lácteos (+ 0,6%), pero no 2019 a tendencia é de novo negativa (- 0,2% nos primeiros cinco meses do ano).

“Cando hai uns anos nos preguntamos que estaba pasando cos consumidores, fixemos estudos de marketing e chegamos á conclusión de que o 99% dos fogares españois merca leite e produtos lácteos ó longo do ano. Non é por tanto un problema de penetración, é un problema de frecuencia e cantidades de compra”, analiza Calabozo.

“A segunda cuestión que nos interesaba analizar é onde se produce esa perda de frecuencia. Descubrimos que os maiores responsables da caída de consumo son os fogares con fillos entre 7 e 17 anos e as persoas mozas que se independizan”, expón o presidente da Fenil.

“Demostrouse que os consumidores a miúdo reducen o consumo de lácteos dun xeito inconsciente. Temos que lembrarlles os beneficios do leite e ofrecer pautas de consumo”

Por que se produce esa baixada de consumo? É unha cuestión máis difícil de determinar, xa que demostrouse que os consumidores con frecuencia reducen a compra de lácteos dun xeito inconsciente. “Entrevistamos a un panel de consumidores entre os que se comprobara, con tiques de compra de dous anos, que reduciran as súas compras de lácteos, e un 75% pensaba que no último ano consumira os mesmos lácteos ou máis que o ano anterior”.

A cuestión de fondo para Calabozo é que os produtos lácteos perderon a “idea de esencialidade”. “Hai 30 anos, o leite era un alimento esencial na dieta diaria. Hoxe perdeuse en parte esa fortaleza, que si lograron outros produtos, como as froitas e as hortalizas”, analiza Calabozo.

“Hai campañas que difunden falsos mitos, pero tranquilízanos comprobar que é un discurso que non cala na sociedade”

“A parte positiva é que vemos que o consumidor segue considerando o leite de xeito positivo polos seus aportes de calcio, proteínas e vitaminas. É certo que hai campañas que se adican a propagar falsos mitos sobre o leite, pero tranquilizounos comprobar que é un discurso que non está calando no consumidor. Por tanto, o noso esforzo ten que centrarse en lembrarlle ó consumidor os beneficios do leite e darlle unhas pautas de consumo avaladas de xeito científico”, valora o presidente da Fenil, que tamén actúa como secretario da Interprofesional Láctea.

“Pensabamos que tiñamos un produto que se defendía só, pero atopámonos con que se non comunicamos, perdemos sitio no mercado. Estamos facendo ese traballo de comunicar e temos campo para medrar en consumo de queixos, non caer en iogures e recuperar en leite”, conclúe Calabozo.

Perspectivas de mercado
Á hora de analizar a situación e perspectivas de mercado, o presidente da Fenil incide en que o contexto europeo apunta á estabilidade, con producións que medran de xeito ralentizado. “En España dependemos sobre todo do consumidor español e tamén das exportacións. En ambos escenarios temos que fixarnos principalmente no mercado de queixos. Os consumidores españoles están consumindo 2,5 millóns de toneladas de leite equivalente en queixos importados, sobre todo en ‘queixos commodity’, o que representa un tapón para o crecemento dos nosos queixos e, en último termo, para o prezo do leite no campo”.

“A importación de ‘queixos commodity’ é un tapón para o crecemento dos nosos queixos e, en último termo, para o prezo do leite no campo”

En canto ás exportacións españolas e europeas de queixos, Calabozo amosa a súa preocupación polos aranceis do 25% implantados por Estados Unidos á importación de queixos, o que afecta tanto ós queixos manchegos (ovella e mestura) coma ós de leite de vaca. “Esperemos que haxa cordura, que o conflicto entre as industrias da aviación civil se solucione e que non se utilice á industria agroalimentaria para atacar á Unión Europea”, concluíu Calabozo.

Abaratamento dos lácteos nas cadeas da distribución

O abaratamento que están experimentando os produtos lácteos nas cadeas de distribución nos últimos anos é outro motivo de preocupación permanente para o sector. A Interprofesional Láctea mantén aberto un comité de enlace coa distribución no que trata de mellorar o escenario, pero o asunto é complicado. No sector, bótase en falta un maior papel do Goberno español á hora de intermediar na situación, pois a súa función de acompañamento resulta escasa e infructuosa.

En Francia, país de referencia en España, o Goberno acordou incorporar ás cadeas de distribución á Interprofesional Láctea. Preguntado por se esa podería ser tamén unha opción en España, Calabozo velle pros e contras. O principal punto a favor sería implicar ás cadeas de distribución no obxectivo de aumentar o consumo de lácteos e valorizalos ante o consumidor, algo que xa se está tratando de facer, con escaso éxito, a través do comité de enlace da Inlac coa distribución.

Entre o sector gandeiro, tamén se sopesan as opcións que hai coa distribución. “Nun futuro, está claro que teremos que ir da man da distribución ou integrala na Interprofesional. Ese debería ser o camiño para lograr que chegara máis valor do produto ás granxas”, subliñou na clausura da xornada de Santiago Javier Iglesias, de Unións Agrarias-Upa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información