“O leite e os lácteos son parte da historia da humanidade”

Falamos co doutor en Bioloxía e presidente da Fundación Iberoamericana da Nutrición, Ángel Gil, sobre o papel do leite e os lácteos na alimentación. Abordamos algunhas das cuestións xurdidas nos últimos tempos e ás que se aferran os detractores destes alimentos

“O leite e os lácteos son parte da historia da humanidade”

O doutor en bioloxía e presidente da Fundación Iberoamericana da Nutrición, Ángel Gil.

O consumo de leite e lácteos tense cuestionado moito nos últimos anos, polo que abordamos co doutor en Bioloxía e catedrático de Bioquímica e Bioloxía Molecular, Ángel Gil, algunhas das cuestións claves referidas a estes alimentos. Gil é tamén presidente da Fundación Iberoamericana da Nutrición (FINUT) e exerceu como portavoz do proxecto Horizonte 2020 da Unión Europea (UE), impulsado pola Organización Interprofesional Láctea (INLAC), e que está a proporcionar información nutricional sobre o leite e os lácteos.

Por que é recomendable o consumo de leite e lácteos?
A calidade nutricional dos lácteos fai que sexa un produto que, dentro do contexto global da dieta, contribúe a satisfacer os requirimentos de moitos nutrientes. Particularmente, as proteínas que achega o leite son dun elevado valor biolóxico comparadas coas que proporcionan os cereais ou legumes. O leite ten unha gran densidade de macro e micronutrientes e, cun contido calórico relativamente pequeno, permítenos satisfacer os requirimentos de calcio do organismo. Tamén contribúe a achegar vitamina D, AB2, riboflavina, vitamina B12, selenio ou iodo. O feito de tomar lácteos, dentro dunha dieta rica e variada, contribúe a que se cubran as necesidades, moi especialmente de calcio, xa que é un elemento que dificilmente se atopa noutros alimentos. Ademais, no caso do calcio, o leite permite unha maior absorción deste nutriente fronte a outros alimentos que o conteñen.

Con todo, nos últimos tempos os seus detractores aférranse, entre outros argumentos, á evidencia de que os humanos somos os únicos que continuamos co consumo de leite na idade adulta, para rexeitar o seu consumo.
Efectivamente os humanos somos os únicos que seguimos tomando leite, do mesmo xeito que somos os únicos que facemos lume, que cociñamos a comida, utilizamos móbiles, nos desprazamos en autos… A especie humana hai máis de 10.000 anos empezou coa domesticación dos animais para lograr carne, leite ou a súa pel. De feito, na poboación caucásica e outras poboacións do mundo desenvolveuse unha mutación para dixerir a lactosa o que nos permite seguir consumindo o leite. Así é que os humanos podemos consumir leite igual que utilizamos para alimentarnos cereais que cultivamos.

“Unha parte importante do aumento da calidade nutricional dos humanos ao longo do tempo débese ao consumo de lácteos”

Alimentámonos daquelo que podemos cultivar e criar, e o leite e os lácteos son parte da historia da humanidade. Hai referencias ao consumo de lácteos na Biblia, no Mahabharata, na India; no antigo Exipto. Xa no Neolítico se empezaron a utilizar lácteos como parte da alimentación. Hoxe sabemos que unha parte importante do aumento da calidade nutricional na especie humana ao longo do tempo se debe precisamente ao consumo de lácteos.

Produciuse un incremento da intolerancia ao leite nos últimos anos?
É certo que hai unha porcentaxe da poboación que é total ou parcialmente intolerantes á lactosa pero tamén hai moito autodiagnóstico. En España, a porcentaxe de persoas intolerantes céntrase sobre todo en poboación procedente dos continentes africano e asiático, sobre todo porque non desenvolveron a mutación que lle permite dixerir a lactosa pero, aínda así, poden tomar lácteos fermentados como iogurt, kéfir ou queixos, que teñen unha mínima cantidade de lactosa. En España, esa intolerancia oscila entre o 10 e 20% da poboación e sobre todo concéntrase en poboacións inmigrantes. Hoxe en día, a intolerancia á lactosa é moi fácil de diagnosticar por un médico que realiza unha proba básica de alento, pero estamos a ter un aumento desmesurado de persoas que din ser intolerantes sen ningún tipo de proba e que corresponde máis a unha moda.

Tamén lle saíu un forte competidor ao leite de man das bebidas vexetais, son equiparables na dieta?
En absoluto. As bebidas vexetais poden ter o seu espazo pero non son equiparables posto que as proteínas dos vexetais teñen moito menos valor e a densidade nutricional do leite é moito maior que o deste tipo de bebidas. Ademais hai outro problema engadido, a maioría de bebidas vexetais que se venden no mercado están edulcoradas con azucre, con sacarosa, cando a Organización Mundial da Saúde está a animarnos a reducir a inxesta de azucres. É certo que o leite contén lactosa, que é tamén un azucre, pero que ten outros beneficios xa que facilita a absorción de calcio ou a existencia de microorganismos intestinais que nos resultan beneficiosos, entre outras vantaxes.

“O problema radica cando se substitúe o leite por bebidas vexetais crendo que a súa achega nutricional será a mesma”

Tanto é así, que a UE xa estableceu que as bebidas vexetais non se poidan comercializar como leite, pola confusión que poida xerar. Tampouco deben figurar nos mesmos espazos que os leites. Tamén a Administración deberá tomar medidas para que o consumidor estea debidamente informado respecto diso. O problema radica cando se substitúe a inxesta de leite polas bebidas vexetais crendo que a súa achega nutricional será a mesma ou similar. Neste sentido, hai xa investigacións respecto diso, como o estudo do doutor Isidro Vitoria que reflicten os problemas derivados da substitución do consumo de lácteos por bebidas vexetais na infancia.

O consumo do leite viuse afectado pola preocupación pola inxesta de graxas na dieta fronte ao incremento da obesidade?
Hai que partir de que o exceso de graxas, especialmente das saturadas, é algo sobre o que a Organización Mundial da Saúde (OMS) incide e recomenda non exceder o 10% da enerxía máxima. Por iso, cando alguén consome lácteos ten que telo en conta e a inxesta debe de ser de entre 2 e 4 lácteos dependendo da idade.

“A graxa láctea ten moitos beneficios relacionados coa diminución da incidencia de cancro de colon e colorrectal”

Así, cando falamos de queixo curado refírese a racións duns 40 gramos, se é leite referímonos a 200-250 mililitros, en queixo fresco a ración sería de 60 gramos e de iogur serían 65 gramos. Os adultos deben inxerir da orde de 2 racións, un neno debe tomar, se é moi pequeno, entre 4 e 5 racións; nos anciáns o recomendado é de 3 racións  e nos adolescentes debe ser de entre 3 ou 4.

Estas recomendacións están moi estudadas e, de feito, recóllense nas guías que manexan tanto no Instituto de Medicina de Estados Unidos como na Sociedade Española de Nutrición Comunitaria. A inxesta debe ser apropiada xa que se se excede pode ser demasiada graxa, aínda que no contexto dunha dieta equilibrada, a graxa láctea ten moitos beneficios relacionados coa diminución da incidencia de cancro de colon e colorrectal.

“A ciencia demostrou que o consumo de lácteos asóciase a aspectos importantes da saúde”

O consumidor atópase que estas afirmacións, sexan de defensores ou detractores, sempre parecen afianzarse en estudos, que opción lle queda para saber a que atender?
O problema que temos nestes momentos é que co auxe das redes sociais hai tamén un aumento das noticias falsas pero para combater isto os científicos apoiámonos na ciencia. Nós non emitimos opinións, senón que damos explicacións en base aos datos científicos de calidade que se van publicando e comprobando. Basta con consultar as bases de datos internacionais como as que ofrece o Instituto Nacional de Saúde de Estados Unidos, que recompila distintos informes sobre o leite e os seus beneficios. Tamén está a base de datos Scopus, onde se poden localizar distintos traballos científicos sobre esta temática. Estas fontes o que nos permiten é ver investigacións rigorosas que nos permiten sacar conclusións fronte ás opinións que poidan dar determinados opinadores.

A ciencia demostrou que o consumo de lácteos asóciase a aspectos importantes relacionados coa saúde como a prevención da diabetes de tipo 2, ao crecemento da propia especie e a ter maior masa ósea que axuda a reducir as fracturas na vellez. O consumo de lácteos mesmo se asocia a unha menor mortalidade en base a un estudo con datos de 21 países e con máis de 300.000 persoas.

“Nos últimos 10 anos o consumo de leite líquido caeu practicamente o 20%”

Que consumo hai actualmente de leite en España? Hai diferenzas en canto a distintos sectores da poboación?
Nos últimos 10 anos o consumo de leite líquido caeu practicamente o 20%, non tanto de queixo e iogurt, aínda que a poboación española non consome moito queixo. Tanto é así, que nun dos nosos últimos estudos a nivel nacional obsérvase que até un 60% da poboación, especialmente os adultos e anciáns, non chega a cubrir os requirimentos de calcio recomendando pola Unión Europea e a redución do consumo de lácteos contribúe a incrementar estas cifras.

Como se pode reverter esta tendencia? En que hai que pór o foco?
Debe ser un esforzo de toda a sociedade. As administracións deben promover a importancia dos lácteos para a saúde con campañas informativas que cheguen a todos os sectores. Tamén é fundamental a educación nutricional, con formación específica cara aos nenos para que sexan conscientes da importancia dunha dieta equilibrada. As propias asociacións de fabricantes deben informar dos beneficios que leva o consumo de leite e lácteos e, ao mesmo tempo, os medios de comunicación deben facerse eco de informacións que estean avaladas por investigacións, contrastar a súa información, para evitar acabar transmitindo opinións como información que rematan por confundir á poboación.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información