“O leite de vaca producido en base a pasto vai aumentar no futuro”

Entrevista a Ana Isabel Roca-Fernández, investigadora galega que ven de traballar para o goberno de Estados Unidos nun proxecto sobre sistemas sustentables de produción de leite baseados nas forraxes para ganderías de vacún.

“O leite de vaca producido en base a pasto vai aumentar no futuro”

Ana Isabel Roca-Fernández nas fincas do Centro de Investigación Agraria de Mabegondo (CIAM)

Ana Isabel Roca Fernández é unha das investigadoras de España que máis sabe de produción de leite de vaca en base a pastoreo. Despois de realizar a súa tese doutoral no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, proseguiu co seu labor investigador en Pensilvania no USDA-ARS Pasture Systems & Watershed Management Research Laboratory, un centro de investigación dependente do Departamento de Agricultura do Goberno de Estados Unidos.

¿Cal é o traballo que realizabas no USDA-ARS Pasture Systems & Watershed Management Research Laboratory?
A liña prioritaria de investigación na que me atopo traballando céntrase no manexo de sistemas sustentables de produción de leite baseados nun aproveitamento eficiente dos recursos forraxeiros dispoñibles (principalmente os pastos) nas explotacións de gando vacún.

Dita liña de investigación constituíu o obxectivo fundamental da miña Tese Doutoral Europea “Sustainable milk production systems in humid areas using farm resources”, levada a cabo no Departamento de Produción Animal do Centro de Investigacións de Mabegondo (CIAM), en calidade de bolseira predoctoral do Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria, e cuxa defensa tivo lugar na Universidade de Santiago de Compostela.

¿Que importancia teñen os sistemas de produción de leite baseados no pastoreo en Estados Unidos?
Os sistemas de produción de leite baseados en pastoreo resultan actualmente minoritarios nos EE.UU. Con todo, obsérvase unha tendencia ao seu incremento coa procura por parte dalgúns gandeiros americanos de sistemas que lles permitan minimizar os custos de alimentación do gando vacún, utilizando os pastos como base principal da súa alimentación, e obter produtos de calidade diferenciada cos que poidan valorizar o leite producido mediante a elaboración de iogures, queixos e sobremesas lácteas.

“Aínda que minoritario, o pastoreo vai a máis en Estados Unidos para reducir custos e diferenciar o leite”

Existen na actualidade dúas organizacións que levan a cabo un papel relevante para o desenvolvemento de sistemas de produción animal baseados no emprego de forraxes. Por unha banda, o American Forage and Grassland Council, que é unha organización que promove o uso dos pastos e á cal están asociados 2.500 membros.

E por outra banda está o Grass Feed Exchange, que é unha organización sen ánimo e lucro promovida por gandeiros que sustentan o seu modelo de produción no pastoreo.

A procura dun modelo produtivo baseado no uso dos recursos existentes na propia explotación levou a estes gandeiros americanos, principalmente a aqueles presentes en zonas de EE.UU. con condicións edafo-climáticas favorables para o crecemento da herba durante un gran parte do ano, á posta en marcha de estratexias coas que poidan obter pasto, en cantidade e de calidade, para maximizar a inxestión de materia seca por animal.

Por outra banda, existe unha cooperativa leiteira chamada Organic Valley  a cal recolle o maior volume de leite ecolóxico producido por gandeiros estadounidenses que basean o seu modelo produtivo na utilización de forraxes como vía principal para alimentar ao gando.

¿En que zonas se concentra a produción de leite de pasto en Estados Unidos e canto representa sobre a produción nacional?
Os sistemas de produción de leite baseados en pastoreo atópanse concentrados nos estados situados na rexión Noroeste de EE.UU. entre os que se atopan: Maine, New Hampshire, Vermont, Massachusetts, Rhode Island, Connecticut, New York, New Xersei e Pennsylvania. No estado de New York é onde se atopa máis estendido o uso do pastoreo para a alimentación do gando de vacún de leite.

“En Estados Unidos sácanse as vacas a pacer entre 6 e 7 meses ao ano”

Na actualidade, a superficie agrícola dedicada a pastoreo en toda a rexión Noroeste de EE.UU. resulta inferior á 10% da área total. A estación de pastoreo concéntrase tipicamente durante 6 a 7 meses ao ano, de primavera a outono, e o resto do tempo os animais permanecen estabulados, recorréndose á suplementación con outros alimentos, como silo de millo e concentrado (a base de soia, melazas e sementes de oleaxinosas).

Organic Valley é unha empresa que elabora derivados lácteos de leite de pastoreo

Organic Valley é unha empresa que elabora derivados lácteos de leite de pastoreo

Os sistemas de pastoreo na Unión Europea foron retrocedendo fronte aos sistemas intensivos. ¿A que se debe?
Débese a unha intensificación cada vez maior do modelo produtivo imperante nas explotacións gandeiras europeas e estadounidenses de maneira que a nivel mundial viuse nos últimos 50 anos como tivo lugar un predominio dos sistemas de estabulación do gando vacún de leite e unha alimentación baseada principalmente no uso do silo de millo e a suplementación con altas doses de concentrado.

Isto provocou que se relegase o pastoreo a situacións marxinais debido á boa resposta do litro de leite producido ao quilogramo de concentrado utilizado (de ata 1,5:1). Porén, dita relación en épocas de gran volatilidade dos mercados como as vividas nos últimos anos, en relación ao prezo das materias primas, puxo en cuestión o modelo produtivo imperante en zonas tépedas e húmidas nas que se podería recorrer a un uso maior das superficies forraxeiras para a alimentación do gando.

¿Está a producirse, por tanto, un regreso ao pastoreo no vacún de leite?
Nos últimos anos parece observarse en EE.UU. e Europa unha lixeira tendencia a unha volta aos sistemas de produción de leite en pastoreo por razóns non soamente económicas senón tamén sociais, ambientais e de benestar dos animais. Algúns gandeiros empezan a ser conscientes do feito de que existe un número crecente de consumidores (especialmente os que consomen produtos ecolóxicos) que están dispostos a pagar un prezo maior polos produtos producidos nas explotacións que basean o seu modelo de produción no desenvolvemento de sistemas sustentables nos que se teña en conta a interacción solo-planta-animal-medioambiente.

Nos próximos 20-30 anos hai tres factores claves que poden posibilitar o incremento do número de explotacións leiteiras que baseen o seu sistema de produción na utilización dos recursos forraxeiros existentes na propia explotación, principalmente os pastos.

En primeiro lugar, prevese un aumento mundial da demanda de leite, polo crecemento demográfico. En segundo lugar, existe unha preocupación cada vez maior por parte da sociedade do impacto ambiental das prácticas agrícolas teñen sobre o ecosistema, e é probable que sexa un factor cada vez máis importante. E finalmente, hai unha crecente preocupación por parte dos consumidores acerca da calidade dos alimentos, incluída a seguridade alimentaria e o benestar dos animais, especialmente no mundo desenvolvido.

Do mesmo xeito que ocorreu coas explotacións europeas, nos últimos 10 anos observouse en EE.UU. que o número total de explotacións leiteiras convencionais que aínda se atopan operativas diminuíu paulatinamente de maneira que actualmente permanecen en activo en EE.UU. tan só un 40% das existentes previamente, o tamaño do rabaño leiteiro viuse incrementado ata un 60% e a produción de leite por vaca viuse incrementada ata un 20%.

 “O goberno de Estados Unidos prevé implantar unha certificación para o leite de pastoreo”

O modelo produtivo imperante en EE.UU. segue sendo, hoxe en día, un modelo intensivo no que prima a produción de leite por animal. Con todo, dita intensificación non constitúe a base do modelo produtivo a seguir por un crecente número de gandeiros estadounidenses que ven a posibilidade de orientar a súa produción cara a outro nicho de mercado.

Dentro do Departamento de Agricultura dos EE.UU. dáse soporte a gandeiros para o desenvolvemento de produtos ecolóxicos (https://www.usda.gov/topics/organic). E en xaneiro de 2017, publicouse na páxina web http://civileats.com/2017/01/04/a-new-grassfed-standard-for-dairy-debuts/ que se agarda a entrada no mercado estadounidense dunha etiqueta que certifique a orixe do leite producido en sistemas de pastoreo.

Iso supoñería un enorme impulso ao desenvolvemento dos devanditos sistemas extensivos en EE.UU. e reforzaría a aplicación dun modelo no que se prime o uso dos pastos como base da alimentación do gando vacún leiteiro, algo que xa sucede desde anos co gando vacún de carne en pastoreo (http://www.americangrassfed.org/).

¿Que vantaxes competitivas presentan os sistemas de produción de leite baseados no pastoreo fronte aos máis intensivos?
Unha recompilación dunha vintena de estudos levados a cabo en varias granxas de EE.UU. nas que se compararon os sistemas de produción en pastoreo con aqueles baseados na estabulación do gando vacún leiteiro demostraron que as explotacións estadounidenses que confían nos pastos como base para alimentar aos seus rabaños leiteiros observan unha vantaxe competitiva de ata $100-200 (ao redor de 90-180 euros) no rendemento por ano de cada animal.

“En Estados Unidos as vacas en pastoreo deixan entre 90 e 180 euros máis de beneficio ao ano que as estabuladas”

Deles, máis do 50% atópanse atribuídos ao emprego de forraxes verdes, como base para a alimentación do gando, e unha mellora na capacidade produtiva dos animais, motivado por un incremento na súa lonxevidade e menor número de substitucións por problemas reprodutivos, sanitarios e de estado do ubre.

No estado de Nova York observouse que os ingresos netos anuais para unha explotación media de 85 vacas representaron ata $71 por animal e $6,035 para o conxunto do rabaño leiteiro en muxido. O que equivale a uns 5.400 euros por ano para o global da explotación.

¿Cales son os erros máis comúns que se cometen na xestión do pastoreo?
Os erros máis comúns que se adoitan cometer na xestión do pastoreo poderían atribuírse maioritariamente a un mal aproveitamento das superficies forraxeiras de maneira que non se logra que os animais inxiran pasto en cantidade e de calidade, cun alto contido en follas, e por tanto en proteína, e baixo en material senescente, ou fibra.

¿Que perspectivas de futuro prevés para o pastoreo en vacún de leite durante os próximos anos en Galicia?
As perspectivas de futuro para o desenvolvemento de sistemas de produción de leite en pastoreo tanto a nivel de Galicia como a nivel internacional son favorables, a condición de que iso se acompañe dunha re-estruturación da superficie agraria dispoñible, especialmente daquela que debería estar dedicada a pastos. Todo iso tendo en conta o contexto de globalización no que nos atopamos e ao que teñen que facer fronte as explotacións leiteiras.

Traballos efectuados por Dillon (2006) en Irlanda presaxian un aumento da produción de leite en zonas húmidas con condicións edafo-climáticas favorables para o crecemento da herba ao longo da maior parte do ano, como é o caso de boa parte de Galicia. Este aumento na produción de leite viría motivado por un incremento mundial na demanda de produtos de orixe animal e por unha alta volatilidade no prezo das materias primas utilizadas para alimentación animal.

“As perspectivas para o leite de pastoreo son favorables en Galicia e na Cornixa Cantábrica”

En 2015 a desaparición do réxime de cotas lácteas fixo que países como Holanda, Irlanda, Alemaña e Francia se lanzaran a incrementar a súa produción de leite coa finalidade de acaparar unha maior cota de mercado. Irlanda incrementou a súa produción de leite a través do emprego dun sistema de baixos insumos no cal se trata de reducir ao máximo os custos de alimentación do gando recorrendo ao manexo dos pastos como a fonte máis barata para alimentar aos rumiantes.

Galicia e outras rexións húmidas da Cornixa Cantábrica (como Asturias, País Vasco e Navarra) posúen condicións adecuadas para o crecemento da herba e o aproveitamento das superficies forraxeiras dedicadas a pastos, polo que o futuro do sector lácteo nas devanditas rexións resulta esperanzador a condición de que se adapte o modelo produtivo ao contexto socio-político-económico que se está a vivir.

¿Cales son os países referentes en pastoreo en vacún de leite?
Os dous países desenvolvidos que actúan como referente a nivel mundial do desenvolvemento de sistemas de produción de leite en pastoreo son Irlanda e Nova Zelandia. Ambos teñen modelos produtivos baseados no aproveitamento dos pastos como alicerce básico para a alimentación do gando vacún leiteiro. En concreto, centran o seu sistema de alimentación fundamentalmente no uso de gramíneas, como o raigrás inglés, e recorrendo en menor medida a leguminosas, como o trevo branco, coas que levar a cabo o proceso de fixación do nitróxeno atmosférico e reducir os custos de abonado con fertilizantes inorgánicos.

As explotacións neozelandesas caracterízanse ademais polo emprego de vacas de raza Holstein-Friesian neozelandesas adaptadas ao pastoreo.

¿Avanzarase cara a unha certificación e identificación do leite de vaca producida en base a pasto ou a certificación ecolóxica provocará que sexa difícil diferenciala?
A certificación de leite producido en base a pastoreo pode ser posible tendo en conta o perfil de ácidos graxos do leite producido en base a pastos fronte ao leite producido en base ao emprego de silo (xa sexa de herba ou de millo) ou concentrado. A certificación bio- ou ecolóxica non ten porqué resultar excluínte a unha certificación de leite producido en base a pastoreo.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información