Celta lanza unha liña de leite de pastoreo

Leche Celta acaba de sacar este tipo de leite ó mercado e amplía a oferta destes produtos, que iniciou hai uns meses Larsa. A industria incorpora tamén a esta gama unha certificación de Benestar Animal

Celta lanza unha liña de leite de pastoreo

Referencias de Celta de leite de pastoreo.

Leche Celta acaba de sacar ó mercado o seu leite de pastoreo, que xa está dispoñible nos lineais das cadeas de distribución de Día e Carrefour. O operador lácteo radicado en Galicia, propiedade da cooperativa portuguesa Lactogal, súmase ás industrias lácteas que contan no mercado con leite de pastoreo. Leche Celta é a segunda firma en ofrecer este tipo de leite no mercado estatal, logo de que hai uns meses Larsa, filial de Central Lechera Asturiana, se adiantara coa posta á venta deste leite diferenciado en base á alimentación con pasto.

Celta conta tamén cunha certificación de Aenor en Benestar Animal. Ademais, tal e como informou a industria nun comunicado, o produto conta tamén coa marca de garantía Galega 100%, outorgada polo Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal).

O leite de pastoreo

O operador Leche Celta aposta agora polo leite procedente de vacas que se alimentan en parte de pastos. É unha proposta que para a compañía non só atende a cuestións nutricionais, senón que tamén favorece a sostibilidade medioambiental e a conservación da biodiversidade da paisaxe.

Toda a produción empregada por Celta Leche de Pastoreo procede de explotacións de Galicia

Este método de produción tamén favorece o benestar do animal, como acredita o propio selo. Neste senso, o pastoreo propicia que a vaca desenvolva un patrón de comportamento natural no que se aprecia unha redución do estrés, enfermidades e a mellora do seu estado de saúde, segundo indica a industria.

As investigacións revelan tamén que o pastoreo proporciona un leite máis saudable, como xa certificaran uns estudos realizados no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), nos que se comparou o perfil de ácidos graxos do leite e a súa relación coa dieta das vacas. A conclusión destas investigacións concretaban que o incremento de pasto, e en consecuencia de herba verde na ración, proporciona valores máis elevados de ácido graxo omega-3, CLA e vaccénico, todas elas graxas saudables, e menor cociente omega-6/3.

Proba gratuíta
No marco da campaña de lanzamento e para animar ós consumidores a probar a nova Celta Leche de Pastoreo, a empresa anuncia unha promoción pola que os clientes poden reembolsarse o importe da compra das referencias enteira, semidesnatada, desnatada en formato dun litro. Pódense consultar as bases da promoción na web www.lechedepastoreo.com.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información