O Goberno aproba por fin a etiquetaxe obrigatoria da orixe do leite

A partir de xaneiro de 2019 será obrigatorio en España que o leite, o queixo ou os iogures indiquen na etiquetaxe o país de orixe do leite. Os produtores confían en que redundará en mellores prezos, pero critican tamén as ambigüidades da norma

O Goberno aproba por fin a etiquetaxe obrigatoria da orixe do leite

O Consello de Ministros aprobou hoxe, a proposta do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, un real decreto polo que se establece a obrigatoriedade de incluír a indicación de orixe na etiquetaxe do leite e dos produtos lácteos. A normativa forma parte do Acordo Lácteo alcanzado en setembro de 2015, pero non foi até agora, tres anos despois, cando o goberno decidiu aprobar o decreto, a pesar do informe en contra do Tribunal de Defensa da Competencia.

A etiquetaxe da orixe do leite, unha reivindicación de gandeiros e consumidores, será obrigatorio a partir de xaneiro de 2019 e agora ábrese un período de adaptación de 4 meses para a industria e a distribución. O anterior executivo tiña xa lista para aprobar a norma en maio, pero as dúbidas expostas por Competencia e a moción de censura postergaron a súa aprobación.

Os gandeiros cren que con esta medida, xa vigor en países como Francia ou Italia, os consumidores apoien máis o produto de orixe española, o que, por lóxica, debería levar a uns mellores prezos, tendo en conta que a produción nacional de leite de vaca cobre apenas o 75% do consumo de España. Un exemplo sería Francia, onde desde a entrada en vigor da etiquetaxe obrigatoria da orixe do leite, as importacións de leite reducíronse nun 45%.

A normativa cumpre coa lexislación da Unión Europea, xa que o Regulamento da Unión Europea en vigor sobre información ao consumidor, e en particular á etiquetaxe de alimentos, é voluntario para cada país.

Con esta medida, a etiquetaxe do leite e os produtos lácteos elaborados en España deberán identificar o “país de muxido” e o “país de transformación” do leite utilizado como materia prima.

Cando o país de muxido e/ou de transformación sexa exclusivamente España, sempre deberá indicarse “España” e non se poderá substituír pola expresión “UE”. Con todo, cando o leite non sexa exclusivamente español, terá que indicarse “País de munguido” e “País de transformación”, seguidas do nome do/dos Estados Membros (EEMM), ou “UE”, “fóra da UE”, “UE e fóra da UE”. Desta forma, a etiqueta destes produtos distinguirá claramente o leite muxido e transformado en España.

Produtos aos que afectará:

-Leite e nata, sen concentrar, azucarada nin edulcorada doutro xeito.
-Leite e nata, concentradas, azucaradas ou edulcoradas doutro xeito.
-Soro de manteiga, leite e nata calladas, iogur, kefir e demais leites e natas, fermentadas ou acidificadas, mesmo concentrados, azucarados, edulcorados doutro xeito ou aromatizados, ou con froita ou cacao.
-Lactosoro, mesmo concentrado, azucarado ou edulcorado doutro xeito; produtos constituídos polos compoñentes naturais do leite, incluso azucarados ou edulcorados doutro xeito, non expresados nin comprendidos noutras partidas.
-Manteiga e demais materias graxas do leite.
-Queixos e requeixo.

Entrará en vigor con carácter obrigatorio a partir de xaneiro de 2019

A obrigatoriedade de inclusión da orixe na etiquetaxe láctea, que estará en vigor durante un período de dous anos, comezará a aplicarse a partir do catro meses da súa publicación no Boletín Oficial do Estado, polo que a industria láctea terá tempo en adaptarse.

En canto aos produtos legalmente fabricados antes da entrada en vigor do Real Decreto, poderán comercializarse ata que se esgoten as súas existencias.

O 88% dos consumidores españois reclaman esta medida

Con esta medida posta en marcha polo Goberno os consumidores españois van poder ter unha información clara sobre onde se muxiu e transformado o leite e os derivados lácteos que compren. Trátase dunha medida en favor da información veraz e un compromiso da industria láctea coa transparencia.

Segundo se constata nalgunhas enquisas, os consumidores queren coñecer a orixe dos alimentos que adquiren. De acordo con eses datos, o 88% dos consumidores españois, un 4% máis que os europeos, estiman necesaria a identificación da orixe do leite como produto e como ingrediente doutros produtos lácteos  e o 86% dos distribuidores na súa maioría consideran que o identificativo da orixe española aumentaría as súas vendas de leite

En liña con esta proposta do Goberno, o Ministerio está a comezar a promover un cambio na etiquetaxe do mel para indicar a súa procedencia.

Valoracións dos representantes dos produtores:

Unións Agrarias: “É necesario que o Goberno realice unha campaña de divulgación”

Desde Unións Agrarias, o seu secretario xeral, Roberto García, valora positivamente a aprobación do decreto por parte do Consello de Ministros, “por un goberno que por primeira vez desoíu ao Tribunal de Defensa da Competencia”.

Isabel Vilalba, do SLG; Miguel López Crespo, da Unión de Consumidores de Galicia, e Roberto García, de UUA, reclamando a etiquetaxe obrigatoria

Isabel Vilalba, do SLG; Miguel López Crespo, da Unión de Consumidores de Galicia, e Roberto García, de UUA, reclamando a etiquetaxe obrigatoria

En todo caso, para que sexa efectiva esta medida defende que “é necesario realizar unha campaña de comunicación con diñeiro público, non pagada polos gandeiros, para dar a coñecer aos consumidores e á opinión pública en xeral en que consiste este decreto e a importancia de fixarse na orixe do leite e dos produtos lácteos á hora da compra”.

Roberto García lembra tamén que “esta demanda da etiquetaxe obrigatoria da orixe foi impulsada desde Galicia, a través dun acordo de colaboración coa Unión de Consumidores de Galicia” e na que tamén participou Unións Agrarias e o Sindicato Labrego Galego.

Por ultimo, o secretario xeral de Unións espera que “o novo Goberno siga na mesma liña e tres anos despois aproba os outros compromisos do paquete lácteo: negociación colectiva obrigatoria entre produtores e industria, que se publiquen os prezos que lle paga a distribución á industria láctea, que se persiga realmente a utilización do leite como produto reclamo e que se garantan as marxes para que cada un dos elos da cadea, empezando polos gandeiros, cubran os custos de produción”.

Sindicato Labrego: “É imprescindible garantir prezos xustos para o sector produtor”

Na mesma liña, Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, lembra que “coñecer a orixe do leite é un dereito fundamental das persoas que compramos un alimento para poder elixir de forma consciente”.

Porén, critica que no decreto “síguese sen apostar por unha etiquetaxe clara, xa que se dá cabida a denominacións ambiguas, como produto da UE ou fóra da UE, o que coarta a capacidade de elección das persoas consumidoras”.

“Gustaríanos que o decreto fóra moito máis alá, incluíndo na etiquetaxe tamén o tipo de leite e información vez sobre se foi producido dunha forma respectuosa co medio ambiente e garantindo ao produtor uns ingresos xustos, xa que o actual selo PLS non ten contido real”, conclúe Isabel Vilalba.

COAG: “O decreto é positivo pero presenta importantes carencias”

A Coordinadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros (COAG) felicítase pola aprobación do Real Decreto que obriga a etiquetar o país de orixe do leite e os produtos lácteos.

Sen embargo, consideran que a norma adoece dalgunhas cuestións importantes:

-A fórmula elixida para identificar a orixe do leite e os produtos lácteos resultará confusa para os consumidores, pois se o país de muxido, de transformación non é España poderá substituírse por “UE” ou “fóra da UE” ou “UE e fóra da UE”.

-Só será obrigatorio indicar a orixe do leite utilizado como ingrediente cando esta represente unha porcentaxe superior ao 50% (en peso) respecto ao total de ingredientes utilizados no produto lácteo final.

-Non é definitivo. O RD aplicarase durante un período de 2 anos desde a súa entrada en vigor (sen prexuízo de que poida perder os seus efectos no caso de que a Comisión Europea adopte algún acto de execución noutro sentido).

-Ademais, o Ministerio de Agricultura non reflicte a vontade de avaliar o resultado da aplicación do RD unha vez transcorridos os dous anos de aplicación do mesmo. Dado que se trata dunha norma con carácter experimental, desde a COG consideran que deberían avaliarse os logros conseguidos coa súa aplicación tras ese período de dous anos.

-Non fai ningunha mención aos labores de control nin ás sancións en caso de incumprimentos.

Consulta aquí o Real Decreto publicado no BOE

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información