O Festival do Leite leva este sábado a Pontevedra 12 horas de música en vivo

O evento, que chama a atención sobre a importancia estratéxica do sector lácteo galego, conta como cabezas de cartel deste ano con Ses, De Vacas, The Limboos e Triángulo de Amor Bizarro

O Festival do Leite leva este sábado a Pontevedra 12 horas de música en vivo

Imaxe dun intre do Festival do Leite o pasado ano en Lugo. / Arquivo.

O Festival do Leite, organizado por Deleite, leva este sábado a Pontevedra un cartel de concertos co mellor da música galega do momento. Ses, De Vacas, The Limboos e Triángulo de Amor Bizarro encabezan un elenco de artistas que encherá de música durante todo o día a Illa das Esculturas.

O evento está organizado por Deleite, unha marca que volveu ó mercado no 2016 impulsada pola sociedade Leite Noso, constituida por un grupo de gandeiros galegos que se xuntaron para asumir de xeito directo o reto de comercializar o seu leite, sen intermediación dunha industria. Coa organización do Festival, Leite Noso quere chamar a atención sobre a importancia estratéxica do sector lácteo para Galicia.

Desde Leite Noso destacan que en Galicia existen aínda arredor de 8.000 ganderías que viven directamente do leite, xerando un emprego no conxunto do sector lácteo galego dunhas 50.000 persoas. “É un sector de vital importancia para a economía do rural. Somos unha das dez rexións da UE que máis leite producimos e aportamos case o 40% da produción española” -destacan-. “E temos un leite de calidade, producido por ganderías moi profesionais que conforman un sector dinámico e en evolución”.

O cartel do Festival do Leite, de acordo coa filosofía de Deleite, céntrase na promoción de grupos galegos, “pois en Galicia temos unha escena musical sobresaínte e Deleite quere contribuír a súa posta en valor”, subliñan.

Programación
O Festival, que chega este ano en Pontevedra a súa terceira edición, tras as celebradas en Santiago e Lugo, comezará ó mediodía e continuará ata pasada a medianoite. Con este horario, o obxectivo do Festival do Leite é facilitar a asistencia de tódolos públicos, incluidas familias con [email protected] [email protected], que poderán disfrutar de dous espectáculos infantís, a cargo de María Fumaça e a Gramola Gominola, así coma dun obradoiro de debuxo de Luis Davila, ‘O bichero’, que estará na illa das Esculturas a partir das 12 do mediodía.

A entrada ó Festival é de balde e haberá postos de comida e bebida para quen queira pasar no Festival todo o día.

Horarios do Festival
– María Fumaça: 12.30 h. (Espectáculo infantil)
– Cora V: 13.30 h.
– De Vacas: 14.15 h.
– Gold&Colt: 15.15 h.
– Soul Jacket: 16 h.
– Gramola Gominola: 17 h. (Espectáculo infantil)
– Bifannah: 18 h.
– Sés: 19 h.
– La Casa de los Ingleses: 20.30 h.
– The Limboos: 21.15 h.
– Disco Las Palmeras: 22.15 h.
– Triángulo de Amor Bizarro: 23 h.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información