produtos lácteos acto unions

O etiquetado en orixe dos lácteos frea as importacións de leite líquido e lactosoros

A normativa que obriga desde xaneiro a identificar a orixe do leite non logra polo de agora minguar as compras ao exterior de queixos e leite en po

A entrada en vigor en xaneiro da normativa que obriga a identificar a orixe do leite está a demostrar os seus efectos no mercado. As compras ao exterior de leite líquido reducíronse nos dous primeiros meses do ano en comparación co mesmo periodo de anos precedentes, e o mesmo sucedeu cos lactosoros. A parte negativa é que en queixos e leite en po, España continúa aumentando as súas compras ao exterior.

A normativa que obriga a identificar a orixe do leite en tódolos alimentos con máis dun 50% de lácteos busca un dobre efecto. Por un lado, lograr a complicidade do consumidor coa produción da cadea láctea española. Polo outro, identificar de xeito público a aquelas empresas que continúen apostando pola importación de produtos lácteos.

O cambio normativo semella ter logrado xa un impacto na industria láctea e alimentaria, pois baixaron ás compras ó exterior tanto de leite líquido como de ingredientes lácteos usados pola industria alimentaria, caso dos lactosoros e o soro de manteiga (mazada). Nos dous primeiros meses do ano, España importou 21.500 toneladas de leite sen concentrar, un 13% menos que no mesmo periodo do ano anterior. É ademais a cifra máis baixa de importacións dos últimos cinco anos, nos que se produciu unha baixada significativa das compras de leite ó exterior.

A diminución na compra ó exterior de lactosoros nos dous primeiros meses do ano é incluso máis significativa, pois ronda unha redución do 30% en relación ó mesmo periodo do pasado ano.

Queixos e leite en po
Onde polo de agora non ten impacto a normativa é na compra de queixos e leite en po ó exterior. Os queixos importados de Centroeuropa copan gran parte dos liñais das cadeas de supermercados en España, unha tendencia que non experimentou polo de agora cambios. De feito, as compras de queixos ó exterior aumentaron máis dun 20% nos dous primeiros meses do ano en relación ó pasado exercicio, sendo ademais a maior cifra de importacións de queixos dos últimos cinco anos no primeiro bimestre: 49.000 toneladas.

O sector agarda próximas campañas de comunicación por parte do Ministerio e da Interprofesional Láctea para poñer en valor os lácteos españois, de xeito que o consumidor tome maior conciencia sobre a importancia das súas decisións de compra. Un segundo foco, xa no medio e longo prazo, sitúase na necesidade de que a industria láctea española mellore a súa oferta de queixos, con variedades, formatos, calidades e prezos que sexan competitivos coas importacións procedentes de Europa.