O debate sobre as terras agrarias pecha a xornada de Africor Lugo e Afriga TV

O debate sobre as terras agrarias pecha a xornada de Africor Lugo e Afriga TV

Participantes na mesa redonda sobre as terras para uso agrario

A Facultade de Veterinaria de Lugo acolleu hoxe a novena edición da Xornada Técnica de Produción de Leite organizada por Africor Lugo e a revista Afriga, e inaugurada por Ángeles Vázquez, conselleira do Medio Rural; Álvaro Santos, deputado provincial; Laura Lema, responsable de Negocios e Sector Primario da delegación territorial de CaixaBank en Galicia, e José Carlos Vega e Juan Novo, presidentes de Africor Lugo e Afriga, respectivamente.

Na primeira conferencia do día quixo abordarse o cruzamento industrial de gando frisón con razas de aptitude cárnica, unha práctica cada vez máis habitual nas ganderías que debe facerse ben para que supoña un valor engadido. María Traba, veterinaria de Acruga, resaltou a dificultade de parto, a duración da xestación e a fertilidade coma os tres parámetros fundamentais a ter en conta e ofreceu as conclusións dun estudo específico feito con datos do control leiteiro da provincia de Lugo de 2010 a 2014 que sitúan a raza Rubia Galega coma a máis equilibrada para os devanditos cruzamentos, posto que os seus touros son os máis fértiles e ten unha facilidade de parto elevada.

Seguidamente interveu o tamén veterinario Christoph Egli, director mundial de marketing de Idexx, para presentar unha nova ferramenta coa que diagnosticar a preñez das vacas a partir dunha mostra de leite, un servizo que vén de implantar o Ligal e cuxo obxectivo é a mellora da eficiencia reprodutiva. Serve para detectar as glicoproteínas asociadas á xestación que se producen a nivel placentario e que aumentan ata o momento do parto e pode facerse aos 28 días postinseminación.

Destacou entre as súas vantaxes que é fácil de usar, dá bos resultados e comporta beneficios económicos, por exemplo, ao reducir o número de días de vacas baleiras porque as descobre con anterioridade.

O público asistente puido escoitar ademais a Fernando Fariñas, codirector do ImmuneStem de Málaga, quen explicou nun par de charlas, dun xeito ameno e ilustrativo, a inmunoloxía no periparto da vaca. Comezou por describir o sistema inmune do animal e o tipo de respostas deste contra as infeccións para enfatizar que cando unha vaca está xestante, no denominado periparto (os 90 días deste período crítico), parte dese sistema está bloqueado e a fai máis vulnerable, o que sumado ao estrés fisiolóxico, a unha mala alimentación cun balance enerxético negativo e á inmunodepresión na glándula mamaria vai xerar unha baixada de defensas que pode desencadear un aumento de mamites, metrites e retención de placenta no posparto.

Nas súas palabras, “os problemas do día a día no posparto teñen que ver totalmente co sistema inmunolóxico” e “o futuro está no uso de fármacos inmunomoduladores para equilibrar todo este proceso”. A súa segunda intervención afondou precisamente sobre a inmunomodulación na mamite como medio de previr as complicacións infecciosas secundarias relacionadas coa inmunodepresión.

A mesa redonda

O xornalista Xoán Ramón Alvite moderou un debate sobre a dispoñibilidade de terras para usos agrarios en Galicia no que participaron Ramón Saavedra (Colexio de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia), Antonio Crespo (Agader), Quico Ónega (Laboratorio do Territorio da USC) e César Resch (Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo), que achegaron distintos puntos de vista.

Saavedra fixo fincapé na necesidade de respectar a ordenación para que sexan compatibles a produción forestal e a agrogandeira, de canalizar as denuncias de forma anónima e mesmo de “forzar a mobilidade” de terras.

Crespo defendeu que se deron unha serie de pasos, coma o Banco de Terras, a Lei de Montes ou a Lei de Mellora da Estrutura Agraria de Galicia, pero recoñeceu que esta lexislación “ten pouco reflexo”, polo que remarcou que “hai que achegarlle á xente o que está feito” para que se aproveiten mellor estes instrumentos. Por outra banda, afirmou que sería interesante cuantificar que necesidade hai de terras, en alusión a parcelas que levan anos metidas no Banco e que non foron solicitadas para uso agrario, cuestionando o interese real nelas.

Ónega interactuou cos gandeiros para poñer de manifesto que falar de terras é diferente para cada explotación e animounos a reivindicar este tema porque “é algo no que ten competencias a Administración, máis que para marcar un prezo mellor”. Cre que as leis en vigor son suficientes pero hai que aplicalas e dotar de recursos humanos e económicos as ferramentas coas que xa se conta, e valorou a terra como “unha das poucas cousas que nos permitiría diferenciarnos no mercado internacional”.

Para Resch o problema é maior e conxuntural e a solución está na creación de sistemas resistentes ante contextos de incertidume dos mercados, na posta en marcha dunha “estratexia de sector” aquí como a que puido observar na súa estadía en Irlanda, coa que en épocas de bonanza non gañan moito pero en épocas de crise aguantan; neste sentido, bota de menos a definición dun modelo produtivo a longo prazo, un plan de futuro “que ten que establecer a Administración”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información